Militantes e simpatizantes, ademais de diferentes cargos públicos do BNG, arrouparon este sábado á súa candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, nun acto no que a nacionalista apelou ao "colectivo" para reivindicar que é "a candidata de todos os galegos que queren cambio". "O momento do BNG é agora".
Baixo a lema 'É agora, Ana Pontón presidenta', os nacionalistas arrincan a conta atrás de cara ás próximas eleccións galegas co obxectivo de liderar o goberno do cambio e facer historia coa primeira presidenta de Galicia.
Ante un repleto hall do Multiusos Fontes do Sar, en Santiago, e baixo a música da Banda da Loba, pasadas as 12:00 horas, a líder nacionalista facía a súa entrada ao recinto do acto, conducido pola presentadora Bea Campos, onde multitude de persoas aplaudiron a súa chegada.
Así, tras a intervención da alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, que foi a encargada de abrir o acto, e de cinco representantes do sector cultural, rural, sanidade, emprendemento e investigación, Pontón tomou a palabra entre berros de 'Presidenta, presidenta'.
"Non estamos aquí nun acto máis, non é un mitin máis, nin esta será unha campaña máis. Este é un deses momentos en que un pobo ten que coller as rendas e pelexar polo futuro. É agora; é o momento", comezou.
A continuación, a portavoz nacional convocou á cidadanía a "facer historia" e conseguir que por primeira vez unha muller ocupe a presidencia da Xunta, "coas mans libres para defender aos galegos", convencida de que o cambio liderado polo BNG "é imparable".
Pontón dixo sentir "como nunca" a "potencia e a enerxía colectiva" do BNG e prometeu "non fallar aos galegos", antes de confesar que "nunca aceptaría ser candidata" se non se atopase "en plena forma tanto no persoal como no político" e grazas a este "proxecto colectivo". "Teño máis entusiasmo e máis ilusión. Síntome máis preparada que nunca para ser a primeira presidenta e pór en marcha o mellor goberno de todos os tempos", proclamou.
Neste momento da súa intervención, Pontón dirixiuse a todas as persoas que "teñen motivos sólidos para confiar e ilusionarse co BNG". Unha ilusión que, tal e como definiu, é "seria e solvente" e que "só mira cara a adiante con todo o entusiasmo para facer avanzar Galicia".
Nesta liña, sinalou que non perseguirán "imposibles" nin prometerán aquilo que non poden cumprir, pero confía en dar "o mellor cada día para transformar" Galicia. "Creo humildemente que Galicia vai saír gañando cunha presidenta do BNG", reivindicou.
Así mesmo, resumiu a "Galicia que quere o BNG", coa defensa da sanidade e a educación pública, oportunidades para os mozos, unha "vellez tranquila", un sector primario produtivo, a investigación, a ciencia, a innovación, a cultura ou o coidado do medio ambiente como eixos centrais.
Tamén cun modelo enerxético "ao servizo do país". Sobre isto, avanzou que a primeira decisión en materia enerxética que tomará se alcanza a presidencia do Goberno galego será "sacar a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta".
Neste contexto, afirmou ter a sensación de que 2024 será "o ano no que naza un novo goberno liderado polo BNG". Con todo, mostrouse "convencida" de que nesta campaña haberá "voces interesadas" que neguen esta posibilidade e que digan que "non toca cambio": "A eses predicadores do 'non', ímoslles a dicir coa cabeza alta e un sorriso que se equivocan, que o seu tempo pasou, que hai unha Galicia que vai deixar atrás o tempo do inmobilismo, a resignación e o pesimismo".
Para Pontón, estamos ás portas das eleccións galegas "máis importantes das últimas décadas" porque Galicia xógase "o futuro" tras "14 anos de retroceso". A candidata do Bloque reprochou a Rueda que cualificase o acordo do BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como "garrafón". "A min o que me dá é que Rueda ten unha tremenda resaca, porque non dá dixerido que o BNG sexa capaz de facer o que el non quixo para defender a este país", censurou.
Con ese acordo, afirmou, conseguiuse "rebaixar as peaxes da AP-9 e da AP-53 até un 75%, máis medios para loitar contra a violencia machista, tren de proximidade, máis competencias, igualdade para Galicia, que vai ter o mesmo desconto da súa débeda que calquera outra comunidade". "E todo desde a oposición, recalcou para aseverar: "Imaxinade o que poderiamos conseguir cunha presidenta coas mans libres".
En todo caso, apuntou que se alguén ten motivos para cabrearse é "a cidadanía", cun Rueda que "triplicou a débeda pública mentres recortaba en sanidade e en educación". Unha débeda que, segundo a portavoz nacionalista, os galegos pagarán "máis cara" porque o PP "preferiu pedir diñeiro á banca no canto de financiarse co Estado". "Estes son os que nos din que son bos xestores. Son un mal goberno que traballa para a banca e os lobbies económicos e iso vaise acabar cun Goberno do BNG", reivindicou entre aplausos dos presentes.
Tamén tivo palabras para PSOE e PP, que para Pontón "non están no importante" porque, para eles, afirmou, "Galicia non é o importante e por iso traerán ás eleccións galegas as súas batallitas madrileñas". "Nin necesitamos nin merecemos o seu ruído e a súa crispación madrileña. As forzas estatais o único que demostran é que non teñen proxecto para este país nin lles interesa", reprobou.
A continuación, Ana Pontón sostivo que as eleccións galegas "non van nin de Sánchez nin de Feijóo", senón de "solucións para o futuro colectivo" de Galicia, para "facerse valer" e para avanzar.
Neste punto, reivindicou ao BNG como "a única forza que ten un proxecto de futuro sen ataduras nin submisións", ademais de ser "solvente e capaz de construír un país mellor a favor das persoas".
Así, aproveitou para dirixirse a todas as persoas que queren cambio, sen importar o que votasen noutras eleccións porque "todas as maneiras de sentirse galego son necesarias para abrir un tempo novo". A todas elas, Pontón díxolles que é "a súa candidata", a candidata dunha maioría que "sabe que o futuro pode ser mellor", desde "o amor e a confianza nos que somos".
"Teño a certeza de que temos ao alcance da nosa man, facer historia. Imos liderar o Goberno do cambio porque somos unha forza humilde, pero digna; porque somos unha forza de fiar e os galegos saben que non lles imos a fallar, nin a Galicia nin á nosa xente", manifestou.
Por iso, instou a militantes e simpatizantes a "dalo todo" nesta recta final para "renovar o traballo, compromiso e entusiasmo" que levou ao BNG a alcanzar os 19 deputados nos pasados comicios autonómicos e liderar a oposición.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL