Alcaldes, alcaldesas e presidentes de cámara do territorio transfronteirizo do río Miño concentráronse hoxe na ponte vella de Tui para protestar polo peche de fronteira con Portugal e reclamar que se abran todos os pasos existentes, sempre cos controis sanitarios necesarios, para facilitar a circulación das e dos traballadores transfronteirizos. Coas letras de SOS manifestaron a súa indignación e cualificaron de “escándalo” que tras o acontecido na primeira vaga da pandemia se volva cometer o mesmo erro de habilitar un só paso “castigando” ao persoal laboral –o único que pode cruzar a raia- a dar rodeos quilométricos.
Para o conxunto de mandatarios dese territorio “é un auténtico escándalo” que despois do acontecido se volva a cometer exactamente o mesmo erro, que é deixar un único paso fronteirizo nunha fronteira que -aínda que só é o 5% dos 1.200 quilómetros de fronteira entre España e Portugal (70)-, representa o 50% dos vehículos que pasan. “Esta é unha fronteira dinámica, na que hai moitas relacións laborais, económicas, empresariais. Hai moita mobilidade porque hai esa vida e esa economía que flúe a través da fronteira.... Pois toman a decisión de deixar un só paso en Tui Valença na ponte nova”, apuntou Uxío Benítez con insistencia.
Como consecuencia práctica, subliñou o nacionalista, as persoas cidadás traballadoras transfronteirizas deben percorrer distancias quilométricas e dar rodeos “ para ir facer o único que agora se pode ir facer, que é ir aos postos de traballo”. “Tal como está a situación económica agora mesmo, que os estados decidan por non poñer guardias, por economizar ese gasto, trasladar ese gasto ás e aos traballadores parécenos un escándalo”, finalizou.
Pola súa parte, o director do AECT e presidente de Vila Nova de Cerveira Fernando Nogueira pediu aos gobernos centrais que “deixen de castigar aos traballadores”, insistindo en que os agrupamentos e filas de vehículos en quilómetros de espera “poder eventualmente potenciar os contaxios”. O alcalde de Tui Enrique Cabaleiro apelou tamén á sensibilidade estatal para mudar de xeito radical a súa política de peche de fronteiras, que non atende á realidade do territorio miñoto, segundo o seu punto de vista, “por ver os problemas dende a centralidade sen ser conscientes das peculiaridades de cada territorio”.
O presidente de Valença, Manuel Lopes subliñou, así mesmo, que o peche das fronteiras foi nada máis que unha medida “simbólica”, xa que agora pasan pola fronteira exactamente o mesmo número de persoas de aquelas que xa pasaban antes: traballadores debidamente acreditados e o transporte de mercadorías. “Estes acaban por facer milleiros de quilómetros de máis a fin de mes e gastan o soldo nos depósitos de gasolina. Case non compensa vir traballar a ambos lados. Ao final o rendemento queda no combustible e nas horas de traslado. O peche dos pasos é unha medida que se está a probar errada”, dixo.
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Rio Miño comprende 400.000 habitantes de 26 municipios, 16 galegos do sur da provincia de Pontevedra e 10 da rexión do Alto Minho no norte de Portugal, tendo contabilizados uns 6.000 traballadores e traballadoras transfronteirizos. Na protesta de hoxe (aprobada por unanimidade en asamblea o pasado luns) participaron os mandatarios con dispoñibilidade e non confinados: seis presidentes de cámara portugueses e outros nove alcaldes e alcaldesas da parte pontevedresa.
Unha demostración do peche férreo da fronteira entre ambas partes produciuse no inicio da protesta. O acto comezou ás 10 da mañá cando as e os rexedores de ambas partes saíron camiñando dos respectivos extremos da ponte vella sobre o Miño coa intención de reunirse simbolicamente no medio da infraestrutura para representar a necesidade de unión de ambas partes da fronteira.
Sen embargo, o encontro non foi posible. As forzas do orde impediron a escenificación e, a pesares de que se explicou que se trataba dun acto simbólico, obrigaron a manter unha separación duns 20 metros entre os mandatarios galegos e os portugueses facendo imposible a fotografía conxunta.
Finalmente, para salvar o pequeno treito que os separaba, os representantes portugueses volveron cara territorio luso, colleron os seus coches, pasaron oficialmente polo control de fronteira na ponte da autopista (a un kilómetro), cruzaron a Galicia e seguiron cara ao extremo da ponte vella en Tui. Unha vez alí, todos os alcaldes, alcaldesas e presidentes dun lado e outro do Miño realizaron a fotografía conxunta para reclamar a unión do territorio.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL