"Biodiversidade", "cibercarracho, -a", "cooficialidade", "dereitos humanos", "educación emocional" e "feitiño, -a". Estas son as seis voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2023. A partir deste xoves e ata as 23:59 horas do luns 25 de decembro, todo o público poderá votar pola súa opción favorita a través do Portal das Palabras, a páxina web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
A través dun comunicado, a Real Academia Galega explica que todas as palabras finalistas están relacionadas con preocupacións sociais en aumento ou acontecementos que deixaron unha fonda pegada na cidadanía por diversos motivos, e que se reflectiron de maneira reiterada na primeira fase da campaña, centrada na recolla das propostas da cidadanía.
"A preocupación polo impacto da acción humana sobre o medio natural é unha constante que se plasma no proceso de elección da Palabra do Ano", indican. Así, entre as palabras finalistas figura "biodiversidade", substantivo que se refire á diversidade de especies vexetais e animais dun ecosistema.
Segundo a RAG, o termo evoca nos últimos tempos dende as mobilizacións en Galicia contra grandes parques eólicos que poden ameazar o medio natural e social local ata o gran desafío mundial que supón o cambio climático, dúas preocupacións reiteradas na fase de recolla de suxestións. A voz créase mediante o prefixo de orixe grega bio-, que entra na formación de palabras co significado de "vida", e o nome diversidade, carácter do que é diverso, de distinta índole ou especie.
Á persoa que comete un delito por medio das tecnoloxías da información e a comunicación chámaselle ciberdelincuente, segundo recolle o Dicionario, pero tamén está a ter certo predicamento o termo "cibercarracho, -a", outra das voces finalistas. Este neoloxismo de carácter coloquial permite, dende o atractivo do humor, "chamar a atención sobre a necesidade de adoptar medidas de protección ante os ciberataques". A voz fórmase a partir do prefixo ciber-, que resulta do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea o arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.
Outra finalista é "cooficialidade", palabra que designa "aquilo que é oficial canda outra realidade", e que no contexto galego aplícase ao conxunto de linguas que comparten oficialidade. "Con ela sinálase o paso adiante dado este ano no recoñecemento do galego e das demais linguas cooficiais do Estado ao se acordar o seu uso normalizado no Congreso dos Deputados", explica a RAG.
Con este termo tamén preténdese chamar a atención sobre os "pendentes" para reparar a marxinación histórica do galego e da discriminación dos seus falantes, na liña do expresado pola propia RAG na declaración institucional difundida o pasado mes de novembro. O vocábulo créase a partir dun prefixo, co- e o substantivo oficialidade, que se forma sobre oficial, do latín tardío officiālis ‘propio do deber’, ‘oficioso’, ‘ministro’, ‘oficial’.
Neste 2023 celébranse os 75 anos da Carta Universal dos Dereitos Humanos. Durante a campaña da Palabra do Ano rexistráronse moreas de voces propostas que constitúen unha chamada á defensa do contido deste texto fundamental nun contexto de conflictos bélicos. Por iso entre as voces finalistas figura o sintagma nominal "dereitos humanos".
Trátase dunha adaptación ao galego da paremia creada pola ONU, común nas linguas da contorna: direitos humanos en portugués, diritti umani en italiano ou human rights en inglés. Fórmase co substantivo dereito, que procede do latín directus ‘liña recta’ ou ‘que segue o correcto’, e mais o adxectivo humano, pertencente ao ser humano.
Outra das propostas é o sintagma nominal "educación emocional" que fai referencia á saúde mental e a necesidade de incorporar a educación emocional a todas as etapas formativas para mellorar as relacións interpersoais, a capacidade de facer fronte aos retos que presenta a vida e o benestar persoal. O termo fórmase a partir do substantivo educación, do latín educatio, e mais o adxectivo emocional, vinculado co latín emotio que, á súa vez, se relaciona con motio ‘mover’.
Por último, como recoñecemento aos vocáblos que transmiten afecto foi seleccionada como finalista a palabra "feitiño, -a", voz tradicional do galego de uso moi estendido que se refire dende o léxico patrimonial a "aquela persoa da que queremos destacar as súas virtudes morais e / ou físicas". A palabra vén sendo o participio do verbo facer, feito, que ten tamén ese mesmo significado, ao que se lle engade o sufixo diminutivo galego por excelencia, -iño, -a. Con el creamos tamén outra variante dun adxectivo de noso equivalente, xeitoso, a-, que se converte así en xeitosiño, -a.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié animan a todo o público a participar e votar pola súa finalista favorita a través do Portal das Palabras. Nas edicións anteriores a votación popular proclamou como Palabra do Ano comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL