O Festival de Cans chega á súa fin e faino por todo o alto, coa entrega dos premios desta edición pero tamén co audiovisual, a música e os encontros máis interesantes. Ás 23h00 desvelarase no Torreiro cales son as obras que acadan un lugar no palmarés de entre as diferentes seccións que o público terá oportunidade de ver nos baixos e jalpóns ao longo do día: Ficción, Animación e Non ficción (FuraCans). Ademais do filme gañador en cada unha destas categorías, premiaranse as mellores interpretacións masculina e feminina, a mellor realización, o mellor guion, a mellor banda sonora, o premio do público e o premio do xurado dos veciños. Estes galardóns uniranse ao que coñecimos onte: "Omertá", de Gero Costas para BALA, foi a peza premiada polo xurado de videoclips.
Ao remate da gala os míticos rockeiros madrileños Burning serán os encargados de poñer o broche de ouro ao Festival co seu repertorio cheo de clásicos, pechando un día que ten tamén como momentos moi esperados os Coloquios na Leira con Fernando Trueba (ás 12h00) e Gracia Querejeta (ás 17h00). Por primeiro ano esta sección está presente en Cans por partida dobre, dando ao público a oportunidade de escoitar as experiencias e opinións destas dúas grandes figuras do cine español. Ambos cineastas colocarán tamén a súa estrela no Torreiro ao remate dos seus coloquios.
Este equilibrio entre o cinema e a música mantense no resto do programa do día, especialmente nos dous eventos que a unen no Invernadoiro de Mucha do Peso. Kevin Weatherill, líder dos históricos Immaculate Fools, actuará alí despois de participar na presentación dun avance de Kevin vs. Ray, o documental sobre a súa vida que prepararan os galegos Eduardo Herrero e Manuel Lemos. Tamén terá lugar no Invernadoiro a proxección da primeira retrospectiva de videoclips de Rubén Domínguez, figura esencial do underground galego recente, que dará un concerto con Pantis, o seu proxecto de pop electrónico. O programa musical complétase co folk das Tanxugueiras, o rock and roll de Familia Caamagno, o soul de autor de Pardo ou a electrónica vocal de MounQup, ademais das actuacións da Banda de Música de Rubiós e a Charanga Nova Jomada, ou as Sesións Discochimpín para continuar a festa, a cargo dos DJs Rafa Morcego e Edu Romero. Sen esquecer o xa clásico roteiro musical CanSonoro que Xurxo Souto conducirá á mañá polos camiños da aldea, acompañado polos acordeonistas Acordecans.
Pola outra banda, na parte cinematográfica destaca a estrea, tamén no Invernadoiro, de Sevilla y Gomorra, a opera prima de Ángel Filgueira. Este cineasta redondelán presenta un filme de espírito xuvenil, resultado do intento de capturar a estrañeza da Sevilla que coñeceu como estudante de intercambio e as reflexións dos "filósofos borrachos" que alí atopou. Non será a única sesión de audiovisual fóra de concurso do sábado: ás 10h30 o Jalpón de Alicia acollerá Contra o lume, unha proxección de pezas audiovisuais realizadas arredor do desastre ambiental que supoñen os incendios e coa que se pretende provocar unha reflexión crítica permanente sobre o futuro do noso territorio. Tamén terá lugar no Jalpón de Alicia, ás 20h30, ExtraCans, a sesión de curtas internacionais con vínculos profesionais a Galicia, que achega a Cans curtas de cineastas de Brasil, Italia ou Líbano.
https://www.youtube.com/watch?v=oXgXwWD81Vg
Unha das apostas máis fortes do Festival de Cans para esta edición deuse na programación infantil, co MiniCans máis completo da súa historia. O entorno do Parque do Río conta con postos de comida e parque infantil para facilitar o desfrute continuo da rapazada, que poderá tamén participar en actividades do máis diverso, todas arredor do cinema. Haberá maxia co espectáculo O cinemagomago, onde o Mago Paco elabora os seus trucos partindo de secuencias de cine. Haberá música co tamén máxico theremin de Paulo Nimoy, que en Therefilme poñerá banda sonora en directo a diferentes imaxes para explicar a relación entre o sonoro e o visual. Tamén Unha vida de cine, un contacontos ilustrado sobre María Casares de Polo Correo do Vento. Durante toda a tarde, ademais, estará aparcada en Cans A Caixiña dos Mistos, unha caravana adaptada e pensada para ofrecer a nenos e nenas a súa primeira experiencia de cine, en paralelo a un obradoiro de curtametraxes impartido por Mr. Misto.
Completan o programa infantil de Cans dous dos grandes protagonistas do festival: Chelo Loureiro e Magín Blanco. Ás 20h30 poderemos ver no Cuberto de Antonio unha sesión de curtas producidas pola homenaxeada co Premio Pedigree nesta edición do Festival, que ten como parte fundamental do seu traballo obras para nenos e nenas celebradas pola súa calidade. É algo común ao traballo de Magín Blanco, que nos últimos quince anos foi centrando a súa carreira no público familiar. Ás 13h00 desfrutaremos dun concerto e unha retrospectiva de vídeos do autor de "Cans & Cadelas", a canción oficial desta edición do Festival, que sonará tamén por primeira vez en directo en Cans.
Una ruta nocturna por las calles del conjunto histórico de Tui llega con misterio, sorpresas y muchos sustos
Los vecinos de Vigo se han encontrado estos días con una propuesta de ocio que amenaza con brillar más que las luces. de Navidad ¡Es esta!
Una exposición de calacús, túnel del terror para todas las edades y música para celebrar un terrorífico Samaín en Porriño
Llega el tiempo de comer cocido y A Cañiza ya pone fecha para disfrutar de este plato típico de la gastronomía gallega en estos ocho locales
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL