A que un día foi tamén a súa universidade, a Universidade de Vigo, uniuse este xoves á homenaxe que se lle rende este ano no Día das Letras Galegas a Xela Arias. Familiares da escritora, autoridades, membros da comunidade universitaria e futuros mestres e mestras coma a escritora lucense déronse cita nun acto na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense no que, recollendo o gusto de Xela por achegar a poesía a outras artes, a través da palabra, da fotografía e da música se quixo render tributo a esta poeta, tradutora e mestra.
A homenaxe contou coa presenza de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; José Montero, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística. Nas súas palabras, o reitor da UVigo quixo destacar “a importancia da figura de Xela Arias para o desenvolvemento da nosa cultura”, unha figura que, afirmou, “axigántase, faise cada vez máis grande e nos vai permitir chegar con ese afán de modernidade a unha nova xeración de galegos e galegas que seguramente van sentirse moito máis cómodos e orgullosos da súa lingua, da súa cultura e de como somos os galegos e galegas”. Manuel Reigosa subliñou a relevancia de pór en valor o legado cultural e de traballar desde o eido universitario pola normalización lingüística, para rematar desexando “mil primaveras máis para a nosa lingua”. Igualmente, Monica Valderrama recalcou como Xela Arias foi “unha figura transgresora, adiantada ao seu tempo, que pola súa obra e imaxe é unha oportunidade para achegar a creación literaria a un público máis novo”.
Pola súa banda, Valentín Pérez destacou a relevancia da conmemoración do Día das Letras Galegas sinalando como “non é nada común que un país renda un tributo desta categoría á súa lingua, á súa literatura, á súa cultura”. Da homenaxeada este ano salientou como “foi unha gran mestra, de vida, de estética literaria, de ética, e tamén mestra de profesión, filla dun gran mestre, Valentín Arias, e nai de Darío, que tamén é mestre”. Ademais, o secretario xeral gabou o compromiso da Universidade de Vigo no impulso e defensa da lingua galega, algo que, afirmou, “nos enche de honra como país”.
O acto, que levou por título Día das Letras Galegas. O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias, estivo organizado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social, coas profesoras Ana Iglesias, amiga e compañeira de estudos na UVigo de Xela Arias, e Isabel Mociño á cabeza. A homenaxe arrancou coa presentación da exposición Xela Arias. A poesía do retrato, ubicada no Paseo da Igualdade dos xardíns do campus de Ourense. A mostra recompila unha colección de poemas da autora xunto a outros tantos retratos dela realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90, cando os dous eran parella. Trátase de 23 poemas en interacción con outros 23 retratos en branco e negro da escritora no seu período vital dos 26 aos 40 anos seleccionados por Xosé Enrique Acuña entre as máis de 400 fotografías de Xela Arias que forman parte do arquivo persoal do fotógrafo. A exposición foi presentada polo propio Xulio Gil, que destacou como el era “o fotógrafo de cabeceira de Xela” ao igual que ela era a súa “poeta de cabeira”. Amosando o orgullo que supón o recoñecemento da escritora nesta edición das Letras Galegas, o fotógrafo comentou a súa satisfacción pola “imaxe de modernidade, de dinamismo” que proxecta cara o galego a figura de Xela Arias, “unha imaxe de proximidade e modernidade que creo que a cultura necesita”. A mesma satisfacción foi compartida pola nai de Xela Arias, Amparo Castaño, presente no acto e que expresou a súa gratitude á institución académica e á sociedade galega no seu conxunto pola homenaxe rendida á súa filla.
Tras a presentación da mostra, a homenaxe contou coa entrega dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución 2021, convocados pola Área de Normalización Lingüística da UVigo co obxectivo de distinguir o talento literario dos membros da comunidade universitaria. Na modalidade de poesía, o primeiro premio foi para Branca Trigo, polo poemario Cyberfolk. Ademais, concedéronse dous accésit, o primeiro para Noelia Estévez, por A outra morte de Annabel Lee, e o segundo para Mercedes Martínez, por Problemas de millennial. En relato curto, o primeiro premio foi para Fabio Rivas, polo relato O Forxán e os asteroides. O primeiro dos accésit nesta modalidade foi para Beatriz Comendador, por A urdime, e o segundo para Clara Costas, por Un valse co teu recordo. Por último, en tradución o primeiro premio recaeu en Joaquín García, pola tradución dun texto escrito en portugués por José Luis Peixoto e o primeiro accésit en Adrián Presas, pola tradución dun texto escrito en catalán por Irene Solà.
O xurado desta edición dos premios, dotados cun total de 3600 euros e a edición das obras premiadas nun monográfico, estivo formado por Anxo Angueira, Jorge Luis Bueno e Liliana Valado (profesorado da Universidade de Vigo); Lourdes Lorenzo (directora do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo); Fernando Ramallo (director da Área de Normalización Lingüística da UVigo); Francisco Alonso (director de Edicións Xerais de Galicia); Luís López Alonso (poeta) e Manuel Lorenzo Baleirón (membro da Fundación Rosalía de Castro).
A homenaxe, que foi retransmitira en directo por UVigo TV, tamén contou unha conferencia da filóloga Chus Nogueira na que fixo un detallado percorrido pola vida e obra da escritora, destacando como ambas estaban intimamente ligadas. De Xela Arias subliñou aspectos como que introduciu “a temática urbana, moi pouco patente na poesía galega” e como foi “unha voz rupturista”. A dedicación este ano das Letras Galegas, apuntou a filóloga, ofrece unha oportunidade moi boa “para volver á lectura dunha obra, que ao igual que a vida da súa autora, é rica, inesgotable e independente”. Tras a súa conferencia Clara Pino, compañeira de estudos de Xela Arias no seu paso pola Universidade de Vigo, acompañada de Pablo Vidal, puxo música a poemas de Rosalía de Castro e de Xela Arias. Por último, durante o acto tamén se estreou unha peza audiovisual feita polas tres universidades galegas co apoio da Xunta de Galicia titulada A universidade, un espazo idóneo para o galego. Nela alumnado dos diferentes campus avoga polo uso do galego e por “ser un máis e non un menos” á hora de empregalo e de garantir o seu futuro
Se ha registrado una nueva propuesta para evitar que el faro de la illa de Ons caiga en descuido. Esta es la petición que hacen
Alfonso Rueda señala a Óscar Puente tras sufrir en primera persona las incidencias de los trenes de Galicia. El presidente de la Xunta ha quedado atrapado en Ourense
Redondela continúa trabajando para reducir el número de gatos callejeros. Este es el programa "pionero" que acaban de presentar
La Guardia Civil ya investiga la muerte del niño que ha aparecido en Ares. El joven salió a pasear en bici y desapareció misteriosamente
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL