Con preto de 50 alumnos e alumnas, chegados de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades autónomas, neste curso 2023/2024 botaba a andar o Grao en Deseño, unha titulación única no Sistema Universitario de Galicia (SUG), coa que arrancaba tamén a actividade da Facultade de Deseño. O reitor, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, visitaron este venres as instalacións desta facultade no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal, onde puxeron de relevo a importancia da nova titulación para o futuro do campus de Pontevedra e do seu proxecto de especialización. “Para nós é unha titulación importantísima para o desenvolvemento dun campus moi relacionado coa creatividade”, lembrou Reigosa aos alumnos e alumnas da facultade, á vez que subliñou que estas instalacións son unha sede provisional, xa que o obxectivo é que a facultade conte cun "centro propio".
“A Universidade está medrando en Pontevedra, tanto en equipamentos e infraestruturas como en oferta académica”, salientou o conselleiro, que lembrou que Deseño é un grao único no SUG, “unha titulación moi especializada e moi vencellada cos obxectivos e finalidades do Campus Crea”. Reigosa e Rodríguez destacaron tamén a elevada demanda que obtivo o novo grao, así como o papel das e dos profesionais que se forman no centro á hora de “apoiar a competividade das empresas”, xa que “o deseño é un elemento básico para que un produto ou recurso teña maior éxito”, como sinalou Rodríguez. Fixérono tras coñecer as instalacións do centro da man do decano comisario, Marcos Dopico, e a vicedecana Cristina Varela, nunha visita na que participaron tamén os vicerreitores de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez; e de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.
Previamente, os representantes de Xunta e Universidade visitaron a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, co obxectivo de coñecer as obras de ampliación realizadas para dotar ao centro dunha sala de neuromusculación, destinada tanto a usos docentes como de investigación.
Tras unhas obras de acondicionamento que contaron cun investimento de preto de 190.000 euros por parte da Xunta, a UVigo conta con tres plantas no edificio de Benito Corbal, para as que a “aposta de futuro”, sinalou Reigosa, é destinalas á investigación e á sede do proxecto de especialización Campus Crea. No caso de Deseño, trátase dunhas “instalacións moi boas” como sede provisional, explicou, que permiten tanto impartir este ano o primeiro curso como reunir o vindeiro preto dun centenar de alumnos de alumnas. “Para o terceiro curso cando teríamos que buscar unha solución ponte ou unha solución definitiva, dependendo de como se desenvolvan as distintas oportunidades que hai enriba da mesa”, subliñou o reitor.
Non obstante, no referido á futura sede da facultade, Reigosa subliñou a importancia de definir unha “solución global” para o futuro do campus, tendo en conta tanto esta nova titulación como a posible incorporación dun novo grao como resultado das negociacións do novo mapa de titulacións do SUG. Trátase, subliñou, de “planificar o futuro do campus para os próximos 20 anos”. Neste punto, recoñeceu que a construción dun edificio modular para Deseño e Dirección e Xestión Pública nos terreos da antiga Tafisa “é unha das posibilidades que están abertas”. Así mesmo, no referido tamén á ampliación do campus, referiuse á proposta de destinar a usos universitarios o actual Hospital Provincial como “unha solución de futuro”. Incialmente, esta pasaría porque fose sede da nova Facultade de Enfermaría, xa que acolle actualmente ao centro adscrito que se inseriría nesta. Ao mesmo tempo abriría á posiblidade de “reorganizar mellor a Facultade de Fisioteraria”, á vez que existen “outras cuestións enriba da mesa”, como a posibilidade de construír unha residencia universitaria. De aí que, o reitor reiterase a importancia de planificar “o futuro do campus” dun xeito global, para que este siga sendo “moi atractivo, como xa o é” e permita “atraer talento doutras partes do mundo”.
Por outra banda, no referido á creación da Facultade de Enfermaría, na que se integrarían as escolas adscritas de Pontevedra, Vigo e Ourense, Reigosa afirmou que “non vai haber prioridade para ningún campus” e que se manterá a docencia nas tres sedes, aínda que en determinados momentos poida “haber algunha docencia partillada a través de Campus Remoto”.
A visita a Deseño viuse precedida por outra á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde, da man dos vicedecanos Ezequiel Rey e Uxío Pérez, puideron coñecer as obras realizadas para dotar este centro unha nova sala de neuromusculación. Neste espazo, de preto de 200 metros cadrados e cuxa construción contou cun investimento de 331.000 euros por parte do Goberno galego, poden atoparse un conxunto de máquinas para o adestramento tanto de forza como de resistencia. Xunto a outra serie de dispositivos, estes equipamentos serán empregados para investigacións relacionadas tanto co rendemento deportivo como para a abordaxe de diferentes tipos de patoloxías desde o ámbito das ciencias do deporte, á vez que terán tamén un uso docente.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL