O Festival Vertixe Sonora abre a súa sétima edición en 2019 co ciclo "En Ruta", que ten entre os seus principais obxectivos implicar na creación musical contemporánea a todas aquelas persoas que fan camiño; neste caso o Camiño Portugués. Tui, Valga e Padrón son os epicentros do ciclo de música contemporánea, que alén do programa de concertos propón un maior achegamento á creación musical a través de conversas e accións sonoras co público máis novo. "En Ruta" arranca o 29 de setembro en San Domingos, en Tui, continúa os días 6 e 7 de outubro en Valga e pecha edición o 12 de novembro en Padrón. Dez compositoras e compositores nun ciclo de estreas absolutas que remarca a unión natural de música e transmisión de cultura no Camiño portugués, adaptándoa aos medios e tecnoloxías contemporáneas. A intención: implicar ao público que fai “camiño”, viciñanza e visitantes. O proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo. O Festival Vertixe Sonora continuará no mes de outubro na cidade de Vigo. Este mércores 25 o festival presentouse aos medios en Tui coa presenza de Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia e unha instalación sonora co croar das rás, por parte das estudantes do Ciclo de Educación Infantil do Colexio San José da Guia, de Vigo.
O ciclo "En Ruta" abre en Tui o 29 de setembro con toda a simboloxía do Camiño Portugués e a súa significación personal, presentes nas catro pezas encomendadas por Vertixe Sonora aos compositores Cristián Morales (Chile), Yuko Ohara (Xapón), Alex Müller (Alemaña) e Fernando Munizaga (Chile.) O concerto terá lugar na Igrexa de San Domingos de Tui, espazo no que destacan, por únicos, os seus retablos barrocos. Este primeiro concerto será conducido polo director Miquel Bernat.
Tal como sinalou o compositor Ramón Souto, director do festival: “O ciclo En Ruta procura a promoción do Camiño Portugués; para nós, en Vertixe Sonora, as relacións con Portugal están moi marcadas, pola relación que temos con músicos e compositores lusos. A idea é desenvolver o ciclo en diferentes espazos simbólicos no Camiño Portugués, empezando por Tui, onde o domingo 29 contaremos cun ensemble de 15 músicos dirixidos por un dos músicos máis prestixiosos de España. Pensamos que o proxecto ten capacidade para proxectar o Camiño a nivel internacional, potenciando ese nexo espiritual e afectivo de Galicia para o mundo”. Ademais do concerto en Tui, o festival desenvolve un obradoiro o venres 27 no Conservatorio de Tui.
Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, explicou que o programa O teu Xacobeo pretende celebrar e difundir o máis posible iniciativas culturais de gran calidade espalladas por todo o territorio, de cara ao Xacobeo 2021. Na convocatoria 2019, presentáronse máis de 700 proxectos e se financiaron 252 proxectos presentados por asociacións, concellos ou entidades, cun impulso orzamentario de 4,7 millóns de euros.
“Deriva” é o título do concerto que chega a Valga o 6 e 7 de outubro. “A evocación dun camiño percorrido, tal vez dunha busca, algo transformador do entorno, un vagabundeo, unha deriva (die Wanderung) por distintas situacións. Ideas de espazo compartido, que cambian co significado persoal construído a partir das experiencias temporais”, apuntan desde Vertixe Sonora. Este concerto, no Auditorio Municipal de Valga, servirá ademais para a presentación do CD “Lula Romero Portrait” (WERGO) da serie "Edition Zeitgenössische Musik" producido por Deutsches Musikrat. A obra doutras dúas compositoras, Victoria Cheah e Katharina Rosenberger, completan a proposta de Valga.
O ciclo "En Ruta" nace con algunhas preguntas. Se ben a importancia do canto como vehículo de comunicación no camiño desde o século XII está documentada, só houbo trobadores?. “Pouco sabemos das trobairitz, mulleres poetas do século XII, xa que poucos dos seus textos chegaron ata os nosos días. Como adoita ocorrer na historia das mulleres á cultura, as achegas destas artistas quedaron reducidas a anécdotas históricas e raras veces se recolleron na historia da literatura medieval”, explican en Vertixe. A valentía, determinación e coraxe de figuras como a de María Balteira inspiran a concepción do concerto “Coraxe”, con novas composicións, encomendadas por Vertixe Sonora para o Camiño, de Ángela da Ponte (Portugal), Filipe Lopes (Portugal) e Pablo Vergara (Chile), a estrear o 12 de novembro na Igrexa de Santiago de Padrón, un espazo de enorme simbolismo na tradición xacobea.
Accións sonoras, conversas coas compositoras e sesións cos centros escolares dan maior sentido a un ciclo que procura o fomento e creación de público. Cunha fórmula na que a creación contemporánea e a tradición van da man, "En Ruta" é unha proposta innovadora, internacional, que parte ademais do diálogo coa veciñanza. "En Ruta" pon en valor a efervescencia e fluxo constante de persoas ao longo das rutas, e implica á xente local a crear un imaxinario sonoro das súas vilas. Coa comunidade educativa levaranse a cabo accións sonoras co alumnado de centros educativos de Tui, Mos, Pontecesures e Redondela, algunhas tan prometedoras como “Embaldosado”, creación dun pavimento de circuitos electrónicos ao longo da Ponte Internacional de Tui, “Túnel de trinos”, a partir dos rexistros ornitolóxicos, ou “Ánimas”, ao redor da presenza de “aparecidos” no Camiño. Artistas como Loreto Martínez Troncoso, Mateo Mena ou Alejandra Pombo poñen en marcha estas accións dentro do ciclo.
"En Ruta" marca o inicio da programación do Festival Vertixe Sonora 2019, que continuará a última semana de outubro en Vigo. O festival, cuxa andaina está vinculada ás cidades de Vigo e Pontevedra, espalla cada ano as súas accións ao redor da creación musical contemporánea a novas localidades. En 2019 celebra a súa sétima edición.
Una ruta nocturna por las calles del conjunto histórico de Tui llega con misterio, sorpresas y muchos sustos
Los vecinos de Vigo se han encontrado estos días con una propuesta de ocio que amenaza con brillar más que las luces. de Navidad ¡Es esta!
Una exposición de calacús, túnel del terror para todas las edades y música para celebrar un terrorífico Samaín en Porriño
Llega el tiempo de comer cocido y A Cañiza ya pone fecha para disfrutar de este plato típico de la gastronomía gallega en estos ocho locales
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL