Co equipo máis grande de toda a súa historia e con membros dos tres campus, a escudaría universitaria UVigo Motorsport enfila xa unha nova etapa desta temporada 2023/2024: a fabricación do UM24. A asociación de estudantes acaba de rematar o proceso de deseño e están a iniciar xa a fase de produción do monopraza co que este verán participarán na Formula Student, a competición automobilística que reta a universidades de todo o mundo a fabricar e poñer a rodar o seu propio bólido.
Dende o equipo explican que acaban de rematar a fase de deseño “con ilusión e seguridade, tras meses de arduo traballo” e agora ábrese unha nova etapa, a de produción, que suporá para todas e todos eles “meses de dedicación e tensión, xa que é preciso que esta sexa satisfactoria para poder asistir ás competicións co novo monopraza a punto”. Detrás deste proxecto hai un equipo formado por 83 estudantes dunha vintena de titulacións, dos tres campus, xa que “coa ampliación extraordinaria de Pontevedra, oficialmente temos integrantes dos tres campus da Universidade de Vigo”. E precisamente grazas a este aumento, engaden, “contamos cun arranque vigoroso, estamos listos para afrontar esta nova fase do proxecto”.
A estratexia para esta temporada, como explican os responsables do equipo, “é similar á da anterior: centrarse en ter todo preparado canto antes e ir sobre seguro; é dicir, non arriscar”. Para isto, apostan por poñer en valor os aspectos que funcionaron no UM23 e que lles permitiron obter “tan bos resultados” en Formula Student United Kingdom e Formula Student Spain, eses “son os cimentos sobre os que estivemos deseñando o UM24”.
De feito, dende o inicio do curso, este grupo de alumnos e alumnas ademais de traballar no deseño do novo monopraza, levaron a cabo de maneira simultánea “tests, probas e un proceso de desenvolvemento sobre o UM23”. Para isto, dende que remataron as competición do pasado verán nos circuítos de Silverstone e Montmeló, o coche sufriu diversos cambios “enfocados a obter melloras que poder implementar no UM24 con certas garantías de funcionamento”, explican. Deste modo, os distintos departamentos nos que se artella o equipo estiveron traballando para mellorar o máximo posible determinados aspectos do UM23, para así “poder comezar a fabricación con antelación e, deste xeito, probar o novo monopraza con folgura antes das competicións de verán”.
Agora que comeza a que é posiblemente a etapa máis dura da temporada, o equipo conxúrase para superar os resultados do pasado verán. “Todos os integrantes realizamos un esforzo monumental, todos os departamentos, cada individuo contribuíu co seu arduo traballo e dedicación para acadar os obxectivos establecidos”, sinalan, “foi unha temporada chea de desafíos, pero tamén de triunfos significativos que nos encheron de orgullo e satisfacción. É por todo este inmensurable labor e polos excelentes resultados do ano pasado que temos grandes esperanzas para esta nova temporada”. A este respecto, recalcan que se basean “na fortaleza do noso equipo, na súa capacidade para adaptarse e superar calquera obstáculo que se presente no camiño. Confiamos en que, co mesmo nivel de compromiso e determinación, lograremos acadar novas metas e maiores niveles de éxito nos próximos meses”.
Sobre os meses que quedan por diante ata as competicións do verán, Óscar Rodríguez, en Organización e Márketing, resalta que “unha boa planificación é esencial” e, por este motivo, cada un dos departamentos ten uns obxectivos moi claros. Por exemplo, no departamento de aerodinámica, explica, “estamos ultimando os detalles do próximo paquete a través das últimas simulacións CFD. Ademais, estamos optimizando o seu proceso de fabricación e peso mediante simulacións ACP”. Con isto buscan “rebaixar o máximo posible o peso dentro da normativa. Do mesmo xeito, estamos comezando a planificación do proceso de fabricación, baseándonos no tratado de útiles e a patronaxe da fibra de carbono”.
Este departamento, ademais de explorar novas formas de fabricación, tamén colabora co departamento de propulsión para mellorar a refrixeración do monopraza. É este departamento o que, de cara ao UM24, está implementando no UM23 diferentes modificacións co fin de estudar a súa viabilidade. Un destes exemplos é o banco do motor, “xa que estamos facendo probas co noso motor nun dinamómetro para sacar o máximo partido cos mapas de potencia e mellorar a eficiencia do mesmo”. Outro dos cambios que se están a estudar e probar é o novo sistema de refrixeración no pontón co obxectivo de mellorar o rendemento e alixeirar o peso deste sistema.
O resto dos departamentos tamén levan meses de intenso traballo. Por exemplo, no que atinxe ao chasis, deseñáronse as bancadas e cortes de tubos: as primeiras serven para posicionar cada elemento soldado no seu sitio antes de soldar o chasis e os segundo secciónanse con láser co fin de manter unha xeometría fiel ás simulacións dentro do posible na fase de fabricación. No departamento de electrónica deseñaron o taboleiro para o banco motor, compaxinándoo coa montaxe do Assembly de electrónica e realizando probas co Electronic Throttle Control (ETC), un dispositivo que conectará electronicamente o pedal do acelerador á admisión do vehículo.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL