Os catedráticos da Universidade de Vigo David Posada e Fernando Obelleiro recibiron este mércores en Santiago de Compostela as Medallas de Investigación 2023 outorgadas pola Real Academia Galega de Ciencias, RAGC. Foi nun acto celebrado no salón nobre do Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela, coincidindo coa celebración do Día da Ciencia en Galicia, unha efeméride coa que este ano se quixo tamén render homenaxe á figura de Manuel Colmeiro y Penido, un dos máis destacados expertos españois do século XIX nos campos da Economía, o Dereito e a Historia, nomeado Científico Galego do Ano. Xunto a Posada e Obelleiro, a relación de persoas galardoadas coas Medallas de Investigación que concede a RAGC complétase cos docentes Aurora Grandal e Ricardo Cao, da Universidade da Coruña, e Jesús Salgado, da Universidade de Santiago de Compostela.
O acto contou coas intervencións do presidente da RAGC, Juan Lema, e do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Ademais, asistiron tamén o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez; así como outras académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.
Catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, David Posada recibiu a medalla Ángeles Alvariño González no eido da Bioloxía e as Ciencias da Saúde, unha distinción coa que a RAGC recoñece o labor dun científico cunha longa traxectoria profesional no campo da evolución molecular e a bioloxía computacional. Destacan os seus achados para a reconstrución de árbores filoxenéticas a través de ferramentas bioinformáticas; así como os seus estudos sobre a orixe e evolución do VIH, virus causante da SIDA. Actualmente lidera o grupo de Filoxenómica no seo do Centro de Investigacións en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo, que se centra na evolución molecular de xenomas, células, poboacións e especies.
Catedrático de Teoría do sinal e comunicación, Fernando Obelleiro recibiu a medalla Isidro Parga Pondal na sección de Ciencias Técnicas por ter desenvolvido, xunto co seu equipo, un método no campo do electromagnetismo computacional que supuxo un cambio na dirección das investigacións neste eido. As súas contribucións científicas están a ter aplicación na industria, en particular nos sectores de telecomunicacións, naval, aeroespacial e defensa. Mantén unha estreita colaboración con Navantia e a Armada Española, introducindo importantes melloras nos buques militares desde o punto de vista do electromagnetismo computacional, axudando ademais a maximizar as probabilidades de supervivencia nos buques en escenarios hostís. Por exemplo, o seu grupo, Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, está a traballar en colaboración con Navantia e a Armada no desenvolvemento do SSI, Sistema de Servizos Integrados, que permitirá converter os barcos en auténticas plataformas intelixentes.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL