"Nasín cando as prantas nasen, no mes das froles nasín, nunha alborada mainiña, nunha alborada de abril". Estes primeiros versos do poema 'Nasín cando as prantas nasen', incluído en Cantares Gallegos, dan nome tamén á exposición itinerante sobre o herbario de Rosalía que dende este martes pódese visitar no edificio Redeiras. A mostra, que xa percorreu os campus de Ourense e Pontevedra, chega agora a Vigo para que as e os espectadores poidan coñecer, durante estes días de primavera, as herbas, plantas e árbores que foron citadas por Rosalía de Castro nas súas obras, nun percorrido á vez literario e natural.
O herbario, froito dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, creouse a partir dun baleirado completo da obra de Rosalía para elaborar unha base de datos coas mencións das distintas especies na produción poética e en prosa da escritora. Tras un estudo de frecuencia e distribución, elaborouse o propio herbario, cuxa elaboración requiriu a recollida de flores e plantas seguindo un ciclo anual que se levou a cabo privilexiando os espazos rosalianos. De feito, varias das plantas foron colleitadas no cemiterio de Adina e outras moitas nas marxes do Sar, en espazos que transitou a propia autora. O resultado final é un herbario que está depositado na Fundación Rosalía e que consta de 150 pregos que se acompañan de cadansúa explicación, nas que se inclúen citas das obras, buscando unha representatividade da produción en verso e en prosa, en galego e en castelán.
Dos 150 pregos que conforman o herbario, na exposición pode verse estes días unha selección de 40 imaxes de especies vexetais citadas pola autora nas súas obras, artelladas arredor de cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e “outras flores, plantas e especies comestibles”. Ademais dun panel introdutorio da exposición, cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza.
As series "herbas do campo florido" e as “herbiñas do camposanto" responden á estética romántica de revalorización das especies naturais humildes así como á frecuencia de escenarios fúnebres. Pero das oito especies máis mencionadas, cinco son árbores, destacando o carballo. Isto, segundo as impulsoras deste proxecto, a filóloga María López-Sandez e a botánica Mª Isabel Fraga Vila, “é coherente coa súa significación na obra de Rosalía de Castro, quen en En las orillas del Sar denunciou a tala de carballos como un acto “sacrílego” e a propia importancia desta árbore na cultura galega. Por iso, tamén a sección consagrada a árbores ten un papel fundamental no herbario”.
Así mesmo, elaborouse para acompañar a exposición un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos, para o que se dispón dun procesamento fotográfico de calidade, levado a cabo por Miguel Fraga Vila.
As investigadoras da USC recoñecen que a súa pretensión non era crear un herbario científico, “senón un herbario literario, unha auténtica homenaxe á obra de Rosalía e á unión da literatura coa natureza. Tentamos aproximarnos ao herbario que podería facer a propia Rosalía neses paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra”.
A mostra foi inaugurada en 2022 no Real Jardín Botánico de Madrid e desde entón iniciou unha itinerancia por toda Galicia, que xa a levou polos campos de Ourense, primeiro, e Pontevedra, despois. O herbario pode visitarse en Vigo dende este martes e ata o vindeiro 10 de maio no terceiro andar do edificio Redeiras, sede institucional da UVigo na cidade, grazas a un acordo de colaboración entre a Universidade e a Fundación Rosalía de Castro.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL