Espertar “vocacións matemáticas” nos nenos e nenas de primaria é un dos obxectivos centrais do proxecto de divulgación "Te lo cuentan las matemáticas", que o grupo de innovación docente MaReMa desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación. Co obxectivo de rebater estereotipos asociados a matemáticos e matemáticas, entre as actividades deste proxecto atópanse os Encontros inspiradores, nos que poden coñecer os inicios e traxectoria de novos investigadores e investigadoras, así como as achegas realizadas ao longo da historia por diferentes mulleres matemáticas.
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu na mañá deste martes os primeiros encontros dun proxecto que conta este curso coa participación de máis de 800 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria de 16 colexios de Vigo e Pontevedra. Tras participar previamente nos seus centros nunha serie de talleres centrados nas aplicacións das matemáticas nos ámbitos da criptografia e os códigos, o bloque de actividades correspondente ao primeiro trimestre pechábase nesta xornada cuns coloquios co profesor da UVigo Xabier García e a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Pilar Páez.
Como explica a coordinadora deste proxecto, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Pérez, estes encontros permiten afondar tamén nas traxectorias “de matemáticas de éxito”, como foron neste caso Ada Lovelace, Agnes Meyer Discroll e Dorothy Vaughan, “que se relacionan á súa vez cos contidos dos talleres". No primeiro dos encontros participou de xeito presencial o alumnado dos colexios vigueses Javier Sensat e Alfonso Rodríguez Castelao e no segundo estudantes dos CEIP Carballal e Valle-Inclán, mentres que o resto dos centros participantes sumáronse ao encontro a través de UVigoTV.
Promovido coa colaboración do Consello Social e a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, así como dos CFR de Pontevedra e Vigo, "Te lo cuentan las matemáticas" ten como obxectivo complementar a ensinanza desta materia "desde un punto de vista científico, tecnolóxico, transversal, funcional, histórico e de xénero”, como sinala a súa responsable. No marco do proxecto, desenvólvense ao longo do curso tres bloques de talleres, un manipulativo e outro tecnolóxico, que cada trimestre, impartidos nos diferentes centros por alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte. Os próximos, centrados na astronomía e nos movementos xeométricos na arte desenvolveranse no mes de marzo e veranse complementados por novos Encontros inspiradores, aos que, como explica Pérez, o proxecto financia a asistencia presencial do alumnado de dous dos colexios participantes, seleccionados por sorteo.
Xunto aos asistentes nesta xornada, no proxecto participan tamén os CEIP vigueses Virxe do Rocío, García Barbón, Chans-Bembrive, Mestres Goldar, Pintor Laxeiro, Emilia Pardo Bazán, Paraixal, Illas Cíes e Otero Pedrayo e os colexios pontevedreses de Santo André de Xeve, San Martiño e Ponte Sampaio.
Por outra banda, entre as actividades do proxecto figuran tamén cursos de formación para o profesorado en activo, como o levado a cabo recentemente o CFR de Vigo e ao que se sumará en marzo outro no CFR de Pontevedra, no que, como explica Pérez, afondarase tanto nos tres bloques temáticos deseñados para alumnado de quinto como nos tres elaborados para sexto curso.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL