A Covid19 provocou que a sociedade se teña que adaptar ao teletraballo, a novas ferramentas de comercio en liña, a novos proxectos que facilitan a comunicación a distancia e que fan que o distanciamento social sexa máis levadío, pero se algo non cortou foi a ilusión e o espírito emprendedor do alumnado da Universidade de Vigo. Este xoves tivo lugar a entrega da IX edición dos premios Incuvi Emprende, a quinta dos Incuvi Avanza e a primeira dos Incuvi Consolida, unhas axudas coas que a Universidade de Vigo, da man de múltiples patrocinadores e colaboradores, quere axudar ás súas alumnas e alumnos máis emprendedores a pór en marcha as súas ideas para que cristalicen “se non todas, a maioría delas, en proxectos de éxito”, tal e como lles recalcou o reitor, Manuel Reigosa, nun acto de entrega de premios que, debido ás actuais circunstancias sanitarias, se levou a cabo de xeito virtual.
Xunto ao reitor contouse tamén coa participación do delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que insistiron en achegar os seus parabéns e felicitacións aos promotores das 17 iniciativas que foron premiadas: doce axudas Incuvi Emprende, para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro axudas Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e, por primeira vez, unha axuda Incuvi Consolida para que aquelas iniciativas empresariais xa constituídas e que pasaron polo programa Avanza poidan seguir recibindo mentorización específica e unha axuda económica que lle facilite a súa consolidación empresarial.
Tanto o reitor, como a vicerreitora, como o delegado do Estado no Consorcio Zona Franca, destacaron a importancia do traballo en rede, pois sen este tipo de colaboracións sería, ao seu xuízo, imposible sacar adiante este tipo de iniciativas, que fan “de Vigo, da súa contorna e de Galicia en xeral, un lugar máis próspero, máis desenvolvido e con máis xustiza social”, tal e como destacou Reigosa. Sobre a mesa deixaron tamén unha recomendación para os premiados e premiadas: aproveitar ao máximo esta oportunidade, ser flexibles e adaptarse á nova realidade que veu provocada pola pandemia.
A primeira edición das axudas Incuvi-Consolida ten como destinatarias a Eva López e Raquel Gómez, impulsoras da cooperativa Somos Terra, unha consultaría ambiental que ten como obxectivo “fomentar a sustentabilidade no territorio”, centrando a súa a actividade profesional en educar, sensibilizar e implicar aos diferentes axentes da sociedade co obxectivo común de incrementar o compromiso ambiental no seu ámbito de actuación”.
Somos Terra ofrece servizos de formación en sustentabilidade, como cursos, xornadas ou programas educativos e, tamén asesoramento en desenvolvemento sostible, coa elaboración de proxectos, plans de acción, etc. Estes servizos son ofertados a centros educativos, institucións públicas, universidades e colectivos sociais que teñan interese en mellorar o seu compromiso ambiental. Tamén traballan no eido da divulgación científica e contan cunha plataforma virtual a través da cal crearán canles de comunicación entre os diferentes colectivos sociais nos que a sustentabilidade é a medula espiñal.
Por primeira vez este ano entregáronse na categoría Avanza catro premios en lugar dos dous habituais. Houbo máis solicitudes ca nunca, algo que se atribúe a que nesta edición se facilitou acceder non só a través da participación no programa Incuvi-Emprende, como se viña facendo ata o de agora, senón que tamén se lle deu a opción de participar a aqueles proxectos que, sen ter pasado previamente por este programa, dispoñían dun proxecto emprendedor o suficientemente maduro como para optar a esta modalidade. As catro proposta gañadoras recibirán un servizo de asesoramento personalizado e unha axuda económica para subvencionar os custos relacionados coa súa constitución como empresa.
Os catro proxectos gañadores teñen perfís moi distintos: ODS Protein, de Martín Rodríguez e Iria Varela, formula un proxecto de produción de proteína alternativa á industria alimentaria; PaySecure, de Rodrigo Pelayo Rodríguez, céntrase en garantir a seguridade en procesos de compra-venda electrónica; LogicMelt, de Iago Seijo e Roberto Fernández, fai unha forte aposta pola dixitalización para a industria 4.0; e Wegoo, impulsada por Alejandro Viéitez, Diego Rodríguez e Rubén Ayuso, é unha plataforma de planificación de viaxes que lle permite ao usuario ganar eficiencia nos seus traslados.
Os 12 proxectos gañadores dos Premios Incuvi Emprende recibirán formación, asesoría e apoio na elaboración dun plan de empresa. Son ideas aínda en xerme, algunhas que xurdiron en plena corentena, e outras que se viñan madurando desde tempo atrás e que, agora, logran o apoio necesario para botar a andar. Entre as propostas que recibiron unha maior puntuación do xurado está Vi&Go, impulsada por Marta Álvarez, Antón Illanes, Ignacio Iglesias e Adrián Marnotes, e dirixida a ofrecer solucións para transformar a mobilidade tal e como se entendeu ata o de agora. A través dun servizo de motos e bicicletas eléctricas e intelixentes daranlle ao usuario a posibilidade de desprazarse mediante o préstamo e uso dos seus vehículos, unha iniciativa a que se referiron como “escalable e exportable” e que buscará a implicación das principais empresas e institucións da cidade.
Da unión entre a arqueóloga Rita Pérez e o enxeñeiro Simón Fernández xurde Navia3D, un proxecto cultural que persegue salvar distancias entre patrimonio histórico, cultura e tecnoloxía. “Axudamos á revalorización do patrimonio”, explica Pérez, ao que o seu compañeiro engade que un dos seus eixes básicos é a multidisciplinariedade do seu equipo. No caso de SafeTransfer, impulsada por Pablo Esteban Ameijeiras e Alejandro José Álvarez, propoñen un labor de intermediación no proceso de revenda de entradas. “Asegurámonos de que a revenda sexa 100% segura, acreditando a identidade e veracidade de ambas partes, facilitando así a transferencia e evitando a estafa”, explican os alumnos.
Tamen recibirán axuda as impulsoras de Fortitude, unha marca de roupa cómoda e desenfada adaptada á economía circular. Andrea González, encargarase da parte creativa do proxecto, e Jessica Méndez, da empresarial. En Espacios, de Zaida López e Iván Trigás, o que buscan é facilitarlle ás empresas e institucións o proceso de busca de espazos de traballo de carácter temporal, unha opción que gaña protagonismo co auxe do teletraballo. “O que buscamos é actuar de intermediarios entre as empresas e os posibles lugares nos que se vai celebrar esa posible reunión física. O empresario o único que tería que facer é chamarnos e dicirnos que espazo precisa, onde e a que hora”, explica López, graduada en Consultaría e Xestión da Información e en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo.
A maior parte dos proxectos son grupais, pero tamén os hai de carácter individual. É o caso de daOrixe, unha plataforma de venda de produtos de proximidade e responsables coa contorna, impulsada por Viviana Martínez, titulada do Máster de Responsabilidade Social Corporativa; EnGarde, de Xiana Pérez Ogando, do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, propón unha escola de esgrima a pé e esgrima adaptada; Diana Torres, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, bautizou o seu proxecto de comunicación dixital e copyrighter especializado no sector artesán como Diana Limón; e Acción Rural Carballiza, de Estefanía Vázquez, traballadora social e profesional do ocio educativo, propón o fomento das contornas rurais como lugares nos que desenvolverse tanto profesional como personalmente.
Completan o catálogo de propostas premiadas ADM 3D, de Daniel Piñeiro, Abraham Lamela e Miguel Suárez, dirixida ao fomento da impresión 3D; Viroom, unha plataforma web de aloxamento para o estudantado ideada por Juan José Sánchez, José Raúl Prado e Ana Campos, e EasyMeals, cuxa idea central é un plan de comidas a domicilio baixo control nutricional.
A diferencia doutros anos nesta edición estas axudas non van vinculadas a un campus concreto e os espazos facilitaranse só a aqueles equipos de traballo para os que dispor dun local poida axudarlles a desenvolver o seu proxecto. “Ademais, dadas as actuais condicións sanitarias, o uso dun espazo físico compartido non pode asegurarse”, explica a directora da Área de Emprego e Emprendemento Maruxa Álvarez que, xunto a vicerreitora Natalia Caparrini, quixeron agradecer o apoio recibido por parte de todos os patrocinadores, colaboradores e as persoas que forman parte do comité avaliador que selecciona os proxectos gañadores.
Pola súa banda David Regades aproveitou a súa presenza neste acto para anunciar que a Zona Franca seguirá apoiando esta iniciativa en vindeiras edicións e pondo a disposición dun dos gañadores de Incuvi Avanza un dos seus locais en Porto do Molle, Nigrán. Tamén en colaboración coa Zona Franca, Caparrini anunciou a próxima posta en marcha dunha nova iniciativa, Sucede, un Servizo universitario de creación de empresas do estudantado, coa idea de axudar a aquel alumnado da comunidade universitaria que non opta a estes premios. Neste senso, David Regades fixo fincapé en que o talento que nace da Universidade de Vigo ten que ter “unha ponte, unha vía para poder desenvolverse de forma propia a través do autoemprego e a creación de empresas” e, nese contexto, os emprendedores que xurdan das aulas da UVigo sempre van contar co apoio da institución que el representa
El Gran Vía de Vigo premiará con tarjetas regalo a los que adivinen el precio de los "outfits" expuestos en la Planta 0 del centro comercial
Un nuevo enfoque es lo que busca este año el centro comercial A Laxe de Vigo con su segunda edición de Objetivo A Laxe
El bingo de Vialia Vigo, que se celebrará el 30 de junio, domingo de apertura, permitirá a los clientes ganar importantes premios
Un concurso de la UVigo para encontrar a los mejores youtubers científicos de su personal investigador
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL