“Tod@s temos unha historia que contar”. Baixo este lema como sinal de identidade, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o Director Xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, presentaron hoxe a que será a primeira Escola de Letras de Galicia e unha das poucas existentes no estado, “a primeira que nace coa potencia dun apoio editorial”, como ambos sinalaron na rolda telemática, na que tamén participou a deputada de Cultura Victoria Alonso.
“Falamos dun proxecto no que a Deputación e Galaxia levamos traballando case un ano”, subliñou Carmela Silva, que definiu este lanzamento como “un soño cumprido que converte a esta provincia de novo nunha referencia”. “É unha idea marabillosa, dixo, que apoia directamente ás escritoras e escritores, pero tamén a todas aquelas persoas que gozan escribindo e ás que podemos axudar a crecer na súa paixón”. Carmela Silva incidiu no refuxio seguro que ten sido a literatura no confinamento, e sinalou que “agora, fronte ao ruído que non aporta nada, unha Escola como esta é máis necesaria que nunca porque a cultura é unha necesidade vital. Deixemos a palabrería e démoslle sitio á palabra”. A presidenta da Deputación, asegurou que “esta Escola supón o pracer de usar a palabra como instrumento de comunicación individual e colectivo, e non é unha idea efémera, a Escola chega para crecer e permanecer”
Pola súa banda o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, amosou a súa ledicia por sacar á luz “a Escola de Letras, un proxecto novidoso e único a nivel galego e estatal, porque non existe nada así”. Castro agradeceu á Deputación “a súa complicidade coa cultura o que nos axuda a materializar proxectos como este que contribúen a transformar a realidade”. O director de Galaxia, subliñou que a Escola de Letras nace co obxectivo de ofrecer ás persoas a posibilidade de contar “as súas historias” e “converter en literatura as súas vidas”. “O único requisito marcado para participar, dixo é ter amor pola palabra e a literatura”. Castro, que definiu o proxecto como moi ambicioso “que pretende transformar a realidade. Será un lugar para soñar a través da palabra”.
O director de Galaxia detallou que a Escola de Letras da Deputación terá un dobre emprazamento nas sedes provinciais de Vigo e Pontevedra e contará cunha oferta formativa dun gran poder lúdico que unirá literatura e pracer e que permitirá ás persoas asistentes gozar dos libros, da lectura e da escrita dunha maneira nova e insospeitada. Amais, estará aberta á participación de calquera persoa interesada, a partir dos 16 anos, xa que o alumnado non terá que ter coñecementos previos de ningunha clase e recibirá todo o material na propia Escola. A súa posta en funcionamento terá que adaptarse aos tempos e medidas que vaia marcando a evolución da pandemia da COVID19, xa que o cronograma previsto para o comezo tivo que reformularse pola crise sanitaria. “Se as autoridades sanitarias o permiten o primeiro obradoiro, sobre escritura creativa, terá lugar na segunda quincena de xuño en Vigo e, posteriormente, a Escola continuará o seu curso en setembro, con ata nove obradoiros más repartidos entre Vigo e Pontevedra”.
A actividade formativa desenvolverase ao longo do curso e estará baseada na realización dos obradoiros, dun máximo de 15 persoas cada un, que estarán dirixidos por escritoras e escritores. É dicir, “unha formación personalizada porque queremos que escriban”, impartida por autoras e autores de dilatada traxectoria, primeiras espadas da literatura galega, e con experiencia na dirección para todos os chanzos de idade. Así, a acción da Escola gravitará arredor destes obradoiros literarios en ambas sedes da Deputación. En Vigo se impartirán o de Escrita Creativa Básica, o obradoiro Literario de Perfeccionamento, o obradoiro de Poesía de Perfeccionamento e o obradoiro Literario para Maiores. En Pontevedra o de Escrita Creativa Avanzada, o obradoiro Literario de Iniciación, o Literario Avanzado e o obradoiro de Poesía Básico.
A acción da Escola de Letras tamén desenvolverase ao través de encontros con profesionais do mundo do libro, ou da realización de recitais con público onde dar a coñecer o froito do seu traballo. Amais, publicarase un libro dentro do Catálogo da Editorial Galaxia que recollerá, cando menos, un traballo por cada participante. “O importante, sinalou Castro, non é só crear, senón tamén sacar á luz esas creacións”. Igualmente, a Escola ten tamén o seu logotipo con tipografía propia, “un logotipo que foi feito pensando na idea da felicidade que transmite a literatura e que expresa o concepto do bo rollo”. Tamén se traballará na presenza nas redes Sociais a fin de crear comunidade, e como ferramenta de comunicación continua entre as persoas participantes antes, durante, e despois da actividade, así como co conxunto da cidadanía. Falamos, polo tanto dun proxecto novidoso que apoia e fomenta a cultura na súa vertente máis literaria e que pretende darlle á cidadanía unha oportunidade para fomentar a imaxinación e o gusto pola literatura, cunha axuda dirixida para que sexan quen de crear textos literarios propios.
Para as persoas que estean interesadas en participar, a partir deste xoves, 21 de maio, Galaxia habilitará unha conta de correo para que poidan formalizar a súa solicitude, que será atendida por rigoroso orde de entrada.
Reivindican a "excelsa calidade" da obra de Ledicia Costas, "unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego
Josefa, que actuó con artistas como Manu Chao, Cristina Pato o Susana Seivane, fue una de las líderes del movimiento musical y cultural 'Bravú
Concibió a su hija como un proyecto para crear a la mujer del futuro, Hildegart, quien fue niña prodigio de la República
La cita busca consagrase como el mayor festival de cine de Vigo y uno de los pocos eventos dedicados al séptimo arte que existen en la ciudad
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL