A utilización de materias primas infravaloradas para obter produtos de alto valor engadido de forma sostible foi o tema sobre o que afondou Vanesa Sanz na súa tese de doutoramento "Extraction of valuable compounds from agricultural sources and red macroalgae to develop novel gels", coa que acaba de ser seleccionada para representar á Universidade de Vigo na fase nacional da terceira edición do concurso #HiloTesis. Esta iniciativa da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga), propón o reto de dar a coñecer as teses de doutoramento nun fío de Twitter, coas limitacións e posibilidades que ofrece a rede social e empregando un linguaxe “sinxelo, atractivo e accesible”.
Ao longo dunha narración de 20 chíos e numerosas imaxes, gifs e vídeos, Vanesa Sanz explicou a un público non especializado como “converter o lixo en xelatina”. Con estas palabras resumiu Sanz a tarefa de extracción de compostos bioactivos e xelificantes de fontes agrícolas e mariñas para darlle unha nova vida.
A investigación de Vanesa Sanz, dirixida por María Dolores Torres e Herminia Domínguez, do grupo EQ-2 Biomasa e Desenvolvemento Sostible (Departamento de Enxeñaría Química) centrouse na extracción de compostos de alto valor engadido a partir de diversas materias agroindustriais, como son restos de poda do té (Camelia sinensis), lúpulo prensado seco (Humulus lupulus) empregado na fabricación de cervexa, descartes de follas da planta Aristotelia chilensis, máis coñecida en América do Sur como “maqui”, e algas vermellas. Todas estas materias primas considéranse, apunta a investigadora, “de baixo valor económico pero cun alto potencial que aínda non ten sido aproveitado na súa totalidade, sendo elixidas pola súa asequibilidade, abundancia, dispoñibilidade e inocuidade, incluso aquelas procedentes de subprodutos industriais”.
No fío gañador trata de explicar este complexo profeso a un público xeral e relata como, despois de pasar “medio doutorado” mesturando residuos vexetais con auga, conseguiu obter extractos ricos en compostos antioxidantes a través de innovadoras tecnoloxías verdes que permiten reducir custos enerxéticos, acurtar tempos e prescindir de disolventes tóxicos ou contaminantes. Tamén relata como tirou de enxeño para transformar estes biocompostos líquidos en hidroxeles manipulables, que ademais non conteñen glute. Conclúe o fío resumindo as tres ideas que definen a súa tese: “sostibilidade: darlle unha nova vida aos residuos; desenvolvemento: creación de posibles aplicacións comerciais; e impacto social: mellorar a calidade de vida e saúde das personas” e tamén animando a divulgar para que o coñecemento científico non “se quede dentro do laboratorio” e para que a ciencia “sexa accesible a todo o mundo”.
¡Convierto la basura en gelatina!? Y no, no he conseguido mi título de doctora en el Colegio Hogwarts de Magia y Hechicería?@RedDivulga, @filarramendi, @uvigo, @BioDeSost_UVigo. Abro #HiloTesis ?
— Vane Sanz (@VaneSanzLlo) May 5, 2023
Á hora de resumir anos de traballo nun fío de Twitter, a investigadora recoñece que o máis complexo foi “resumir unha tese de 400 páxinas nuns poucos chíos”. Ademais, destaca que lle encantou “meterse no personaxe” e “crear vídeos pensando o que lle gustaría ao público para que seguisen lendo”. Admite que incluso fixo probas coa súa familia: “comprobei que ás persoas da miña contorna lles resultaba claro e divertido, e pensei que se eles o podían entender, a xente que o lera tamén podería”.
En total, no certame rexistráronse 387 fíos, dez dos cales foron achegados por recentes ou futuros doutores e doutoras da Universidade de Vigo. Entre eles, o xurado da Universidade de Vigo destacou a capacidade do fío gañador de “enganchar dende o principio, cun uso abundante, variado e creativo de recursos que enriquecen a narración”. Ademais, valorou de xeito especial “a existencia de contido propio e correctamente incorporado, que achega valor a unha narración áxil e fluída, pero tamén rigorosa”. Neste sentido, conclúen que “o fío consegue transmitir e contaxiar a paixón da investigadora polo seu tema de especialización, comunicando un tema de natureza complexa de forma amena e divertida”.
Os tres fíos finalistas da Universidade de Vigo recibirán un diploma por parte da Vicerreitoría de Investigación para recoñecer e premiar a súa participación, aínda que só o finalista competirá a nivel nacional. Os fíos escollidos polas 47 universidades participantes serán valorados por tres xurados, cuxas puntuacións definirán as medias. De entre os temas con maior media, elixiranse os tres gañadores nunha sesión en liña, e o fallo será comunicado entre 1 e o 7 de xuño de 2023.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL