A Universidade de Vigo recibirá da Xunta de Galicia unha achega de preto de seis millóns de euros para reforzar o cadro de persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asinou este martes un acordo de colaboración co conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que lle permitirá contratar 29 tecnólogos e tecnólogas.
En total, o Goberno autonómico achegará ás tres universidades públicas galegas 19 millóns de euros no marco do Plan Reforza da Investigación Universitaria, para contratar un cento destas figuras especializadas en materia de I+D+i co obxectivo de dar soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitar a transferencia de coñecemento ao conxunto do tecido empresarial.
Xunto co reitor da UVigo, asinaron cadanseu convenio os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Julio Abalde, para reforzar o persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación, así como para a consolidación de estruturas de investigación. Á institución compostelá corresponderalle unha achega de case 7,6 millóns de euros para a contratación de arredor de 47 tecnólogos, mentres que a da Coruña recibirá preto 5,3 millóns para aproximadamente 34 tecnólogos.
O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou o novidoso desta acción, “que inclúe por primeira vez financiamento específico para a introdución desta nova figura de experto tecnólogo”. Para Román Rodríguez, dará pulo “ao papel das universidades galegas neste eido, que representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento”, destacou. “A Consellería de Educación apoia activamente este sistema desde hai anos, ofrecendo certezas e estabilidade ao persoal investigador”, explicou o conselleiro.
O Plan Reforza da Investigación Universitaria 2023-2026 establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axuda ás universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.
Os tecnólogos e tecnólogas contratadas serán profesionais xestores de I+D+i especializados en cuestións como a xestión de proxectos internacionais, a negociación cos sectores produtivos, a posta en valor de resultados de investigación, a protección da propiedade intelectual, o aproveitamento das infraestruturas científico-técnicas ou a xestión de recursos humanos e de comunicación, entre outros.
Estes profesionais actuarán de nexo nas relacións entre os organismos de financiamento da investigación e a comunidade científica, tendo en conta cuestións como as diferencias culturais e xurídicas entre países e entre o mundo académico e a industria. Deste xeito, xogarán un papel clave na xestión do bo funcionamento dos proxectos de investigación liderados polos científicos que traballan nas tres universidades públicas galegas.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL