A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolle este luns e martes a cuarta edición do Congreso Internacional Carlos Fernández-Nóvoa, organizado en memoria do mestre fundador da Escola de Dereito Industrial de Galicia, e que nestas catro edicións se ten convertido en foro de referencia nacional das académicas e académicos que se dedican en España á propiedade industrial e da competencia. Nesta ocasión, desenvólvese baixo o lema ‘novas tendencias’, novidades que veñen da man da nova economía e da Intelixencia Artificial con todos os retos que isto trae consigo no que se refire aos dereitos de autor, competencia desleal, propiedade intelectual…
A apertura do encontro contou coa participación do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni, quen remarcou a idea de que este evento se esta a consolidar como principal encontro nacional dedicado ao Dereito da competencia, “un tema non menor se temos en conta todas as novidades que traen consigo as novas tecnoloxías”. Xunto a el, participaron na inauguración, o decano da facultade, Francisco Torres, e, en nome da familia do homenaxeado, o seu sobriño Luis Fernández-Nóvoa, socio director da oficina de Hoying Rokh Monegier en Madrid, un dos despachos de avogados que patrocinan este evento; e os catedráticos Anxo Tato e Julio Costas, directores do congreso. “Estamos nun evento de primeiro nivel no ámbito da propiedade industrial”, explicou o decano, Francisco Torres, docente da Área de Dereito Mercantil, organizadora da xuntanza. Pola súa banda, as primeiras palabras de Anxo Tato foron en memoria de Carlos Fernández-Nóvoa, “por todo o que nos deu e pola súa enorme xenerosidade no seu maxisterio”, e na mesma liña se pronunciou o representante da familia, quen agradeceu a organización dun evento “que honra a memoria do meu tío”.
A través de diferentes paneis, relatorios e mesas redondas, o congreso ofrece un foro de discusión sobre múltiples temas de propiedade industrial e competencia, sobre todo, enfocados a como afectan as novas tecnoloxías ao mercado. Entre outras cuestións, ao longo destes dous días falarase, por exemplo, sobre si a Intelixencia Artificial pode considerarse autora ou sobre si a relación coas boas prácticas da ecoloxía lles está servindo a algunhas empresas para branquear a súa imaxe.
Organizado tamén desde a Área de Dereito Mercantil, en colaboración coa de Dereito Internacional Privado, o mércores arrancará en Vigo unha nova cita internacional, neste caso falamos do II Congreso internacional de innovación docente A ensinanza do dereito a debate. Será no edificio de sesións da Autoridade Portuaria -Peirao de Trasatlánticos- e nesta ocasión o eixe do debate serán os retos que se atopan os docentes á hora de ensinar Dereito, especialmente tendo en conta que o uso das tecnoloxías é un arma de dobre fío, que as materias -desde o Plan Boloña- son unicamente cuadrimestrais, etc. “A primeira edición funcionou moi ben porque se presentaron ferramentas como os podcast, probas similares a concursos, xogos de rol co alumnado...”, explican desde a organización. Falarase da ensinanza do Dereito en Europa, nos Estados Unidos e en Hispanoamérica, do emprego de xuízos simulados como ferramenta innovadora, da integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no ensino do Dereito do Traballo ou, da obrigada adaptación das materias universitarias á dixitalización.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL