A investigadora e docente da Universidade de Poitiers (Francia), onde dirixe o Centro de Estudos Latino-Americanos, Ria Lemaire, e a catedrática xubilada de Literatura Portuguesa da Universidad Estadual de Campinas (Brasil) Yara Frateschi Vieira, comparten paixón pola literatura medieval, á que dedicaron a meirande parte dunha traxectoria profesional, que as acredita como dúas das maiores expertas internacionais na materia. Lemaire e Vieira compartirán os seus coñecementos cas e cos asistentes ao Simposio Internacional 'E irei madr'a Vigo', que se celebrará os vindeiros 23 e 24 de novembro en Vigo, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega, con motivo da estadía na cidade do manuscrito que contén as cantigas de amigo de Martin Codax.
Pero, foi realmente o trobador galego o autor das sete cantigas de amigo recompiladas no Pergamiño Vindel? “A teoría da creación das cantigas por mulleres vai ser aplicada, si, ás sete cantigas do Pergamiño Vindel. É esa abordaxe nova a que vai permitir tamén analizar, en definitiva, a personaxe da muller nas cantigas de amigo a partir desta teoría. Non como un dos temas dentro do conxunto dos temas presentes nas cantigas e imaxinados por homes escritores, senón como personaxe/protagonista dun moi antigo xénero literario: o da cantiga xuvenil das mozas namoradas”, explica Ria Lemaire, que ofrecerá no simposio un relatorio titulado As personaxes femininas nas cantigas de amigo.
A especialista holandesa sinala que o título da súa intervención fai alusión á maneira como tradicionalmente se presentaba na historia da literatura medieval á personaxe feminina da cantiga de amigo na que “ela era simplemente parte dun conxunto temático, ao lado de temas como o amor, o mar, a natureza, entre outros, no corpus das 500 cantigas de amigo conservadas nos dous cancioneiros do século XVI, todas escritas segundo os historiógrafos desa literatura por poetas masculinos”.
Fronte ao discurso oficial que defende que os poetas/trobadores “terían espremido nesas cantigas sentimentos tipicamente femininos, que elas cantan con voz triste e chorona e ás que o seu amor infeliz e insatisfeito fai delas figuras tristes, vítimas pasivas de infidelidades masculinas e sempre á espera de regresos de amantes ansiosamente desexados”, Ria Lemaire construíu na súa tese de doutoramento en 1988 unha teoría propia.
“As 100 cantigas de amigo dialogadas, paralelísticas, presentadas e clasificadas xunto con 400 cantigas monologadas e aparecidas como cantigas de amor masculinas, no corpus das 500 cantigas de amigo, pertencen, en verdade, ao xénero antiquísimo indo-europeo das bailadas xuvenís das mulleres novas. Danzas xuvenís de rondas de mulleres só e, por ese motivo, só podían ser elas, orixinalmente as súas compositoras e poetas que memorizaban e improvisaban o son e a letra bailando”, explica Lemaire. Para a especialista en literatura medieval este traballo de “arqueoloxía do saber (Michael Foucault), un saber feminino, obnubilado pola historia oficial”, esixirá ás e aos investigadores esforzos de multilingüismo importantes, cuxos resultados darán tamén resposta a preguntas sobre afinidades e diferenzas entre as tradicións doutras zonas de Europa. No caso de Lemaire a súa experiencia e coñecemento provén da análise comparativa da súa tradición xermánica (flamenga, holandesa e alemá) coa súa formación académica (francesa e ibérica e brasileira), o que lle fai apreciar paralelismos entre as tradicións oriúndas desas linguas e culturas.
A súa capacidade de comunicar a súa forza poética a lectoras e lectores situados a unha enorme distancia temporal e espacial e os misterios ligados a súa orixe, transmisión e contexto cultural, foron as dúas características que máis impresionaron, primeiro, e atraeron despois a Yara Vieira da lírica galaico-portuguesa, á que dedicou a maior parte da súa traxectoria profesional. “Cando finalmente coñecín Galicia, sentín que estaba na casa, a familiaridade da lingua e a cultura, así como a acollida por parte dos colegas, estimuláronme a estudar a poesía galega contemporánea, que descoñecía, máis tamén a afondar no estudo da lírica medieval”, explica Vieira, que abordará no simposio internacional o Estudo literario das cantigas de Martin Codax.
“Na miña intervención procuro facer unha revisión das principais lecturas interpretativas do cancioneiro codiciano. Un dos aspectos que máis chamou a atención dos críticos, ao longo dos anos, foi a suposta ‘unidade’ das sete cantigas: fálase, por tanto, dun ‘único poema’ ou dun ‘poema musical’; hai estudosos que alteran a orde en que as cantigas foron transmitidas nos testemuños existentes a fin de recuperar unha liña narrativa, por veces relacionada coa biografía do poeta; outros defenden a existencia dunha secuencia narrativa”, detalla Yara Vieira, que tamén sinala, que se propuxeron formas alternativas de cohesión do cancioneiro, como a representación dunha unidade por medio de sintagmas subxacentes, nunha estrutura formal semellante á dun vilancete, unha antiga composición poética de carácter campesiño (Reckret), ou a composición, segundo a organización da dispositivo retórica: exordio, argumentación, refutación e epílogo (Ferreira).
“O conxunto das cantigas, considerado como un todo, revela, efectivamente, algunhas ‘marcas’ formais, como alternancia da composicións con respecto ao número das estrofas, presenza ou ausencia de referencias mariñas, etc. Alén diso, aínda que as cantigas estean limitadas polo esquema restritivo do paralelismo é evidente que Martin Codax aproveita as ‘brechas’ que o modelo abre- por exemplo o primeiro dístico+refrán :Ondas do mar de Vigo/ se vistes meu amigo? / e ai Deus, se verrá cedo!- para nelas imprimir as súa sinatura, singularizando un cadro trivial, composto polo amigo ausente e a amiga, que agarda o seu retorno; na súa formulación orixinal e expresivamente feliz, mentres, o lugar onde ocorre a escena- Vigo-, é posto de relevo, adquirindo protagonismo formal e semántico”, detalla Vieira.
Lemaire e Vieira terán ocasión con motivo da súa participación no Simposio Internacional 'E irei madr'a Vigo' de ver por primeira vez o Pergamiño Vindel. “Cando quixen aproveitar unha estadía en Nova York para ver o manuscrito, non estaba dispoñible. É un motivo máis para sentirme feliz e honrada de viaxar a Vigo para falar sobre el no simposio”, asegura a directora do Centro de Estudos Latino-Americanos da Universidade de Poitiers. Pola súa banda, Yara Vieira afirmar que “fico moito feliz de poder ver agora ‘en carne e óso’ ese documento de importancia crucial para a historia do texto e da música medieval galego-portuguesa, principalmente cando se atopa de volta ao se habitat natural, no Museo do Mar en Vigo”.
Reivindican a "excelsa calidade" da obra de Ledicia Costas, "unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego
Josefa, que actuó con artistas como Manu Chao, Cristina Pato o Susana Seivane, fue una de las líderes del movimiento musical y cultural 'Bravú
Concibió a su hija como un proyecto para crear a la mujer del futuro, Hildegart, quien fue niña prodigio de la República
La cita busca consagrase como el mayor festival de cine de Vigo y uno de los pocos eventos dedicados al séptimo arte que existen en la ciudad
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL