Repensar, recuperar, reciclar e reempregar. Estas catro palabras dan título e, á súa vez, estruturan os contidos do primeiro dos cursos de verán que se pon en marcha en Pontevedra neste 2023. Inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus e dirixido polo profesor da Facultade de Belas Artes Marcos Covelo, este taller de 30 horas pon o foco na recuperación de procedementos téxtiles tradicionais baixo unha mirada contemporánea, co obxectivo de “repensar” a súa relación “coa práctica artística contemporánea”, como sinala o seu responsable. A partir de aí, o curso que se desenvolve ao longo destes mes de xuño na sede da Fundación RAC susténtase nunha “metodoloxía de traballo ligada á reciclaxe e procesamento” de materiais de refugallo, co fin de reempregalos na práctica artística.
“O curso nace un pouco da miña práctica artística. Nos últimos anos estou traballando sobre todo na influencia dos procedementos sostibles e no reemprego de materiais de refugallo”, explica Covelo, que articulou este "curso teórico-práctico de iniciación a estratexias creativas posibles", a partir desa experiencia propia, á que foron sumándose “liñas de traballo de xente coa que compartimos inquedanzas”.
Ese é o caso da egresada de Esdemga e alumna do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible Miriam Cartagena, que centra a súa investigación na busca de tintas naturais para o estampado serigráfico sobre tecidos e que é a responsable da presentar unha serie de procesos de traballo relacionados cos tecidos, a creación de fíos con materiais de refugallo ou o uso da "tufting gun", unha pistola que permite crear alfombras e tapices de xeito manual.
O curso conta tamén coa participación da artista e docente da Facultade de Belas Artes Elena Fernández Prada, que afonda nos procedementos de traballo empregados na súa produción artística máis recente, que “está moi relacionada co tema do bordado manual”, de tal xeito que permitiu afondar en como “trasladar esa idea da artesanía a un imaxinario contemporáneo relacionado directamente coa arte”, salienta Covelo.
Finalmente, na actividade participa tamén a xestora cultural e comisaria Carlota Rosón, que forma parte do padroado da Fundación RAC, escollida como sede deste curso “porque dentro da súa colección teñen obras de moitos artistas que reempregan materiais de refugallo para levar a cabo as súas obras”. Da súa man, o curso opode tamén reflexionar sobre o papel da sostibilidade na creación contemporánea a través da presentación dunha serie de obras relacionados coa temática ou técnica tratada nas diferentes sesións.
Coas súas 20 prazas cubertas, na súa maioría por alumnado e egresados da Facultade de Belas Artes, “aínda que tamén hai algunha persoa relacionada co deseño gráfico”, o curso "Repensar, recuperar, reciclar e reempregar. Deriva do pensamento contemporáneo" formúlase como “un laboratorio” no que o alumnado pode “experimentar con diferentes procesos”, que logo pode combinar ou non na creación dunha obra. Deste xeito, explica Covelo, nas súas diferentes sesións vanse abordando unha serie de procedementos, como a transformación de tecidos a partir de procesos de tinguido natural con materiais non contaminantes. Esta permite á súa vez achegarse a outros procesos, como a creación de fíos, tanto a partir destes tecidos como de bolsas e botellas de plástico.
"A idea é xerar unha materia prima, a partir de materiais de refugallo ou de excedentes, para logo ver como podemos utilizar esa materia nun procedemento técnico, como por exemplo nun tapiz”, sinala o director do curso. Ese é o caso do traballo co bordado, a superposición de tecidos a través do "patchwork" ou a aplicación dos fíos xerados coa "tufting gun", ao que se suma tamén a súa posible combinación con outra serie de materiais e estruturas.
De feito, outro dos contidos a abordar é a creación de papel maché ou de masa de sal, dúas técnicas que permiten xerar, con procedementos sostibles, unhas masas coas que traballar na creación de volumes, complementada coa xeración de estruturas sobre os que aplicar estas masas, dando como resultado pezas tridimensionais.
Tras este primeiro curso de verán, que se pechará o 1 de xullo cunha sesión aberta na que poderán contemplarse os resultados do traballo desenvolvido polo alumnado, a programación de extensión universitaria do campus continuará no mes de setembro. Entre os días 25 e 29 deste mes está prevista a celebración no Convento de Santa Clara do seminario "O estudo interdisciplinar das construcións históricas. Arqueoloxía da arquitectura, historia da arte e documentación histórica", mentres que para o mes de outubro programouse unha nova edición do curso "Comunicación empresarial na práctica. 10 casos de éxito en Galicia relatados polos seus protagonistas", que poderá cursarse tanto de xeito presencial, na Facultade de Comunicación, como de forma virtual, a través de Campus Remoto. En ambos casos, o período de inscrición permanece aberto ata cubrir as prazas dispoñibles ou ata día 15 antes da súa data de inicio.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL