O equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo, UVigo Aerotech, xa ten rematado o deseño das súas novas aeronaves, Lign-0 e Mobula-0, coas que participarán en xullo en Valencia na competición española universitaria de aeromodelismo XtraChallenge 2023. Un total de 28 estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense participan neste reto que complementa a súa formación levándoos a afrontar na realidade o deseño, fabricación e voo de aeronaves.
LIGN-0 e MOBULA-0, explican desde UVigo Aerotech, foron deseñadas e están sendo actualmente fabricadas con materiais económicos, seguindo a filosofía da competición na que se estrearán, onde se limita o orzamento de fabricación por aeronave a 300 euros. Porén, subliñan, “utilizáronse procesos de enxeñaría moderna como o deseño CAD, a simulación aerodinámica e estrutural ou o mecanizado de diversas pezas, entre outros procesos, que foron posibles grazas ás empresas que colaboran ano tras ano co equipo, a maioría delas do tecido industrial galego”.
Lign-0, detallan, é “un dron de á fixa convencional, cunha disposición similar ás aeronaves civís” e Mobula-0 é unha “á voante, cun deseño máis atrevido e que abre un mundo novo de posibilidades e permite explorar novos conceptos a UVigo Aerotech”. Trátanse, sinala, de dúas aeronaves completamente diferentes ás deseñadas e fabricadas anteriormente por este equipo.
O grupo de estudantes que participa no proxecto está dividido en cinco departamentos que traballan coordinadamente. Son os de Electrónica e Control; Propulsión e Dinámica; Aerodinámica; Estruturas e Organización e Márketing. Como novidade, este curso académico puxeron en marcha o novo departamento, o de Investigación e Desenvolvemento, co obxectivo de “desenvolver algunha da tecnoloxía máis punteira da industria aeronáutica, como o voo autónomo, ás flexibles ou machine learning”.
Segundo explican desde UVigo Aerotech, a creación de Lign-0 e Mobula-0 “está servindo aos membros do equipo para adquirir experiencia e coñecemento no desenvolvemento completo dunha aeronave, desde a fase de deseño preliminar ata o período de fabricación, onde se atopa agora mesmo o proxecto”. A previsión é rematar a súa fabricación e realizar as probas en pista de voo as vindeiras semanas e presentalas antes da súa competición en XtraChallenge 2023.
A XtraChallenge na que participarán o equipo da UVigo é unha competición española universitaria de aeromodelismo, concretamente de transporte de carga con drons de á fixa, creada en 2022 por estudantes da Universitat Politècnica de València (UPV), do equipo Xtra2 UPV. A cita xurdiu co propósito de animar ao alumnado estatal a deseñar, construír e pilotar aeronaves radiocontrol desde unha perspectiva de enxeñaría. O certame, que terá lugar do 12 ao 14 de xullo en Valencia, está baseado na Air Cargo Challenge (ACC) na que ten participado o pasado verán o equipo do campus de Ourense.
Desde UVigo Aerotech agradecen a todas as entidades públicas e privadas o seu apoio e colaboración co equipo no desenvolvemento dos seus proxectos, como son a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Coasa, Mecadis, Gurit, Europrecis, Utingal, Marine Instruments, Altair, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, o Civil UAVs Initiative, Centum ou RDC Works e Illumnia.
A historia de UVigo Aerotech comezou a principios de 2020 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0 e continuou co deseño e fabricación do dron CORV-0, que competiu na Air Cargo Challenge 2022 en Alemaña, considerada unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa. Coa experiencia adquirida nestes anos e co reto de continuar mellorando e evolucionando nas técnicas empregadas, UVigo Aerotech afronta esta tempada “cunha plantilla renovada e novas ideas” e cun obxectivo claro: “formar aos novos membros e prepararse para a Air Cargo Challenge 2024, que se celebrará en Aachen, Alemaña, que é onde buscaremos utilizar todo o aprendido para lograr os mellores resultados”.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL