O vindeiro ano as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, cumprirán 20 anos, dúas décadas fomentando a relación entre o mundo profesional e o universitario. A celebración deste aniversario converterá a cidade de Vigo no epicentro da automatización, a robótica e a dixitalización industrial, xa que as JAI 2024 terán lugar na mesma semana de novembro na que cidade olívica vai acoller outras dúas citas de alto nivel no eido da automatización industrial: o 6º AER Summit, organizado por AER Automation (Asociación Española de Robótica y Automatización) e unha reunión técnica da sección española de ISA (International Society of Automation), que se celebrará no campus.
O anuncio oficial das datas das JAI 2024 tivo lugar onte xoves en Valencia, precisamente no marco do 5º AER Summit, onde o profesor da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo e impulsor das JAI, José Ignacio Armesto, avanzou que a 10º edición se celebrará entre o 4 e o 8 de novembro. Como explica o docente, os dous eventos do sector profesional que tamén se van celebrar esa mesma semana adoitan mobilizar arredor dun cento de directivos de empresas asociadas e multinacionais, polo que, sumando estas citas ás JAI, “a Universidade de Vigo e a cidade converteranse nun dos principais puntos de encontro do sector en España, un estupendo broche de ouro para celebrar o 20ª aniversario das JAI”. De feito, este era o reto que se marcara Armesto para esta edición das JAI, “fomentar a realización doutros eventos na mesma semana en Vigo e na súa Universidade para xerar sinerxías e potenciar a presenza de un cada vez maior número de profesionais e empresas asistentes”.
Con todo, e pesar de que falta aínda un ano para a celebración da próxima edición, a organización das JAI ten xa pechada a sesión plenaria, que será impartida polo cirurxián Diego González Rivas, especializado no tratamento do cancro de pulmón, entre outras patoloxías, en hospitais de máis de 100 países. Nas JAI explicará en que consiste a súa “revolucionaria técnica Uniportal, que permite operar dentro da cavidade torácica a través dunha pequena incisión usando cirurxía toracóscopica ou cirurxía robótica”. Na actualidade, o doutor González Rivas está inmerso nun novo proxecto en Shanghai co robot Shurui, o máis avanzado do mundo.
As JAI naceron en 2004, cunha periodicidade bienal, como un foro de reunión de empresas do sector co alumnado e co profesorado para dar a coñecer as últimas tendencias e novidades nos ámbitos da automatización, dixitalización e robotización industrial. Tras 20 anos e dez edicións, as JAI son, sen dúbida, unha proposta máis que consolidada. O feito de ter perdurado e medrado ao longo de todo este tempo é, para José Ignacio Armesto, “un síntoma de que os obxectivos cos que partiu este evento, que pivotan sobre fomentar a relación entre o mundo profesional e universitario, foron moi ben acollidos tanto polas empresas do sector como polo alumnado universitario e de formación profesional”.
A evolución foi evidente: na primeira edición participaron cinco multinacionais, na última foron 35. “Se contabilizamos o total de firmas que impartiron conferencias nalgunha edición do evento ao longo destes 20 anos, supérase a centena, o que para un evento de carácter universitario non deixa de ser, na miña opinión, sorprendente”, destaca Armesto. Ademais, as JAI contan tamén cunha zona expositiva, con demostradores dalgunhas das tecnoloxías presentadas no evento, unha parte do evento na que en 2022 se deron cita 40 firmas do sector. “Mirando a evolución do evento con perspectiva, creo que podemos afirmar que serve como modelo, como caso de éxito, para plantexar outras iniciativas similares no ámbito universitario. Sen dúbida, un factor clave está relacionado cun dos meus lemas favoritos: "a unión fai a forza".
Ao longo dos 20 anos que pasaron dende a primeira edición das JAI, a contorna tecnolóxica industrial ten evolucionado moito. Aínda que as tecnoloxías de base son as mesmas e equipamentos como os autómatas programables, os sistemas de control distribuído ou os robots industriais seguen moi presentes nos escenarios industriais, “estes incorporan cada vez máis tecnoloxías de vangarda como a intelixencia artificial, a aprendizaxe profunda, o internet das cousas, a realidade virtual ou aumentada, etc”. Como recalca o docente da UVigo, “estamos inmersos na era da dixitalización e a industria non podía permanecer allea a esta revolución”. Isto propiciou que avances frecuentes, por exemplo, no mundo das tecnoloxías de información (IT) desen o salto ao mundo das tecnoloxías de operación (OT), como foi o caso da ciberseguridade, “que adquire na súa versión industrial unha importancia cada vez máis relevante”.
Neste sentido, para o profesor Armesto, os retos da automatización a curto e medio prazo pasan, precisamente, pola xestión e adaptación á contorna industrial de tecnoloxías como o xemelgo dixital, a inspección aumentada, a monitorización de máquinas, a converxencia en redes industriais, a trazabilidade intelixente, a visión 3D ou a intraloxística automatizada, temas todos eles abordados na edición 2022 das JAI. De feito, para o organizador das xornadas, o principal problema ao que se enfrontan as empresas hoxe en día, no contexto da dixitalización industrial, “é a gran variedade de ferramentas das que se dispón”. Para elixir por cales decantarse, engade Armesto, “é necesario coñecer, con maior ou menor detalle, as posibilidades que ofrece cada tecnoloxía, os seus custes e casos de éxito. Só deste modo se poderá priorizar e seleccionar aquelas que poida achegar maior valor engadido e retorno de inversión en cada caso”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL