Co propósito de compartir coa sociedade e difundir entre as persoas interesadas o coñecemento especializado sobre a tradución e interpretación de linguas de sinais, o vindeiro venres 9 de xuño o edificio Redeiras, no centro de Vigo, acollerá o obradoiro "Interpretación e tradución de linguas de sinais: retos, estratexias e competencias".
O obxectivo, explica María Teresa Veiga, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística e membro do grupo de innovación docente Grettel, é dar a coñecer e poñer en valor os avances realizados ao abeiro dos distintos proxectos de investigación da UVigo sobre a tradución e interpretación de linguas de sinais e, ao tempo, “obter unha mellor comprensión da realidade e das demandas específicas dos tradutores e intérpretes de lingua de sinais española que operan en Vigo e os seus arredores”, destaca.
Neste sentido, a docente subliña que “a colaboración e o intercambio de experiencias enriquecerá a formación dos participantes e brindará a oportunidade de explorar os desafíos inherentes á interpretación e tradución de linguas de sinais, así como as estratexias e competencias necesarias”. Ademais, engade, “pensamos que é fundamental que exista unha conexión entre a Universidade e a sociedade, entre as persoas investigadoras e a realidade cotiá das persoas que desempeñan ese traballo”.
O obradoiro será impartido por Carlos Rodrigues, profesor da Universidade Federal de Santa Catarina (UFSC), de Florianápolis (Brasil) e investigador principal do InterTrads (Centro de Investigación en Interpretación e Tradución de Linguas de Sinais), que se atopa na actualidade realizando unha estadía de investigación na Facultade de Filoloxía e Tradución. Este é un aspecto que tamén destaca Veiga, xa que dende Grettel consideran que “é preciso intercambiar experiencias entre persoas que proceden de distintas realidades, por iso nos pareceu que Carlos é a persoa idónea para falar do tema dende a perspectiva comparada da realidade da profesión e a investigación en Brasil e o que percibe da situación deste colectivo profesional en España”.
No taller, Rodrigues buscará, como el mesmo avanza, “contribuír á comprensión da diversidade de procesos de tradución e interpretación nos que interveñen as linguas de signos, así como das competencias que son requiridas por eles. Con isto, espero poder abordar os seus desafíos e compartir posibles solucións e estratexias que poidan empregar para enfrontalos”.
O prazo de inscrición para as persoas que estean interesadas en asistir estará aberto ata o 8 de xuño, o día antes da celebración do obradoiro.
Carlos Rodrigues leva dende o mes de setembro de 2022 realizando unha estadía de investigación dentro do Departamento de Tradución e Lingüística, en colaboración coa profesora María Teresa Veiga. Neste tempo, explica, puido estar en contacto con diferentes linguas e culturas, participar en cursos de grao, tanto como profesor como como observador e establecer relacións con diferentes profesores e investigadores do ámbito da tradución, da interpretación e tamén da lingüística, para desenvolver debates e investigacións “con outros compañeiros que se preocupan por formar tradutores e intérpretes e promover a accesibilidade”, entre outras oportunidades.
O docente brasileiro lembra que a escolla do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo debeuse á posibilidade de estar en contacto e debater coa profesora Veiga Díaz, “unha oportunidade para unir intereses comúns e ampliar perspectivas de investigación e posibilidades de colaboración, tanto entre os nosos grupos de investigación, como a nivel internacional. Todo isto, “co obxectivo de mellorar a formación de tradutores e intérpretes e avanzar nos estudos de tradución e interpretación das linguas de sinais en Brasil e España, que é o eido específico no que me centro”, conclúe.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL