Endless Sea, do director estadounidense Sam Shainberg, é a curtametraxe gañadora da «Sección Oficial» da 16ª edición do FICBUEU. Anunciouno onte a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, nun acto celebrado no Centro Social do Mar de Bueu. De entre as 28 curtas a concurso, o xurado concedeulle a esta cinta o Primeiro Premio FICBUEU, dotado con 2.000 euros, «pola súa crúa enerxía, a súa desafiante produción, a súa magnética interpretación principal e un benvido toque de humor negro». Así se referiron os seus membros –os produtores de cinema Silvia Lobo e Manuel Monzón xunto a Mihai Chirilov, director artístico, crítico e membro da Academia de Cinema Europeo– a esta película que conta a «apaixoante historia de supervivencia» de Carol, unha muller de 70 anos «que loita contra o sistema» cando non pode mercar a súa medicación para o corazón.
A película Ma mére et moi, da realizadora holandesa Emma Branderhorst, mereceu o Segundo Premio FICBUEU por «captar de forma sutil e delicada ese momento decisivo co que todo o mundo se identifica, cando un fillo ten que crecer e unha nai ten que deixalo ir». Esa é a historia, a da moza Kees e a súa nai Lois, que reflicte esta curta. Emma Branderhorst, quen o ano pasado levou o Premio do Público con Spotless, filme no que visibiliza a pobreza menstrual, non puido recoller en persoa o galardón do Festival (dotado con 1.000 euros), pero si o fixo a guionista do filme, Nena van Driel. A encargada de entregarllo foi a vicealcaldesa de Bueu, Isabel Quintás. Van Driel falou ante o público do Festival para agradecer o premio ao xurado, que escolleu Ma mére et moi entre «tantos filmes inspiradores» e asegurou que «foi un honor que a nosa película se proxectara con todos eles». «É moi emocionante ver canta xente da zona se interesa polas curtas neste festival. É algo verdadeiramente especial», engadiu.
O xurado tamén realizou unha mención especial á cinta Will my parents come to see me, do realizador somalí Mo Harawe, «unha curtametraxe de gran forza sobre aferrarse á vida cando un se enfronta á pena de morte».
O palmarés oficial do FICBUEU 2023 complétase con dous filmes máis. Un é Ulises, obra de Félix Brixel, realizador de Rianxo, que acada o premio á mellor curtametraxe galega pola súa «historia enigmática e intrigante sobre o amor fraternal» e polos «impactantes efectos visuais» que a complementan. Brixel recibiu o galardón de mans de Fon Cortizo, da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). A outra película distinguida é Arquitectura emocional 1959, do director cántabro León Siminiani, que leva o premio á mellor curta española. O xurado destaca dela «a súa orixinalidade lúdica, que mestura pasado e presente, amor e política, a través do cinema e a arquitectura».
O Premio do Público, outorgado co seu voto polas espectadoras e os espectadores do FICBUEU, recae nesta edición na película canadense Invincible, de Vincent René-Lortie, inspirada nunha historia real. Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), encargouse de anunciar a curta elixida polo público asistente ás proxeccións durante toda esta semana como a mellor entre as exhibidas na «Sección Oficial» do Festival. A historia das últimas 48 horas de vida dun mozo de 14 anos recluido nun centro de menores e cunha urxente necesidade de liberdade foi a que máis impactou no público.
O galardón honorífico do certame, o Premio Cinema Galego FICBUEU, foi este ano para a actriz coruñesa Luísa Merelas, que estivo no acto celebrado en Bueu. A intérprete de series tan coñecidas como Pratos Combinados e Fariña ou películas como Los lunes al sol ou, máis recentemente, As bestas, foi homenaxeada no Festival pola súa longa traxectoria profesional e a súa contribución ao sector do audiovisual galego.
A directora Anxos Fazáns, en nome do xurado Descubertas, foi a responsable de anunciar os premios elixidos nas categorías «GZ_00», «Descubertas» e «Escolas Internacionais». A curta 30’ 70 60’ 120, da directora viguesa Marta Valverde, fíxose co galardón na primeira das tres seccións, creada para amosar o traballo que está a facer a nova xeración de cineastas en Galicia. De feito, Valverde resultou gañadora cunha «peza arriscada que mestura xéneros e estilos saíndo estupendamente ben parada».
No apartado «Descubertas» a curta vencedora nesta edición é Buurman Abdi, do holandés Douwe Dijkstra. O xurado valorou a súa orixinalidade e capacidade de transgresión, «chea de emoción e humor». En «Escolas Internacionais», espazo que amosa os traballos máis destacados que se fan en centros de cinema de todo o mundo, o premio foi para a película italiana Raíces, do Centro Sperimentale di Cinematografia. Sara Moschini, unha das realizadoras do filme xunto a Maddalena Brozzi e Laura Cagnoni, recolleu o premio a unha película que aborda con beleza formal e sinxeleza narrativa o universo en torno á perda dun ser querido.
Todas as curtametraxes do palmarés do FICBUEU 2023 poderán verse xuntas este domingo nun pase especial que terá lugar, a partir das 20:30 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu.
Reivindican a "excelsa calidade" da obra de Ledicia Costas, "unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego
Josefa, que actuó con artistas como Manu Chao, Cristina Pato o Susana Seivane, fue una de las líderes del movimiento musical y cultural 'Bravú
Concibió a su hija como un proyecto para crear a la mujer del futuro, Hildegart, quien fue niña prodigio de la República
La cita busca consagrase como el mayor festival de cine de Vigo y uno de los pocos eventos dedicados al séptimo arte que existen en la ciudad
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL