Vigo será a sede en 2024 do principal cumio mundial de criptografía cuántica ao ser elixida sede da 14th International Conference on Quantum Cryptography, QCrypt, un evento que tras pasar por cidades como Zurich, Cambridge, Shanghai, Amsterdam ou Washington -en 2023- chegará por primeira vez a España. Será do 2 ao 6 de setembro na sede Afundación, organizado pola UVigo e o Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, e traerá á cidade olívica a entre 300 e 400 investigadores que traballan nas múltiples vertentes que inclúe o desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías que velan, sobre todo, polo incremento constante da seguridade e confidencialidade das nosas comunicacións.
“É unha oportunidade única para visibilizar aínda máis as importantes actividades de investigación que se realizan na nosa Universidade, en Galicia, e España nestas tecnoloxías, e para converter a Vigo na capital das comunicacións cuánticas durante a semana do evento”, explica o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Marcos Curty, director científico do Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación AtlantTic, pendente de presentación pública, no que colaboran empresas e universidades dunha ducia de países e co que se contribuíu de xeito definitivo a situar a Galicia no mapa mundial das comunicación cuánticas.
“Varios dos investigadores cos que contamos actualmente na Universidade nestas tecnoloxías somos pioneiros neste campo, temos gran visibilidade internacional e colaboramos cos principais grupos internacionais nesta área”, subliña Curty, quen aclara que dous deles -el mesmo e Hugo Zbinden- teñen sido membros do comité directivo deste congreso varios anos. “Esta bagaxe e a investigación de excelencia que realizamos na nosa Universidade en comunicación cuántica foron fundamentais para que se elixise Vigo”, recalca o investigador.
A conferencia anual sobre criptografía cuántica, QCrypt, é un encontro internacional aberto ao estudantado e á comunidade investigadora que traballa en todos os aspectos da criptografía cuántica, o que inclúe investigacións teóricas e experimentais sobre as posibilidades e limitacións da comunicación e a computación seguras con dispositivos que explotan os efectos da mecánica cuántica, ou na presenza de dispositivos que empregan estas tecnoloxías.
“O obxectivo da conferencia é presentar os mellores resultados do ano anterior en criptografía cuántica e apoiar a construción dunha comunidade de investigación neste eido”, salienta o docente vigués, quen tamén fai referencia a que o programa incluirá, entre outras cuestións, investigacións sobre a distribución cuántica de claves criptográficas plenamente seguras.
A maioría das e dos asistentes a estas xuntanzas acostuman proceder de universidades, centros de investigación e departamentos de I+D+i de empresas de Estados Unidos, Europa e Asia, principalmente.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL