A Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo deu este xoves un paso máis na loita contra a desigualdade de xénero no ámbito dixital coa presentación de sociedade dunha nova revista que permitirá difundir coñecemento científico, crítico e feminista, sobre os riscos éticos da transformación tecnolóxica e o seu impacto negativo sobre os dereitos das persoas. Bautizada como "Gender on Digital. Journal of Digital Feminism", a nova publicación foi presentada esta mañá no edificio Redeiras nun acto no que participaron a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez; a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas e as investigadoras Amparo Alonso e Soledad Torres, que forman parte do comité científico da revista e son autoras de dous dos artigos no primeiro número.
Gómez explicou que o obxectivo da revista é “construír un espazo de reflexión científica crítica e, polo tanto, feminista, arredor das transformacións da sociedade en relación coa irrupción das novas tecnoloxías da comunicación e a conseguinte dixitalización de todas as esferas da vida, facendo unha chamada de atención urxente sobre a hexemonía da economía de datos e o capitalismo de vixilancia, que converten a nosa existencia nunha especie de cibervida e ameazan os dereitos das persoas, e de forma máis alarmante os das mulleres”.
En palabras da directora da Unidade de Igualdade da UVigo e responsable do equipo directivo da revista, “estamos inmersas nunha nova revolución e debemos garantir que este novo universo dixital sexa máis xusto elaborando diagnoses desde unha ollada feminista que nos leve no sentido dun mundo máis igualitario”. Gómez afirmou que “as desigualdades no acceso ás tecnoloxías están a erosionar a calidade da «conversa global» e das democracias nesta recente «ágora pública» e os retos que se derivan desta nova realidade relaciónanse coa protección dos datos, a transparencia e explicabilidade, os posibles nesgos, as fendas socioeconómicas, o rendemento de contas e toda unha serie de riscos éticos de forte impacto.
Pola súa banda, Lucía Muradas destacou que a publicación desta revista supón “un importante fito” e agradeceu o traballo realizado desde a Unidade de Igualdade da UVigo durante estes anos, especialmente a través das iniciativas da cátedra nas que a Deputación participou “cóbado con cóbado”. A nova publicación conta tamén co apoio do Servizo de Publicacións e da Vicerreitoría de Investigación.
A revista terá unha periodicidade anual e conta cun equipo científico conformado polo Comité de Sabias da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO- UVigo que recollerá en cada publicación os temas tratados nos workshops "Hackeando o Patriarcado". O primeiro número reúne os resultados das achegas científicas desenvolvidas no primeiro obradoiro da cátedra titulado "Sociedade dixital e nesgos de xénero" e conta tamén con artigos de fondo doutras expertas, entre elas a catedrática da Universidade da Coruña Amparo Alonso Betanzos, que asina un artigo no que indaga sobre os fortes desafíos éticos que plantexa a intelixencia artificial.
Alonso, que participou no acto a través de videoconferencia, asegurou que a IA “está a resultar unha disciplina transversal omnipresente en todas as dimensións da vida humana e, polo tanto, leva consigo fortes desafíos éticos: un deles é a posible aparición de nesgos de xénero, o que nos obriga a permanecer vixilantes para garantir unha IA ética, fiable e xusta”. A investigadora asegura que o adestramento de algoritmos realízase seguindo modelos con datos históricos cuxa calidade non é a axeitada, e advirte de que “os rumbos non só están nos algoritmos, tamén poden derivar de desigualdades no acceso á tecnoloxía, ou de falta de diversidade nos equipos”.
No acto estivo tamén presente Soledad Torres, profesora da EE de Telecomunicación e investigadora de atlanTTic, que participa neste primeiro número cun artigo no que reflexiona sobre os asistentes dixitais en español que segundo explicou, “maioritariamente reforzan as imaxes estereotipadas da muller, utilizan unha linguaxe sexista e toleran os comentarios e o acoso sexual.”
Ademais das colaboracións de Amparo Alonso e Soledad Torres, no apartado Investigación recóllese un artigo colectivo, liderado pola profesora da Universidade de Vigo, Teresa Rivas, no que analiza con perspectiva de xénero o percorrido académico e laboral dentro da área da enxeñaría, no contexto xeográfico de Pontevedra e no período de 1967 a 2018.
Na sección de Miscelania, a experta en comunicación e feminismos Guiomar Rovira, da Universitat de Girona, traza unha xenealoxía dende os inicios de internet e o ciberfeminismo como vangarda ata a incursión de multitudes de mulleres conectadas nas redes dixitais, iniciando movementos feministas horizontais, sen liderados fixos e con vocación transnacional. Nel, analiza a capacidade agregativa e de acción en rede dos femitags (cancelos feministas) e da transnacionalización dos feminismos desta era.
Nesta mesma sección, a comunicadora Marga Tojo, como representante da Asociación de Xornalistas Galegas, aborda o rol dos medios como parte dos actores discursivos que garanten o mantemento do estatus en termos de xénero e de certa violencia simbólica. No texto tamén analiza as consecuencia da crecente dixitalización nas narrativas mediáticas, o que está a supor unha interesante xanela de oportunidade para o cambio no eido da comunicación.
Finalmente, este número remata coa recensión de dous libros fundamentais dentro da reflexión crítica sociotecnolóxica, elaborados pola profesora de Física Encina Calvo; a docente de Informática da Universidade de Santiago de Compostela, Eva Cernadas; e a catedrática da Universitat Jaume I, Irene Epifanio. Estas autoras analizan, respectivamente, as obras de Kate Crawford Atlas de IA. Poder, política y costes planetarios de la inteligencia artificial; e de Catherine D'Ignazio e Lauren F. Klein, Feminismo de datos.
Tras a presentación, o Comité de Sabias da cátedra mantivo un encontro virtual para facer balance das accións realizadas en 2023 e debater propostas, necesidades e liñas de traballo que deben ser abordadas no próximo ano.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL