O vindeiro luns 11 comezarán as clases nas diferentes facultades e escolas da Universidade de Vigo, pondo inicio ao curso 2023/2024, que esta semana se ve precedido polas xornadas de benvida dirixidas a achegar ao alumnado de novo ingreso información e asesoramento sobre os diferentes servizos que a institución académica pon a súa disposición. A primeira delas tivo lugar este martes no campus de Pontevedra, que estrea este curso a titulación de Deseño, o único novo grao que se incorpora á oferta do Sistema Universitario de Galicia. Mais de 500 estudantes achegáronse ata a Escola de Enxeñaría Forestal para participar nunha xornada dirixida a que o alumnado de novo ingreso poida, “nun mesmo espazo, coñecer todas as instalacións, servizos, unidades e áreas da Universidade”, como sinalou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.
Nese senso, a vicerreitora lembra que as diferentes facultades e escolas promoven nestes días diferentes actos de benvida, nos que se lles dá información “sobre horarios, planes de estudos ou organización docente”, mentres que estas xornadas permítenlles asesorarse sobre cuestións como bolsas, mobilidade, deportes, asociacionismo, igualdade, biblioteca ou a tarxeta universitaria.
Con 3.839 prazas de novo ingreso para o alumnado de grao, a UVigo inicia o curso 2023/2024 coa novidade da posta en marcha do Grao en Deseño, que terá como sede o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal. Trátase, como lembra o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, dun grao que “espertou moito interese”, como amosa o feito de que, explica, “na preinscrición había 61 solicitudes de primeira opción para as 45 prazas, cunha lista de espera de 91 persoas”.
No referido aos mestrados, a UVigo estrea no presente curso catro novas titulacións, ofertando nos tres campus un total de 1.704 prazas de máster de novo ingreso. Entre as novidades figura a posta en marcha do máster en Aeronáutica, na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Tamén comezarán a impartirse tres mestrados de carácter interuniversitario, dous deles pertencentes ao catálogo Galicia 2030, os mestrados de Xestión Sostible da Auga e Fabricación Aditiva; aos que se suma o Mestrado Universitario en Ciencia e Tecnoloxía de Información Cuántica, compartido polas tres universidades galegas.
Así mesmo, neste curso 2023/2024 tamén se pon en marcha no novo doutoramento en Nanciociencia e Biomedicina, vinculado ao CINBIO. En total, a UVigo oferta 535 prazas de novo ingreso para alumnado de doutoramento.
A Escola de Enxeñaría Forestal acolleu este martes a primeira destas xornadas de benvida, onde o alumnado de novo ingreso puido coñecer as actividades e servizos da Área de Benestar, Saúde e Deporte, a Unidade de Igualdade, a Área de Normalización Linguistica, a Área de Emprego ou Emprendemento ou o Centro de Linguas, entre outros. Como novidade, explicou Caparrini, a actividade contou neste curso coa participación do Servizo de Posgrao, así como da Escola Aberta de Formación Permanente, co obxectivo de abrirse non só ao novo estudantado de grao, senón tamén de mestrado ou doutoramento.
Xunto a Caparrini, á xornada asistiron tamén as vicerreitoras do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; e de Internacionalización, Maribel del Pozo. Ademais dos postos das diferentes áreas e servizos, tamén participaron nesta actividade asociacións como UVigo SpaceLab, Asaexs ou ESN. Ademais de información o alumnado foi tamén recibido con agasallos, flocos de millo e música. A xornada contou así mesmo coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do Campus, que nestes días mantén aberta a inscrición para o presente curso, nesta semana para as e os integrantes da comunidade universitaria e as persoas que xa tomaron parte na actividade o pasado curso, para abrirse xa a vindeira, de quedar vacantes, ao conxunto da cidadanía.
Entre os centos de estudantes que visitaron a EE Forestal e que a vindeira semana comezarán a súa etapa formativa na UVigo atopábanse María López, Laura Prado e Carla Gándara, procedentes do IES As Lagoas de Ourense e novas alumnas do Grao en Comunicación Audiovisual. “En Pontevedra, a carreira está máis dirixida ao cine e iso era algo que buscabamos as tres”, sinala López, que recoñece os nervios que implican estes primeiros días na universidade. Mais ao mesmo tempo, como engade Gándara, tamén recoñecen ter gañas “de comezar as clases e ver como e a experiencia", á vez que valoran o positivo destas xornadas “para informarnos un pouco máis dos servizos da Universidade”.
Mañá mércores, estas xornadas de benvida desenvolveranse no pavillón de deportes do campus de Ourense entre as 10:00 e as 14:00 horas e, nese mesmo horario, celebraranse o xoves no pavillón do campus de Vigo. Así mesmo, a Universidade acollerá este venres, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o acto solemne de apertura do curso académico nas universidades galegas.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL