A enxeñeira biomédica xermano-estadounidense Nicole Steinmetz, profesora da Universidade de California, onde é fundadora e responsable do Centro de Nano-ImmunoEngineering (nanoIE), e codirectora do Center for Engineering in Cancer dos Estados Unidos, recibiu este luns en Vigo o premio Gold Talk 2024, unha distinción de carácter internacional coa que o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, busca recoñecer o traballo de persoas e institucións que impulsan a ciencia e inspiran co seu traballo diario e co seu discurso.
A cita tivo lugar no hotel Attica 21, a onde acudiron numerosos membros da comunidade investigadora viguesa. No seu discurso a investigadora incidiu na importancia de non renderse na carreira científica. “A miña etapa como deportista de alto nivel ensinoume a levantarme sempre e volver a intentalo ata conseguilo”, afirmou a galardoada, quen aproveitou a ocasión para lembrar a gran necesidade que ten o mundo da ciencia de talento e colaboración. “Nunha contorna sen fronteiras como é a da ciencia e a enxeñaría modernas, onde se fusionan diversos campos científicos e nacen outros novos, a ciencia en equipo é un requisito esencial”, sinalou a premiada, quen rematou o seu discurso reclamando máis colaboración entre os líderes gobernamentais e universitarios para impulsar a innovación e empoderar ás persoas que liderarán a próxima xeración científica.
“O impulso do coñecemento científico é precisamente un dos obxectivos cos que naceu este galardón”, recordou pola súa banda o director do CINBIO, Miguel Correa, nun discurso institucional no que incidiu na importancia de poñer en valor “o papel da ciencia como motor de avance para a sociedade”.
Graduada na Universidade RWTH-Aachen de Alemaña, Nicole Steinmetz continúou o seu proceso formativo no Instituto de Investigación Scripps, en La Jolla, California e, posteriormente, doutorouse en Bionanotecnoloxía na Universidade de East Anglia/John Innes Centre, en Norwich, Reino Unido.
O seu traballo de investigación céntrase na enxeñaría de materiais a partir de virus de plantas e está orientado a aplicacións en saúde humana e vexetal, como a distribución de medicamentos e pesticidas, vacinas e inmunoterapias. É autora de preto de 300 artigos en revistas científicas (índice H >70) e inventora de máis de 70 patentes e solicitudes de patentes. Nos últimos 10 anos, a doutora Steinmetz recibiu subvencións como IP e co-IP por un importe total de preto de 50 millóns de dólares.
Tras este acto Nicole Steinmetz, convértese na primeira científica en recibir este galardón. Súmase así ao profesor Lluís Torner, director do Instituto de Ciencias Fotónicas, ICFO, de Barcelona, que foi o galardoado na primeira edición deste evento, Gold Talk 2023, celebrada en outubro do ano pasado. O prestixioso científico tivo daquela a oportunidade de compartir coa sociedade viguesa a súa filosofía de traballo, compartindo as súas perspectivas sobre a relevancia da investigación e a maneira en que o investimento en ciencia básica pode impulsar avances significativos para o conxunto da sociedade.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL