A UVigo estrea este curso un programa de doutoramento específico en Nanociencia e Biomedicina, vinculado ao seu centro de investigación CINBIO. É a gran novidade dunha oferta de títulos de doutoramento que alcanza xa a cifra de 41 programas, o que suma máis de medio milleiro de prazas de novo ingreso: 355 no campus de Vigo, 103 no de Ourense e 77 en Pontevedra. As persoas interesadas en consultar a oferta total de títulos teñen toda a información dispoñible no apartado da web Acceso doutoramento, así como todos os detalles sobre os trámites de preinscrición -ata este venres día 8- e de matrícula -do 1 ao 7 de outubro-.
Os 41 programas de doutoramento están agrupados en diversos ámbitos de coñecemento: Ciencias, Ciencias da saúde, Arte e Humanidades, Enxeñaría e Arquitectura, e Xurídico Social e neles participan os campus de especialización Campus Auga, o Campus de excelencia internacional Do Mar e o Campus CREA. “Desde a creación no 2013 da Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo, EIDO, destacou por ofrecer un modelo de formación flexible, interdisciplinar e de calidade, orientada a potenciar as liñas de investigación de maior interese e proxección da Universidade”, explica o director do centro, Antonio Collazo, quen fai fincapé en que desde a escola se incentiva tanto a internacionalización do seu alumnado como a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial, potenciando a colaboración con empresas e centros de innovación e tecnoloxía. “A investigación que desenvolven os nosos estudiantes gaña sentido cando se comparte, cando se achega a ciencia á sociedade”, recalca o docente.
Con máis de 1.500 estudantes matriculados no curso 2022/2023, a matrícula de primeiro ano fora nesa ocasión de 358 estudantes, amosando unha evolución moi positiva respecto ao ano anterior, no que se matricularan 322 novos estudantes e a expectativa é que estas cifras sigan mellorando, xa que “ao longos destes anos a escola foise consolidando como referente nacional e internacional, proporcionando unha formación investigadora de excelencia, unha verdadeira fábrica de talento”.
Coordinado polo investigador do CINBIO Juan Pablo Hervés Beloso, o novo Programa de Doutoramento en Nanociencia e Biomedicina oferta neste primeiro curso un total de 12 prazas coas que as persoas aspirantes poderán optar a liñas de investigación como as terapias avanzadas; sistemas e sensores para a monitorización en medioambiente e saúde; os nanomateriais funcionais; a prevención de enfermidades, dispositivos e biomarcadores para a detección temprana; alimentación, nutrición e seguridade alimentaria; ou estratexias de sostenibilidade.
Este novo programa nace co obxectivo principal de dotar ao alumnado das ferramentas e metodoloxías xerais necesarias para desenvolver os seus traballos de investigación, buscando a integración de dúas áreas de traballo inicialmente dispares, como son os Nanomateriais e a Biomedicina; ademais de presentar unha visión multidisciplinar e colaborativa entre diferentes liñas e áreas de investigación. “A ciencia dos nanomateriais formou parte tradicionalmente da química e da física pero, grazas principalmente ás súas diversas aplicacións, actualmente ten un importante peso no ámbito da biomedicina”, subliña o coordinador deste novo doutoramento, quen engade que “este é precisamente un dos puntos fortes deste programa do que forman parte a maioría dos grupos de investigación do CINBIO”.
Ademais do propio CINBIO, tamén participan neste novo programa de doutoramento outros centros de investigación como o Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Portugal ou o Centro de investigación cooperativa en Biomateriales (CIC biomaGUNE) de San Sebastián, algo que permitirá ao estudantado ter maiores posibilidades para a realización de estancias noutros centros de investigación, tanto nacionais como internacionais.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL