O teatro volverá visitar o concello de Moaña este mes de outubro dentro da programación do XXXII Circuítos Teatrais de Moaña. En total, o mes de outubro contará con catro representacións de primeiro nivel en Galicia que se celebrarán no auditorio do IES As Barxas.
Aínda que a primeira cita terá lugar este mesmo domingo, 6 de outubro ás 20:00 horas, o resto das obras celebraranse, como de costume, semanalmente no sábado ás 22:00 horas.
Desta vez, visitarán o concello morrancense as compañías Contraproducións (A compañeira de piso), Ibuprofeno Teatro (Casa O’Rei), Teatro do Atlántico (Dúas donas que bailan) e Sarabela Teatro (Normas para saber vivir na sociedade actual).
As entradas estarán a venda no despacho de billetes do IES As Barxas o mesmo día do espectáculo. Así, este domingo día 6 o despacho de billetes abrirá ás 19:00 horas e nas sesións dos sábados ás 21:00 horas. O prezo da entrada é de 4 euros, namentres que os menores de idade deberán aboar 2 euros. Soamente se admite pago con tarxeta bancaria.
Data: Domingo, 6 de outubro - 20:00 horas
Duración: 90 minutos
Idade: +14 anos
Dende o seu paso polo Humana Festival (Louisville, Kentucky) en 2015, a obra "A compañeira de piso" (The Roommate), de Jen Silverman, leva sendo representada con éxito por varias compañías nos Estados Unidos ata o día de hoxe. Destacada pola crítica americana como unha mestura de “Thelma & Louise”, “A estraña parella” e “Breaking Bad”, Contraproducións achega a primeira adaptación fóra dos escenarios norteamericanos en co-produción co Centro Dramático Galego.
A obra conta a historia de Sharon (Patricia Vázquez), unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada que publica un anuncio para compartir a súa casa no corazón do rural de Iowa. Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn (Rebeca Montero) para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do Bronx… Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida. Unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.
Data: Sábado, 12 de outubro - 22:00 horas
Duración: 95 minutos
Idade: +15 anos
"Casa O’Rei" é o peche da triloxía gastronómica de Ibuprofeno Teatro, que se completa con "O furancho" e "Raclette". Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do "Rei Lear" de W. Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega.
Na obra, Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.
Data: Sábado, 19 de outubro - 22:00 horas
Duración: 80 minutos
Idade: +13 anos
A sabedoría do grande mestre da dramaturxia catalá contemporánea, Josep María Benet i Jornet, aparece de maneira espléndida na súa derradeira proposta dramática: Dúas donas que bailan (2010).
Neste novo agasallo teatral, fainos compartir o drama, os soños e os fracasos das súas complexas personaxes nunha viaxe intensa, divertida, conmovedora, e iluminada pola inmensa humanidade que dúas mulleres agochan baixo a férrea armadura de ironía e dureza coa que intentan defenderse dos implacábeis embates da sociedade.
Con esta proposta nos achegaremos a vida dunha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de tebeos da infancia, para a que só lle falta un exemplar. Resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos, cos que non mantén moi boa relación, e tamén da axencia inmobiliaria propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana. A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario non ten nada que envexar se o comparamos co da vella, outrora unha muller rebelde e activista.
Data: Sábado, 26 de outubro - 22:00 horas
Duración: 85 minutos
Idade: Todos os públicos
Escrita en 1.993 por Jean Luc Lagarce, o autor contemporáneo máis representado en Francia, parte dun coñecido manual de boas maneiras escrito no século XIX pola inexistente baronesa de Staffle, quen dunha forma sutil dá instrucións de como debemos comportarnos. Baixo a forma dun divertimento irónico, cómico e en apariencia lixeiro escóndese a crítica feroz a unha sociedade que, coas súas normas e a súa hipocresía, fai imposible a sinceridade.
Una ruta nocturna por las calles del conjunto histórico de Tui llega con misterio, sorpresas y muchos sustos
Los vecinos de Vigo se han encontrado estos días con una propuesta de ocio que amenaza con brillar más que las luces. de Navidad ¡Es esta!
Una exposición de calacús, túnel del terror para todas las edades y música para celebrar un terrorífico Samaín en Porriño
Llega el tiempo de comer cocido y A Cañiza ya pone fecha para disfrutar de este plato típico de la gastronomía gallega en estos ocho locales
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL