A vixésimo primeira edición das Xornadas dos Servizos Universitarios de Emprego terá como sede Vigo. A Universidade olívica será a anfitrioa do resto das universidades españolas que participarán nunha xuntanza que se desenvolverá os días 26, 27 e 28 deste mes de xuño coa calidade da empregabilidade como eixe central.
Esta será a primeira vez que a UVigo acolla estas xornadas, tomando a remuda da Universidade de Málaga, que foi a anfitrioa o ano pasado. Como explica a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, “estas xornadas reúnen anualmente representantes das unidades de emprego de moitas das universidades de España para compartir boas prácticas e debater temas de interese común que teñan como obxectivo último o fomento e a mellora da empregabilidade do estudantado universitario”.
Agora mesmo xa hai máis de 155 persoas inscritas de 55 universidades que, ao longo das tres xornadas, debaterán sobre cuestións relacionadas coa calidade e co seu recoñecemento a través de selos de acreditación, “algo no que deben avanzar os nosos servizos no futuro para que as nosas universidades poidan obtelos e visibilizar aínda máis o seu importante labor”, destaca a vicerreitora. Ademais, esta cita será tamén unha oportunidade para abordar outros aspectos que implican ás unidades de emprego, como os relacionados coa orientación laboral, as prácticas externas, a intermediación laboral, a formación en competencias, a mobilidade transfronteiriza e o fomento do emprendemento.
As xornadas arrancarán na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o día 26 pola tarde, cun acto de apertura ao que asistirán Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo e Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade. De seguido terá lugar a conferencia inaugural, que impartirán José M. Nyssen e Anabel Bonilla, da Aneca, sobre o selo de calidade universitaria deste axencia en materia de empregabilidade e emprendemento. A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre boas prácticas en intermediación laboral coa participación de representantes das universidades de Murcia, Granada, Politécnica de Valencia e da empresa NTT Data.
O martes o programa comprende mesas redondas e sesións nas que se abordarán temáticas como a regulación das prácticas académicas; a importancia da mobilidade no currículo do alumnado e as boas prácticas en orientación laboral. Xa pola tarde continuarán as sesións sobre boas prácticas en emprendemento, que darán paso ás dinámicas de grupo sobre prácticas, intermediación laboral, emprendemento, orientación profesional e competencias e observatorios e alumni.
A derradeira xornada arrancará no Centro de Interpretación do Parque das Illas Atlánticas cunha sesión sobre o proxecto Mares Circulares para despois trasladarse as e os participantes ás illas Cíes, onde participarán nunha actividade colaborativa de recollida de lixe no marco desta iniciativa de economía circular.
A Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo depende da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade e ten como obxectivo fundamental impulsar, en colaboración con empresas, administracións e outras institucións, a empregabilidade do alumnado e persoas tituladas da Universidade de Vigo para facilitar a súa inserción profesional.
Como destaca Natalia Caparrini, “o noso obxectivo como Universidade é preparar os mozos e mozas para a vida laboral e, para isto, temos que saber que buscan as empresas para así poder cubrir as necesidades do noso estudantado”. Na actualidade, engade, “as empresas non só buscan candidaturas dunha titulación determinada e habilidades clásicas como os idiomas ou as competencias dixitais, “senón que nos seus procesos selectivos para recrutar talento demandan outras habilidades e competencias transversais necesarias para incorporarse con maiores garantías de éxito aos seus equipos de traballo”. Por este motivo, considera que a formación nestas competencias transversais é “clave para diferenciar o noso alumnado do procedente doutras institución” e por isto, apunta, “estamos buscando vías para poder recoñecer e dalgún modo certificar, a adquisición destas competencias”. O primeiro paso deuse xa este curso coa posta en marcha do Pasaporte de Empregabilidade, mediante o cal o alumnado pode recoñecer a súa formación en certas competencias como créditos ECTS.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL