O mercado laboral vai demandar perfís fundamentalmente tecnolóxicos e estímase que, en menos de dous anos, o 45% dos empregos estarán relacionados coa contorna dixital. Pola contra, a presenza de mulleres neste tipo de titulacións decrece cada ano e, a pesar de representar o 54,8% do total do estudantado no sistema universitario español, supoñen só o 25% do alumnado das titulacións técnicas. Detrás da escasa presenza de mozas nestas carreiras hai múltiples motivos, entre eles a falta de referentes femininos, que é o que quere proporcionar o programa Inspira STEAM, unha iniciativa estatal capitaneada na provincia de Pontevedra pola Universidade de Vigo e a Deputación. Trátase de achegarse aos centros educativos para dar a coñecer entre o alumnado perfís de mulleres tecnólogas que inspiren vocacións en carreiras científicas e tecnolóxicas, principalmente entre as nenas.
Este mércores, a presidenta provincial, Carmela Silva e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, presentaron a cuarta edición do programa e fixeron balance desta iniciativa dende que arrancou en Pontevedra en 2018. Neste tempo, Inspira STEAM chegou a preto de 1000 estudantes (497 nenas e 488 nenos) de 26 colexios da provincia da man de 76 mentoras. Dende hai dous anos, como explicaba a vicerreitora, a Deputación financia a iniciativa, “o que nos permite ir chegando cada vez a máis colexios e máis nenas”.
A vicerreitora Natalia Caparrini salientaba que detrás da “escasa presenza feminina nas carreiras científicas e tecnolóxicas hai varios motivos, como a falta de referentes que inspiren ás nenas, a perpetuación dos estereotipos de xénero nas profesións ou o feito de que non se senten con cualificación suficiente para desenvolverse nun eido que perciben como eminentemente masculino”. Para mudar esta situación, Inspira STEAM optou por fomentar as vocacións por titulacións de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) entre as mozas. Son precisamente as propias mulleres profesionais destes campos as que se achegan aos centros escolares para amosarlles a nenos e nenas como desenvolven a súa carreira a través de sesións de mentoring grupal. Trátase de loitar contra os prexuízos visibilizando “novos referentes de mulleres tecnólogas próximas e facilitando que rapaces e rapazas descubran as profesións STEAM e se conciencien sobre a necesidade de que o desenvolvemento do país se produza entre homes e mulleres, poñendo en valor as mulleres STEAM da historia e actuais”.
Pola súa banda, Carmela Silva remarcaba que este proxecto “non é necesario, é imprescindible” porque, remarcaba, “ a sociedade no seu conxunto ten que estar moi preocupada polo que sucede coas decisións que toman as nosas nenas na eleccións das carreiras que van estudar e que van determinar cal será a súa posición no mundo”. A presidenta da Deputación agradeceu o traballo, esforzo e implicación de todas as mentoras pero tamén quixo denunciar a “escasa ou nula presenza de mulleres nos libros de texto ou nos medios de comunicación” e a existencia de nesgos de xénero no sistema educativo e nas familias á hora de orientar ás nenas cara ao seu futuro laboral.
O programa Inspira STEAM naceu en 2016 na Universidade de Deusto e dende ese momento “foi aumentando, non só no número de participantes, senón nas comunidades autónomas que se adheriron ao mesmo”, apuntaba a vicerreitora. Na provincia de Pontevedra botou a andar da man da Universidade de Vigo en 2018, acadando cada vez mellor resposta entre os centros educativos. Na edición de 2020 participaron 221 estudantes (82 nenos e 139 nenas), dos cales 100 eran de 1º da ESO e 121 de 6º de Primaria. Xunto con eles traballaron ao longo do curso 26 mentoras, que desenvolveron as súas actividades nos colexios CEIP Josefa Alonso de Alonso de Vigo, CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal de Vigo, CPI Cova Terreña de Baiona, Colegio de Fomento Las Acacias de Vigo e Nuestra Señora de la Esperanza, de Vigo.
“As mentoras son o corazón, o verdadeiro centro neurálxico do proxecto, que de maneira voluntaria, achegan o seu día a día a nenas e nenos a través da técnica do mentoring grupal coa cativada”, explicaba Natalia Caparrini. Estes grupos abordan ao longo de seis sesións en horario lectivo temas como os estereotipos que os rodean, as profesións científico-tecnolóxicas ou mulleres referentes en ciencia e tecnoloxía tanto ao longo da Historia como na actualidade. Parte da sesións son mixtas e outra parte son diferentes para nenos e para nenas, con cadanseu mentor ou mentora.
Precisamente dúas destas mentoras e un mentor que participaron en Inspira STEAM fixeron unha posta en común da súa experiencia nunha mesa redonda posterior ao acto, entre eles Fernando Jiménez, enxeñeiro de Telecomunicación de Gradiant e mentor de nenos no CPI Cova Terreña de Baiona; Arantxa Sucasas, enxeñeira de Telecomunicación en Telefónica e mentora de nenas no CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal de Vigo e Ana Otero, enxeñeira Industrial en BorgWarner e mentora de nenos no CPR Santa Cristina de Vigo na edición 2018 e mentora de nenas no CPI Cova Terreña de Baiona, na edición 2020.
De cara á cuarta edición, o prazo de inscrición tanto de centros como de mentoras abrirá o vindeiro día 14. A sesión de formación terá lugar o 15 setembro en modalidade virtual.
Entregan el premio Maruja Vázquez resaltando que ambas "han dado la cara para defender la igualdad, convirtiéndose en un ejemplo"
La sala de conferencias de Afundación en Vigo acogerá este miércoles y este jueves las jornadas 'As políticas de públicas de Igualdade',
El Concello de Vigo pone nombre a 12 bancos instalados en la calle Príncipe para homenajear a mujeres ilustres relacionadas con la ciudad
La Asociación Nós Mesmas anuncia que abandona el Consello Municipal da Muller de Vigo tras lo ocurrido en el Pleno de ayer
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL