Ponteareas, Mos, A Guarda, Tui, Moaña ou Tomiño celebran ao longo de varias xornadas o Día das Letras Galegas con actividades como teatro, concertos ou obradoiros para a rapazada.
En Vigo, a editora de Xerais, Anaír Rodríguez, redactará o bando do Día das Letras Galegas, texto ao que dará lectura o próximo venres ás 12:00 horas na Praza da Constitución, onde o Concello celebra o tradicional acto pola festividade do 17 de maio.
Aínda que non se trata de programación municipal oficial do Concello, no parque de García Picher, situado xunto a rúa Coruña, a asociación vecinal As da Industria organiza un festival con teatro, baile e música en directo. A cita arrancará ás 18:00 horas da man de BeSo Teatro co espectáculo “Coa porta aberta” e a actuación do Mago Paco.
Máis tarde será a quenda dun obradoiro de baile tradicional que irá seguido dos concertos de Alba María e Queco Díaz e The Beibi Feixóns & The ghromos reventóns & The feixóns correúdos. Haberá tamén postos de venda de libros, bebida e comida a prezos populares.
O programa de actividades oficiais do concello de Mos contará con dous grandes concertos. A celebración comezará un día antes das Letras, o xoves 16 de maio, cun recital de Andrea Pousa ás 22.00 horas nos exteriores do Pazo de Mos. Pousa contará coa colaboración da bailarina acróbata aérea Rebeca Santos nun espectáculo incluído no Musigal e organizado polo Concello de Mos coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
O propio Día das Letras Galegas, venres 17 de maio, dará comezo ás 11.30 horas no auditorio do Centro Dotacional de Torroso, o Festival Letras Galegas 2019. O sábado 18 de maio ás 20.00 horas haberá un concerto de Rosa Cedrón e da Banda de Música Xuvenil de Torroso no mesmo auditorio.
Por último, o domingo 19 de maio ás 18.00 horas a programación das Letras 2019 clausurarase cunha actividade do programa municipal Ocio en Familia consistente nunha actuación de Migallas teatro que representarán, tamén no auditorio de Torroso, a obra “Un avó moi especial”.
O Concello de Tomiño organiza co apoio do grupo de voluntariado municipal, unha serie de actividades lúdicas e educativas para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor, historiador e xeógrafo Antón Fraguas. Todos os actos e actividades terán lugar o venres 17 de maio na Praza do Seixo, a partir das dez da mañá. Os obradoiros dixiridos a nenas e nenos celebraranse de 10:00 a 14:00 horas, organizados polo grupo de voluntariado local. Ás 12:30 horas terá lugar un concerto da Agrupación Musical de Goián. Ademais, de 10:00 a 20:00 horas terá lugar a Feira do Libro con descontos dun 30% na venda de libros en galego.
En Tui, como é costume, celebran o venres a Feira do Libro Galego co gallo das Letras Galegas. Haberá 20 postos de libros no Paseo da Corredoira de 11:00 a 22:00 horas, que ofrecerán un 10% de desconto. Ademais exporanse Maios e paneis informativos sobre a figura de Antón Fraguas, realizados polos centros educativos e asociacións culturais de Tui.
A escritora Iria Misa abrirá a feira ás 11:00 horas, dando paso a continuación ás actuacións musicais do grupo de pandereteiras As D´Abadía da Asociación cultural “A Insua” de Caldelas e continuarán a Coral Ponte das Febres(11:30h), o concerto familiar de Urdime con “Fantasía musical” (12:00h) e a Banda de Gaitas “Lembranzas da Terra” de Guillarei (13:00h).
Pola tarde, ás 16:00 horas haberá un obradoiro de marcapáxinas con En un Tris Tras. Ás 17:30 horas volve a música cunha actuación do grupo folclórico “O Mosteiro” de Pexegueiro. Unha hora despois, ás 18.30h Contacontos de Culturactiva con “Bandullo Azul: Flipa cos contos”, ás 19.30h teatro de rúa tamén de culturactiva con “Saaabor”. A programación rematará ás 20.30h coa actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui. Pola mañá a Radio Municipal de Tui fará un programa especial co gallo do Día das Letras Galegas e da Feira do Libro Galego. En caso de choiva celebrarase o domingo 19 de maio.
En Ponteareas a programación comezou xa este mércores e se prolongará até o domingo. Así, o xoves 16 de maio ás 10 horas na Praza Maior comezará a confección da alfombra floral escolar e o maratón de lectura. Ás 18 horas as rúas do casco urbano serán invadidas por Cé Orquestra Pantasma e polos xogos populares. Ás 19 horas o grupo tradicional da casa cultural de Areas, “Ven bailar con...”, tomará o relevo de Cé Orquestra Pantasma e porá ritmo ás rúas. Ás 20 horas no salón de plenos comezará a charla sobre o homenaxeado deste ano, Antón Fraguas, a cargo de Xosé A. Neira Cruz. Ás 21 horas no parque da Feira Vella concerto de Volta e Dálle ás 21 horas e de Nao ás 22:30 horas.
O venres 17 de maio a partir das 11 horas na Praza Maior poderán desfrutar da exposición de maios coa colaboración das asociacións de San Mateo. Ás 12 horas tamén na praza Maior actuará o grupo tradicional Algazara de Celeiros mentres a esa mesma hora e dentro do circuíto cultural, a casa cultural de Celeiros acollerá a actuación do grupo de gaitas Os Muíños de Oliveira. Xa pola tarde ás 18 horas na Praza Maior Circo Chosco porá en escena “Riscando o ceo”. Ás 18 horas no centro cultural de Xinzo os nenos da parroquia falarán sobre a vida e obra de Antón Fraguas, actuará o grupo de baile do centro cultural, haberá teatro do alumnado do IES Val da Louriña do Porriño dirixido por Delio García Represas e o dúo Aldaolado co espectáculo “Cría fama e bótate a correr” pechará os actos en Xinzo.“ Tamén ás 19 horas dentro do programa Cultura 24 na casa cultural de Prado actuará o monologuista Avelino González. Ás 20 horas na Praza Maior concerto da banda de música Reveriano Soutullo e na casa cultural de Arcos ás 20:30 horas haberá teatro co grupo de teatro Pena do Equilibrio coa obra “Simplemente persoas”.
Aínda que en Moaña levan programadas actividades dende o pasado día 10, a xornada do 17 de maio vivirase con especial intensidade na contorna do paseo marítimo, no Palco da Música situado xunto a Praza de Abastos. Dende as 12:30 horas celebrarase o Festival Folclórico da man das agrupacións Breogán, Charaviscas e Solaina. Pola tarde, dende as 20:00 horas, terá lugar un festival coral no CEIP Reibón organizado pola Coral Moañesa e Amigos da Terra.
Por último, o sábado 18 ás 19.00 horas Charaviscas celebra o Festival das Letras Galegas no centro Rosalía de Castro de Domaio. Ás 20.30 horas será a quenda doutro festival coral das Letras Galegas organizado polo coro Santa Eulalia, desta vez na igrexa do Carme.
O Venres 17 de maio ás 17:00h a Agrupación Cultural Guardesa organiza un festival folclórico coa participación de tódolos grupos da Guarda e se entregan os premios ós gañadores do concurso de relato e debuxo organizado pola Agrupación. A actividade comezará cun desfile dende a Alameda da Guarda, para proseguir no Auditorio de San Bieito.
O día grande chega, porén, o vindeiro domingo día 19 de maio coa Festa das Letras na Praza do Reló (en caso de choiva na Casa dos Alonsos), con postos de venda de artesanía, un xogo de pistas “Superlector”, un stand con publicacións municipais e un sorteo final.
As actividades terán comezo na Praza do Reló ás 11:30h co contacontos “A detective peregrina”, a cargo de Polo Correo do Vento, seguido ás 13:00h dunha sesión de vermú musical con “Roger de Flor”.
Pola tarde, ás 16:30h celebraranse varios xogos populares entre os que destacan as carreiras de sacos, zancos, parchís xigante, entre outros.
Ás 18:00h terá lugar o espectáculo para nenos “Canta miña pedra canta” a cargo de Xoan Curiel e Charo Pita e rematará ás 20:00h cun traballo onde voz narrada e cantada contan historias recollidas no noso entorno baixo o título “Por unha peseta” a cargo da Compañía A Patacón con Vero Rilo e Faia Díaz (integrante do grupo De Vacas)
O Porriño celebra a xornada co Festival das Letras Galegas no que participarán agrupacións de música tradicional. A cita, que arrancará ás 11:30 horas no Parque do Cristo, contará con Penediños de Atios, o Grupo de Música Tradicional da Asociación Castelo de Cans e a Agrupación S. Xurxo de Mosende.
Una ruta nocturna por las calles del conjunto histórico de Tui llega con misterio, sorpresas y muchos sustos
Los vecinos de Vigo se han encontrado estos días con una propuesta de ocio que amenaza con brillar más que las luces. de Navidad ¡Es esta!
Una exposición de calacús, túnel del terror para todas las edades y música para celebrar un terrorífico Samaín en Porriño
Llega el tiempo de comer cocido y A Cañiza ya pone fecha para disfrutar de este plato típico de la gastronomía gallega en estos ocho locales
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL