A G-Night volverá encher de ciencia as rúas, museos e bares galegos o vindeiro 29 de setembro. A terceira edición da Noite Galega das Persoas investigadoras contará con preto de 50 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico baixo o lema ‘Conciencias Creativas’. Os obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos gratuítos terán lugar nunha vintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.
A coordinación desta iniciativa en Galicia correspóndelle á Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado por unha ducia de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos. O evento desenvólvese simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, que se suman a esta iniciativa da UE, financiada por Marie Sklodowska Curie Actions. No caso de Galicia, a G-Night desenvólvese cos recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.
O edificio Redeiras será o epicentro das actividades da G-Night en Vigo, que xunto cos soportais da praza Ribeira do Berbés, o café Vitruvia e o Porto, completan as localizacións das actividades da Noite galega das persoas investigadoras organizadas pola Universidade de Vigo.
Entre as 17:00 e as 21:00 horas, a sede institucional da UVigo acollerá a expo-feira, que contará con 19 postos científicos nos que integrantes de grupos da investigación da institución achegarán os seus coñecementos ao público asistente. Así, as actividades que se desenvolverán na feira, na que tamén participará o alumnado da UVigo responsable dos proxectos UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport, serán Mergulla no solo, Termografía infravermella, Química Verde na industria téxtil: reciclaxe dos seus residuos e descontaminación das augas, Sobrevive ao cambio climático, Nanopartículas plasmónicas: un arco da vella metálico, Prende a chispa das túas neuronas, Unha viaxe polo nanomundo, Utilizamos residuos para limpar a nosa auga, Nós facemos robots, Velaquí a nosa pegada, Achégate ás telecomunicacións, Comprendendo as mentes materiais: modifica o mundo construído o cerebro?, A febre dos materiais e As Matildas da Ciencia.
Ademais, haberá un espectáculo de danza titulado Medo azul: cambio climático e incerteza na xente do mar, do grupo Future Oceans Lab (CIM). Tamén terán lugar, no primeiro andar do edificio, dous obradoiros: Extractos de algas e cosmética (do grupo Biodesost, do CINBIO) e Os textos antigos tamén falan sobre a vulnerabilidade (do grupo GEAAT). No primeiro presentaranse cremas cosméticas ás que se incorporaron extractos de algas pardas e vermellas obtidos nos laboratorios da universidade; e no segundo, ao que cómpre inscribirse previamente, practicaranse tres escrituras da antigüidade: xeroglífica, micénica e latina.
Paralelamente, a aula 1 do edificio Redeiras tamén acollerá, desde as 18:15 horas, tres conferencias sobre a desigual distribución de custos do cambio climático, a intelixencia artificial e os fenómenos climáticos extremos. Ademais, entre as 20:00 e as 20:45 horas o público poderá asistir a unha charla do CITMaga, na que o investigador Carlos Meniño Cotón ofrecerá un relatorio titulado Matemáticas para a ciencia e a vida: topoloxía, datos e os segredos de Pompeia.
Mentres, a aula 2 de Redeiras converterase nunha sala de proxeccións na que o público asistente poderá visualizar algúns capítulos da miniserie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando, que forma parte dun proxecto do Campus do Mar liderado pola UVigo. Tamén se proxectará o documental Xakexi Xjuani: La memoria de una lengua, de Mauricio Sereno, así como varios episodios de La Universidad responde, unha serie de pílulas audiovisuais nas que persoal investigador da UVigo ofrece solucións a preguntas frecuentes desde unha perspectiva científica.
As actividades da G-Night en Vigo complétanse cos tres paseos científicos a bordo da embarcación Inndaga do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, nos que unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño que emprega o persoal investigador do CIM. Os paseos dunha hora de duración, comezarán ás 15:00 horas, con saída desde o porto de Vigo, e será preciso rexistrarse para participar.
Outra das actividades que se repite nesta edición é a Ciencia no Bar, tras a súa boa acollida en anos anteriores. En Vigo o lugar escollido é café Vitruvia. Entre as 21:00 e as 22:00 horas do día 29 desenvolveranse dúas charlas, dirixidas especialmente a público adulto. Na primeira delas, Diana Valverde (CINBIO) e Paloma Morán (CIM), abordarán o impacto do sexo e o xénero sobre as enfermidades. Na segunda, Ana Larrañaga (Cintecx) falará sobre a ciencia de datos e o seu verdadeiro propósito.
En Ourense o escenario será o Café & Pop Torgal, que o venres 29 de setembro acollerá, a partir das 18:00 horas, dúas charlas científicas que impartirán a investigadora María José Vázquez, quen ofrecerá un relatorio titulado A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero, sobre a influencia da pornografía nas redes sobre as relacións e interacción sexuais; e o investigador José Manuel Galiña, quen ofrecerá unha charla baixo o nome Barferencias: Historia, Arte e Xerografía. Tanto no caso de Ourense coma no de Vigo, a entrada e libre ata completar a capacidade da sala.
En Pontevedra, a sesión de Ciencia no bar complétase cun paseo pola cidade. Baixo título Repensar a economía: desaprender para transformar, a cita será ás 19:00 horas na cervexería Nasa da man de Ecobas e o PostGrowth Innovation Lab. A idea é realizar obradoiros participativos que sinalen os límites e as oportunidades da economía nun mundo en crise para, a continuación, ás 20:30 horas, realizar un paseo investigador onde se empregará a cartografía participativa para identificar sementes doutro tipo de economía e de ciencia económica. Para esta actividade é preciso reservar praza.
Ademais, continuando con Pontevedra, o Programa Universitario de Maiores ofrecerá un paseo científico polo río Gafos en horario de mañá, no que as persoas participantes terán a oportunidade de observar e diferenciar os diferentes liques que medran nas árbores e aprender sobre a súa importancia como bioindicadores. Esta saída terá unha duración de dúas horas cun límite de 20 prazas e é preciso rexistrarse para participar.
Durante estes días previos á celebración da G-Night estanse desenvolvendo visitas de científicos e científicas da Universidade de Vigo a centros escolares e institutos de Vigo, Pontevedra e Ourense no marco da iniciativa Researchers at schools. O obxectivo é achegar o traballo do persoal investigador da Universidade de Vigo ás escolas e institutos e dar a coñecer, ademais, as actividades da G-Night.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL