O alumnado do CEE de Panxón ofrece este sábado co apoio do Concello de Nigrán o 'I Toleamos Rock Festival', un evento musical aberto ao público polo que desfilarán dende as 19:30 horas o 'Heredeiros da Crus' Javi Maneiro, Mushu, Rockestra (do IES Proval) e The Alta Nota (do propio colexio). O festival, organizado íntegramente polos alumnos dentro do seu proxecto educativo, terá lugar no exterior do centro (Camiño dos Lagos, ao carón do Templo Votivo de Panxón) e dará comezo ás 19:00 horas coa apertura de portas (a hora de remate estimada será ás 22:00 horas). A entrada é de balde, pero os alumnos porán a venda merchandising e comida, todo elaborado por eles, cuxo beneficio irá destinado á asociación de axuda a nenos oncolóxicos 'Bicos de papel'. Os rapaces, coa presencia do alcalde de Nigrán, o director do centro, e unha representante de Bicos de Papel, presentaron esta mañá aos medios o festival.
"Ten un fin solidario pero o a propia organización do festival é un proxecto educativo que se enmarca no noso xeito de traballar. A través destas iniciativas aprendemos a vivir, a superar erros, a traballar en equipo e a sensibilizarnos co resto da sociedade", sinalou Rafael Lores, director do CEE Panxón, colexio fundado no 2008 e un dos dous únicos de Galicia adicado a alumnado con trastornos graves de conducta e que actualmente ten as súas 20 prazas cubertas en réxime de internado de luns a venres con nenos de toda Galicia (10 de Educación Primaria e 10 de Educación Secundaria Obrigatoria). De feito, dende hai uns cinco anos traballan exclusivamente por proxectos, sen libros de texto, con metodoloxías activas e participativas que fomentan o pensamento crítico, a creatividade, as habilidades sociais, as capacidades lingüísticas, o razoamento matemático e o método científico. Así, este ano repiten o seu proxecto de restaurante aberto ao público (elaboran e sirven as comidas eles mesmos) e engaden a completa organización do festival Toleamos (dende o deseño da cartelería ata a elaboración e venda do merchandising, comida que se porá á venda, búsqueda de patrocinios, distribución dos espazos, concerto de The Alta Nota formado por alumnos...).
"Para o Concello de Nigrán é un orgullo participar no festival e estamos moi agradecidos de que todos os alumnos se involucrasen neste proxecto curricular solidario e educativo aberto á participación de toda a veciñanza", engadiu Juan González, alcalde de Nigrán e quen recentemente entregou ao CEE Panxón o 'Premio Nigrán 2018 ao Mérito Educativo'.
Maneiro leva máis de 25 anos compoñendo e cantando. El mesmo defínese como pai de familia numerosa pola súa participación en Heredeiros da Crus, con quen actualmente segue en activo, e en Xabón Blue, un proxecto no que xa se puido atisbar a personalidade musical irresistible de Javi. En total 12 discos de estudo ás súas costas, que lle conferiron a seguridade para enfrontarse a súa primeira aventura en solitario. O seu último traballo, Furtivos, responde á actitude vital coa que Maneiro confrontou as súas composicións.
A ROCKestra Proval nace en outubro de 2017. Está formada por 36 alumnas/vos do IES Proval dos dous niveis educativos da ESO, bacharelato, ciclos formativos e ESA. Este proxecto contempla fomentar a expresión artística e cultural a través da música de maneira que os estudantes poidan sentir a experiencia de seren músicos. O repertorio abrangue cancións actuais e míticas da historia dá música pop e rock e pezas orixinais de percusión con material reciclado.
The Alta Nota empezou no ano 2014 da man do profesor do CEE de Panxón Chema Castelló, quen ante o progreso e implicación dun grupo de alumnos de diferentes idades nas clases de música ofrécelles a posibilidade de xuntarse como banda. Nos últimos anos participou en diferentes eventos como Talento 3.0 en 2015 ou a Feira de Proxectos Piteas do 2017, ademais de celebracións sinaladas dentro do centro. Cada ano incorpóranse novos alumnos e outros se van tras finalizar os seus estudos. Na actualidade a banda ten un carácter instrumental.
Mushu é a primeira banda adolescente de formación íntegramente feminina, creada a partir da proposta do Concello de Pontevedra a través do programa de cultura Minipazo Club, coa súa proposta de ROCKLAB. Despois de gravar a súa primeira demo en estudo autoproducida nos estudos Litium Records e Estudo Bonobo, comezan a dar os seus primeiros concertos en diferentes eventos da cidade de Pontevedra e prepáranse para realizar o seu seguinte traballo de estudo.
Una ruta nocturna por las calles del conjunto histórico de Tui llega con misterio, sorpresas y muchos sustos
Los vecinos de Vigo se han encontrado estos días con una propuesta de ocio que amenaza con brillar más que las luces. de Navidad ¡Es esta!
Una exposición de calacús, túnel del terror para todas las edades y música para celebrar un terrorífico Samaín en Porriño
Llega el tiempo de comer cocido y A Cañiza ya pone fecha para disfrutar de este plato típico de la gastronomía gallega en estos ocho locales
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL