Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.
Con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, as representacións arrancarán este mércores coa actuación da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra e continuarán o xoves 18 coa compañía Teatro El Mayal da Universidad de León. Será en ambos casos ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño, hora e escenario no que se levarán a cabo as seis actuacións previstas desde esta semana ata o vindeiro 15 de maio.
Para estrear esta XXVI edición da mostra elixiuse a obra Estupidez Artificial, dirixida por Omar Ferrín e Salvador del Río, na que se contan tres historias que teñen como nexo común a Intelixencia Artificial, unha ferramenta chamada a revolucionar a maneira que os seres humanos teñen ou terán que relacionarse. A busca da compañía para escapar da soidade, a procura de inspiración dun artista frustrado ou a indagación arredor da fórmula que permita dominar o mundo constitúen as máximas dos protagonistas da montaxe. Cun elenco de seis actores, a música correrá a cargo de Xaime Reboiras e o vestiario de Sonia Rúa.
O xoves cambiarase o acento galego polo castelán coa representación da obra Sangre carbón, da Universidad de León. Dirixida por Javier R. De la Varga, a peza xurde como o berro dunha terra esquilmada polos homes. Serán 10 actores e actrices sobre o escenario narrando a historia dunha transgresión: a que comete Mara, a súa protagonista, para salvar a vida da súa irmá Marusina, “unha viaxe ao interior da terra e tamén ao fondo de si mesma, unicamente por amor”.
A vindeira semana volverase contar con dobre representación. O martes será o día máis internacional coa participación da compañía colombiana Sin mente teatro, que representará Tomás, cuando el silencio es complicidad, dirixida por Germán Frasio Montegimeno e interpretada por Diana Rocha Torres, Edna Rocío León e Diego Cañón. A través da linguaxe corporal, actoral, visual, musical e o manexo de monicreques, esta obra bríndalle á persoa espectadora unha posta en escena cargada de imaxes e sensacións que transitan entre alegrías e penas.
Tamén a vindeira semana, neste caso o mércores, será a quenda dos anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, que representará a obra Soño dunha noite de verán, baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa e coa participación dun elenco composto por máis dunha ducia de actores que levan meses preparándose para esta actuación.
No mes de maio haberá dúas representacións, o mércores 8 e o 15. O mércores 8 actuará Trifásico Teatro, da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, ESAD Galicia, que, nesta ocasión, representará a obra Hámster, baixo a dirección artística de Natalia Feijoo e interpretada por Alba Lago e Álvaro Lourido. Contarán unha historia na que ‘ela’ é a femia, ‘el’ o macho, e ambos habitan un espazo que é seu e, á vez, que non escolleron, comen o que teñen ao seu alcance, dan voltas procurando a súa propia identidade, actúan para uns espectadores que non decidiron ter e que nunca deixan de mirar…
O cartel da XXVI edición da Miteu pecharase o 15 de maio coa representación de Desequilibrios, interpretada polo grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitario de Ourense. Baixo a batuta de Fernando Dacosta as espectadoras e espectadores transportaranse a un manicomio, o lugar onde van parar as persoas que son diferentes, que non encaixan nunha sociedade que busca o (seu) equilibrio para poder ter todo controlado de cara á produtividade. O tolo, o desequilibrado, é recluído e tratado co fin de recuperarse para esa sociedade: non debe saír dos canons establecidos.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL