O Bloque Nacionalista Galego volverá demandar a posta en marcha en Vigo de medidas urxentes de apoio municipal ao tecido e industria cultural da cidade, para enfrontar os efectos derivados da crise da Covid19. Farao a través dunha nova moción que debaterá no Pleno convocado para mañá, mércores. A iniciativa foi presentada en rolda de prensa esta mañá polo concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, decorrida ao remate dun encontro virtual que mantivo con 13 representantes de diferentes ámbitos culturais.
Na xuntanza tomaron parte a escritora, María Reimóndez; o crítico teatral, Manuel Xestoso; o responsábel da Sala Ártica, Marcos Alonso; o director de cinema, Alberte Mera; o codirector do festival Sinsal, Luís Campos; o director do Espazo Cubo, Alfonso Freire; o actor e director teatral, Xerome Calero; o músico Charles Rapante; a actriz, Rocío Salgado; a editora, Silvia Pérez; a libreira, Maribel Tato, e representantes dos colectivos Comunidade Vigo e A Colectiva, Rafael Garrido e Iria Vázquez, respectivamente.
No encontro realizouse unha posta en común sobre a situación “crítica” das políticas culturais en Vigo, concluíndose que é urxente despregar medidas e axudas concretas en favor do sector diante dos gravísimos efectos derivados da crise do coronavirus.
Igrexas lembrou que o pasado 29 de abril o Pleno da Corporación xa aprobou, sen ningún voto en contra, unha moción promovida polo BNG na que se demandaban medidas extraordinarias de apoio e impulso ao tecido cultural a consecuencia da Covid19. No entanto, o portavoz municipal nacionalista lamentou que “o Goberno municipal non ten executado practicamente ningunha das medidas recollidas nesa moción”. Unha inacción, que sumada á omisión da Xunta e do Goberno español, ten deixado ao tecido cultural “á intemperie, colocando un número importante de colectivos, profesionais e empresas dedicadas á creación cultural ao borde do colapso”.
O edil nacionalista esixiu que o Goberno local “deixe de ollar a outro lado e de virarlle ás costas a quen crea e difunde cultura na cidade”. Igrexas subliñou que para o BNG “a cultura debe ser tratada como un ben esencial, xa que sen cultura non hai cidadanía, e sen cidadanía non pode haber cidade”. Aliás, volveu reclamar un esforzo decidido por “democratizar o acceso social á cultura” achegándoa, nas súas diversas manifestacións e expresións, ás clases populares e traballadoras.
A moción do Bloque inclúe un decálogo definindo liñas de actuación prioritaria e urxente. En primeiro lugar, instan a evitar a cancelación de eventos culturais, organizados polo Concello, despregando todas as medidas necesarias para dotalas das máximas garantías preventivas. En caso de non poderen ser executadas, defenden que se siga a optar preferentemente polo adiamento e reprogramación das mesmas, pero posibilitando o anticipo de cachés. En relación á contratación demandan, ademais, que se priorice o tecido cultural da cidade e a promoción da lingua galega.
A fronte nacionalista propón que, para reducir o impacto derivado das restricións para a realización de actividades presenciais, se poñan en marcha desde o Concello plataformas dixitais que permitan albergar unha programación municipal, coa participación remunerada das compañías, grupos e agrupacións locais, e tamén para a difusión de contidos audiovisuais. Neste mesmo sentido, suxiren unha “Sala expositiva virtual” dependente da Rede Museística da Cidade, para impulsar e promocionar os e as creadoras locais. Tamén reclaman que se promova o desenvolvemento de sinerxías entre o tecido cultural, o pequeno e comercio e hostalaría no deseño da programación de actividades para fomentar a “cultura de rúa e na rúa”, apostando por descentralizala para levala a todos os barrios e parroquias.
Outra das liñas de actuación é o reforzo dos servizos bibliotecarios da cidade. Aliás, propoñen a inclusión de cláusulas sociais na contratación para priorizar as librarías da cidade como provedores, para paliar o duro golpe económico que padeceron nos últimos meses.
De cara a facilitar a comercialización en liña de artesanía, obras de arte e libros, entre outros, a moción nacionalista demanda habilitar unha plataforma web ao servizo de creadores locais e estabelecementos da cidade.
Co obxectivo de brindar un “abrigo efectivo e real”, diante das graves consecuencias económicas da crise da Covid19 para o sector cultural, propoñen unha liña de microcréditos municipais, sen xuros e con facilidades de devolución, e unha liña específica e extraordinaria de axudas municipais en apoio das entidades culturais e da industria cultural de Vigo.
Por último, o Bloque insta a estudar a creación dun Bono Cultural Municipal, como o existente noutras cidades do Estado e Europa, para facilitar o acceso social subvencionado a actividades e produtos culturais. “A cultura non é gratuíta, pero é imprescindíbel facela accesíbel ao conxunto do pobo”, defenden.
Estas medidas permitirían, en opinión de Igrexas, despregar “un verdadeiro parapeto municipal” sobre o que protexer un sector estratéxico para Vigo evitando que siga avanzando o proceso de desertización cultural que padece a urbe.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL