A Deputación de Pontevedra vén de comprometer o seu apoio á organización do XV Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais que se celebrará en Moaña do 5 ao 8 de agosto de 2021. Así o confirmou a deputada de Patrimonio María Ortega, quen destacou que a institución provincial implicarase dende diferentes departamentos no desenvolvemento desta xornada cunha subvención económica directa –aínda por determinar- e tamén con apoio á loxística das actividades.
Ortega salientou que Moaña convertirase na "capital europea da cultura marítima", xa que o encontro mobilizará arredor de 600 persoas mariñeiras, unhas 150 embarcacións e unha afluencia de milleiros de persoas durante os catro días que durará. “Trátase dun evento marabilloso que vai beneficiar ao Morrazo, a toda a ría de Vigo e á comarca de Pontevedra, a onde chegarán delegacións de Portugal, Euskadi, Cataluña, Andalucía, Bretaña ou Croacia. Vaise poñer en valor o patrimonio máis rico de toda a Península Ibérica vencellado ao mar e que tanto caracteriza ao noso país , e por tanto será unha actividade de dinamización social e de lecer que tamén reactivará a economía –hostalería e restauración sobre todo- e potenciará un turismo sustentable”, afirmou.
Neste sentido, subliñou que o turismo asociado ao patrimonio está a medrar a un ritmo moi superior ao tradicional de sol e praia, sobre todo nestes momentos de COVID-19, cun público máis interesado no consumo de experiencias e produtos específicos sobre os que existen posibilidades moi interesantes –e que desde o departamento de Turismo Rías Baixas da Deputación xa se están a potenciar-.
Ortega realizou estas valoracións nun encontro con representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, no que se comprometeu a que a Deputación traballará ao lado de Culturmar, do Concello de Moaña, da Asociación Sueste e a Confraría de pescadores para que o XV Encontro “sexa todo un éxito”, pero tamén fixo un chamamento de implicación á poboación, xa que o voluntariado será un eixo fundamental.
O Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galicia (na provincia xa pasou por O Grove, Combarro, A Illa, Cambados, Carril e A Guarda), é a exhibición deste tipo máis importante, e reúne embarcacións de todo o país e tamén foráneas, de lugares como Portugal, País Vasco, ou comunidades do Mediterráneo.
A actividade central será a concentración, exhibición e navegación das embarcacións tradicionais, mais as catro xornadas do Encontro compleméntanse con outro tipo de actos culturais e de lecer, como xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, ou mostras de artesanía. Estas actividades complementarias tamén contemplan talleres infantís, con elementos lúdicos vencellados ao mar; e obradoiros inclusivos, concibidos especificamente para persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual.
Segundo a federación organizadora, a organización do Encontro ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo; así como mostrar o traballo no campo da recuperación do patrimonio feito polas asociacións. Tamén queren incidir nun aspecto que non sempre é percibido en relación ao traballo que desenvolven respecto do Patrimonio Marítimo Galego en xeral e dos Encontros de Embarcacións Tradicionais en particular, como é a dinamización das comunidades mariñeiras.
A través destes encontros, Culturmar pretende poñer en valor sectores como a carpintería de ribeira, velaría, os efectos navais, artesáns, e protexer, conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego. Tamén tenta potenciar e estimular os atractivos turísticos das comunidades da costa axudando a un turismo sostible.
A Federación Galega pola Cultura Martítima e Tradicional Culturmar, constituíu o pasado 12 de setembro no salón de Plenos de Moaña o comité organizador do Encontro con varias comisións de traballo (institucional, cultura, loxística de terra, loxística de mar, voluntariado e comunicación).
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL