Foi en 1991, con case todo por crear nunha recén nacida Universidade de Vigo, cando se iniciaron os trámites para a construción do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación da Universidade de Vigo, CACTI, pero non foi ata tres anos despois, en 1994, no edificio hoxe coñecido como Filomena Dato, cando o proxecto se converteu en realidade. Dende entón pasaron 30 anos e neste tempo aquel proxecto, “pioneiro no Sistema Universitario Galego”, converteuse nun centro de referencia dotado dunha moi alta infraestrutura de investigación.
Orgullosos e orgullosas do camiño percorrido, a institución académica viguesa celebrou este xoves este 30 aniversario. Fíxoo nun acto celebrado no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo presidido polo reitor, Manuel Reigosa, e no que se contou tamén coa participación do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e da tenente de alcalde do Concello de Vigo, Ana Mejías, así como a actual directora do centro, a profesora Sandra Bolaño. Arroupados por numerosos membros da comunidade universitaria, tanto de profesionais en activo como das moitas persoas que ao longo destes anos puxeron o seu gran de area para converter aquela idea inicial no que é hoxe, todas e todos salientaron o carácter “pioneiro” deste centro, ao que lle desexaron, “longa vida”, e un máis que prometedor futuro.
“Coa creación deste centro a UVigo apostou por algo distinto do que había naquela na universidade española, foi unha aposta clara por unha universidade investigadora, algo que naquel momento non era tan habitual”, salientou Reigosa, quen lembrou o papel crucial que tiveron nese intre o reitor Luis Espada, e o seu vicerreitor de Investigación, o profesor Federico Vilas. “Tiñan unha idea clara e foron adiante con ela”, salientou o actual reitor, quen destacou e agradeceu o enorme compromiso do persoal deste centro, “auténticos apaixonados do seu traballo”. Nesta liña, tamén salientou que “unha boa parte do éxito que estamos tendo na captación de fondos europeos, xunto co ascenso no número de publicacións internacionais, ten que ver co CACTI”, unha ferramenta á que se referiu como “indispensable, útil e que nos permite competir”.
Tras a intervención das autoridades o acto arrancou coa proxección dun vídeo no que se lembraron os inicios do centro, se puxeron cifras e verbas á súa realidade actual e se formularon os principais retos de futuro. Creado coa vocación de proporcionar apoio científico e tecnolóxico tanto aos membros da comunidade universitaria como a calquera outro organismo público ou privado de investigación, o CACTI, primeiro centro deste tipo no SUG, arrancou na primavera de 1994 con dous únicos servizos (Análise instrumental e Espectroscopía Molecular e Técnicas Radioquímicas) e un cadro de persoal técnico composto por seis persoas.
Co tempo, tal e como se lembrou nun vídeo proxectado no acto, as instalacións do edificio Filomena Dato foron quedando pequenas e no 2016 trasladáronse a un novo espazo, o edificio Olimpia Valencia, onde se triplicou o espazo e a superficie de laboratorios. Ali traballan na actualidade unha trintena de técnicas e técnicos, divididos entre a sede de Vigo, a de maior tamaño, e a de Ourense, no edificio administrativo do Campus Auga. Ofrécense en total sete servizos e entre os seus clientes habituais, están o resto de universidade públicas, tando de España como de Portugal; centros tecnolóxicos como o CTAG, Aimen ou Anfaco-Cecopesca e empresas como Seat, Naturgy, Borgwarner, Mapfre ou o Grupo Zelnova (Zeltia).
Nos diferentes servizos do CACTI analízanse un amplo abano de mostras, produtos e materiais que van desde as diferentes aplicacións da biotecnoloxía, economía circular, biorremediación, microplásticos, alimentos, enerxías renovables, caracterización de compostos químicos, análise de ADN e ARN, biosensores, control de calidade… Resaltando o feito de que nos vindeiros anos a investigación será a clave do desenvolvemento dos países, desde o centro destacouse o feito de que se tratarán de acometer retos como o estudo dos efectos do quecemento global, as estratexias fronte as pandemias ou o cambio das fontes de enerxía
Tras a apertura do acto tivo lugar unha mesa redonda na que se analizou en detalle o papel dos centros de apoio á investigación nas universidades públicas. Presentada pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, contouse coa participación de quen foi a primeira directora do CACTI, a profesora, hoxe xubilada, Betty León, quen lembrou a posta en marcha e os primeiros anos deste centro. Xunto a ela, compartiron espazo o director do Servizo Interdepartamental de Investigación, da Universidad Autónoma de Madrid; José A. Costoya Puente, director científico da Área de Infraestruturas de Investigación, da Universidade de Santiago de Compostela, e Gerardo Fernández Martínez, director dos servizos de Apoio á Investigación, da Universidade da Coruña.
O acto de celebración do 30 aniversario rematou cun recoñecemento o labor do persoal técnico co que arrancou o centro: Manuel Marcos García, do Servizo de Determinación Estrutural, Proteómica e Xenómica; Carmen Serra Rodríguez, do Servizo de Nanotecnoloxía e Análise de Superficies; Jorge Millos Alfeirán, do Servizo de Seguridade Alimentaria de Desenvolvemento Sostible; Fernando González Muíños, do Servizo de Asistencia Técnica e Calibración, Satycel, e Antonio Souto Casas, do Taller de Mecanizado.
Unha vez rematado o acto as persoas asistentes desprazáronse ata as instalación do CACTI, onde compartiron uns petiscos nos que houbo oco para as lembranzas e as anécdotas.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL