Este venres comeza a nova edición de Sinsal SON Estrella Galicia. A illa de San Simón, en Redondela, acollerá desde este venres 23, e até o vindeiro domingo 25, a celebración dun festival único e singular no marco do panorama musical estatal. Tres xornadas de música ao vivo, un cartel secreto, unha illa e unha viaxe en barco son os elementos clave dunha programación que este ano regresa a súa esencia cunha edición nomeada Esencial, coa que quere poñer de novo en valor a estreita relación entre a creación cultural do país e a súa contorna natural e patrimonial. Nesta edición continúa a aposta e reivindicación do papel da muller na industria da música, tanto sobre o escenario coma nos seus equipos de traballo, e en consecuencia o 70% das bandas do seu cartel secreto -conformado por un total de 14 grupos de Galicia, Portugal, España e Estados Unidos- están lideradas por mulleres ou contan na súa totalidade con integrantes femininas.
Este venres día 23 o público partirá da Estación Marítima de Vigo ás 16.00 horas e do embarcadoiro de Meirande ás 17.10 horas para percorrer a Ría de Vigo e chegar a unha illa na que cada xornada se celebrarán catro concertos, ademais dunha conversa, "Localizar e deslocalizar. Conversas internacionais sobre igualdade, patrimonio e cambio climático", que pretende avanzar no debate sobre o futuro sostible dos festivais e da industria musical. Ademais haberá unha sesión de DJ para animar a despedida. Durante a tarde, as persoas asistentes poderán visitar e coñecer de perto a memoria e a natureza que se atopa no arquipélago conformado por San Simón e San Antón. Malia que esta estrutura é compartida nas dúas primeiras xornadas, no caso do día 25 a programación adiantarase dúas horas, comezando así ás 14.00 horas para o público de Vigo e ás 15.15 horas no caso do pantalán de Meirande.
Sumado aos debates e conversas sobre o futuro da industria, outra novidade desta edición será un paseo en catamarán pola enseada de San Simón cun concerto semiacústico o sábado 24. Durante o percorrido -o barco partirá ás 12.00 horas de San Adrián de Cobres-, un artista secreto galego presentará en primicia o seu novo disco. Tamén unha nova aposta será a existencia dun escensario virtual, que súmase aos dous xa existentes, FEST Galicia e SON Estrella Galicia. Fest Galicia acollerá, desde o inicio da tarde, directos de artistas galegos de creación contemporánea. De seguido, os concertos trasladaranse ao outro escenario no que, ademais de bandas galegas, tamén haberá ocasión para descubrir grupos procedentes doutros puntos da península ibérica ou mesmo internacionais.
Mais esta non será a única estrea no festival. A cineasta redondelá Diana Toucedo amosará no Sinsal SON Estrella Galicia, en exclusiva, as primeiras imaxes do seu próximo traballo. Tatuado nos ollos levamos o pouso é unha curtametraxe documental filmada en 16mm e dixital coas mariscadoras e mariñeiros da Confraría San Xoán de Redondela, cuxa rodaxe tivo lugar durante a pasada edición do Sinsal Litoral. A través dunha ollada que se achega a etnografía sensorial, a cineasta busca amosar a través dos xestos e dos coidados, o traballo das mulleres e homes do mar na ría de Vigo.
Na liña de outros anos, Sinsal manterá o seu compromiso co territorio de xerar un impacto económico positivo e colaborará con produtores, empresas e produtos locais. Así, e durante o desenvolvemento do festival, o público poderá probar a gastronomía de proximidade. Os tres días o festival contará co servizo e menús variados de 78Gastrobar, Galetruck e EcoGloria.
Sinsal SON Estrella Galicia é un festival impulsado por Sinsalaudio e que conta co patrocinio de Estrella Galicia, da Deputación de Pontevedra, de Turismo Rías Baixas e da Xunta de Galicia a través do programa FEST Galicia, no marco do Xacobeo 21-22. Todas as institucións públicas amosaron esta mañá, nun encontro que tivo lugar no porto de Cesantes, o seu apoio á iniciativa.
Una ruta nocturna por las calles del conjunto histórico de Tui llega con misterio, sorpresas y muchos sustos
Los vecinos de Vigo se han encontrado estos días con una propuesta de ocio que amenaza con brillar más que las luces. de Navidad ¡Es esta!
Una exposición de calacús, túnel del terror para todas las edades y música para celebrar un terrorífico Samaín en Porriño
Llega el tiempo de comer cocido y A Cañiza ya pone fecha para disfrutar de este plato típico de la gastronomía gallega en estos ocho locales
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL