Pedro Pereira (BNG) afronta as eleccións municipais do Porriño despois de formar parte do último Goberno local antes da chegada á Alcaldía do Partido Popular, fai ano e medio. O candidato nacionalista aposta por "transformar" O Porriño defendendo humanizacións que gañen espazo para os peóns. Neste eido, proxecta unha gran transformación no Campo da Feira, soterrando parte do tráfico en Domingo Bueno, e mellorando as conexións coas parroquias.
Pregunta (P). Gustaríame coñecer unha breve valoración sobre como foi a última lexislatura no Porriño, unha lexislatura marcada polo cambio de goberno hai ano e medio.
Resposta (R). Foi unha lexislatura complexa. Houbo un acordo de goberno en novembro de 2019, cando nós nos incorporamos ao goberno do Partido Socialista e en moi pouco tempo decrétase unha pandemia e ese dous anos de xestión nos que participou o BNG estivo condicionado por esta situación. Logo encontrámonos coa situación de gobernar en minoría. O apoio do resto da corporación era limitado, incluso cuestionando moito a labor da Alcaldía e provocou a situación que acabou cun cambio de goberno despois da dimisión da alcaldesa. Ese cambio de goberno encontrou a situación que xa se levanta a pandemia, onde alguén pode percibir que hai un gran cambio da xestión pública, pero nos dicimos que non, porque os fondos e as cuestións importantes do Concello non foron abordadas e a situación de caos económico que defendía como iniciativa principal o Partido Popular co tempo demostrase que non era tal. A proba de que hai unha situación económica razoable é que o goberno do Partido Popular no 2022 recorreu a través de créditos extraordinarios a un importe de tres millóns de euros e, neste inicio de 2023 recorre a outros tres millóns do remanentes.
P. Cree que houbo un Porriño mellor agora que hai ano e medio ou dous anos?
R. Non hai un Porriño mellor. Os cambios importantes do Porriño os levou a cabo o BNG cando tivo a acción de gobernar. Agora o que hai é un goberno que atende ao día a día, pero tampouco hai unha transformación que sexa visible. Volvemos incluso a certa cultura política que nós xa críamos esquecida no Porriño que volve aflorar coa entrada do PP no goberno.
P. Cales son os seus tres ou catro principais proxectos para O Porriño?
R. Hai máis de tres ou catro proxectos para O Porriño. Nós queremos facer unha visión global do Porriño, non só o centro, senón coas súas parroquias. Temos que facer visible non só o que respecta a investimentos, senón o que é a labor dun Goberno municipal e como coordina a súa labor co tecido asociativo parroquial. Aí debe haber colaboración de coordinación entre unha actividade veciñal que complemente a actividade municipal, que é fundamental para que as cousas funcionen ben.
Con respecto ao centro urbano, o proxecto de cambio sobre o que é o espazo público, tendo presente que no centro deben estar as persoas, iniciouno o BNG no seu momento, seguímolo do 2019 ao 2021 e é o modelo que marca o mandato a partir do 28 de maio. Temos proxectos para O Porriño moi ambiciosos a medio e curto prazo. Hai actuacións importantes nunha zona que ten moitos servizos públicos como é a zona do Centro de Saúde, o Xulgado e Correos. É un polo de atracción de moita xente e coincide cunha zona de alta densidade residencial e aí é onde hai que actuar. O obxectivo principal é reordenar o tráfico, gañar espazo para a xente, onde o uso do coche sexa o estritamente necesario e crear un aparcamento público soterrado no entorno do pavillón.
Outro obxectivo que nos marcamos é o Campo da Feira. Hai un proxecto que é máis cosmético que funcional. Unha actuación en superficie que delimita o Campo da Feira, pero esa recuperación para a xente non é completa se non o abordamos no seu conxunto. Nós recollemos que é necesario abordar o soterramento parcial da Avenida Domingo Bueno que pasa polo Campo da Feira para crear unha gran alameda no centro do Porriño que conecte coas rúas Manuel Rodríguez e San Sebastián. Isto daríalle a O Porriño zonas verdes que contrarrestan a alta densidade de construción que hai na actualidade.
O terceiro proxecto importantísimo é abordar con outras administracións o soterramento da vía do tren e o tema do Frigolouro, para que o espazo natural que está ao carón do río Louro non teña unha barreira artificial. Isto daría unha transformación importantísimo e gañaríamos en calidade de vida.
P. Que sería un bo resultado para o BNG do Porriño o vindeiro 28M?
R. Para o BNG un bo resultado sería liderar un goberno alternativo ao do Partido Popular. Ese sería o obxectivo fundamental. As grandes transformacións quen as levou a cabo foi o BNG. Eu participei neses cambios e están para comprobar. Creo que a confianza hai que depositala naquelas persoas, naquel grupo de goberno, que xa demostrou con feitos que eses cambios non son utópicos, que son reais. No caso de que iso non se dese, nós o que pretendemos é ser determinantes na labor de goberno doutra formación política.
P. E un malo?
R. Manternos como estamos. Aspiramos a subir e ese é o obxectivo.
P. Sobre o papel, hai catro candidaturas que pugnan polo espazo do votante de esquerdas, prexudica isto ao BNG?
R. É certo que un gran número de grupos na esquerda divide o voto e favorece á dereita. Pero hai que ter en conta a coherencia e o comportamento das opcións políticas que permitiron que gobernase o PP e defraudaron ao electorado de esquerdas. A actitude do PSOE, dimitindo a alcaldesa sen recambio, e o comportamento de Esquerda Unida co PP creou inestabilidade. A actitude deses dous grupos políticos é para reflexionar. A arma que se deu ao PP coa Alcaldía non se corresponde co seu peso electoral.
P. Non sei que recordos ten do proxecto do goberno xunto ao PSOE, volvería a repetir?
R. Sempre dixemos que non permitiríamos que goberne o Partido Popular, porque as súas políticas son negativas. Gobernaron O Porriño 31 anos, dos cales 29 anos e medios foron con maioría absoluta. O atraso do Porriño, que din eles mesmos, é máis responsabilidade de quen tivo a Alcaldía tanto tempo que de outras opcións que gobernaron moitos menos anos. O BNG gobernou sempre en minoría e solo sete anos e medio. Abordaremos as coalicións non en función de persoas senón de programas e obxectivos. Hai que escoitar o voto da xente e logo falaremos do futuro.
P. Xa sei que estritamente non é unha competencia municipal, pero que cre que se pode facer dende o Concello para facilitar o acceso á vivenda?
R. O Porriño sempre colaborou co organismo da Xunta que ten as competencias delegadas en vivenda e cedeu terreos para vivenda de protección. A última vivenda de protección que se fixo foi co BNG gobernando en 2008. Non se fixo máis vivenda dende ese momento. O BNG está disposto a colaborar na cesión de terreos. Tamén teñen que colaborar a Xunta e o Estado español para que as persoas non teñan que hipotecarse de por vida por unha infravivenda. O Concello non pode estar ao marxe.
P. En materia cultural e de ocio, cales son as principais propostas do BNG do Porriño?
R. A cultura e ocio non se pode descoidar. A programación ten que estar coordinada coas asociacións culturais do concello e das parroquias. Nun regulamento de participación cidadá debe incorporar o Consello da Cultura. Dotar de partida orzamentaria para apoiar a programación das entidades veciñais. Está ben que haxa festas patronais con orquestras de renome, pero non pode ser soamente festa. Hai un aspecto moi amplo que hai que abordar. O audiovisual, teatro, exposicións culturais, artísticas ou unha Escola de Artes e Oficios para O Porriño. Pero hai que coordinalo. Pero hai que contar cun auditorio municipal, que permita formatos máis amplos. Ese é un obxectivo que nos marcamos. Pero hai que contar co apoio de recursos doutras administracións.
P. Cando vai conseguir O Porriño a supresión do paso a nivel?
R. Sempre o dixemos. Un Goberno municipal non ten a competencia. O que si é preciso e que teña claras as ideas, porque vai ligado á Saída Sur de Vigo e a planificación de Adif. Non sabemos cando se vai abordar o soterramento, pero hai que ter un Goberno que non acepte unha solución parcial. Coa anterior alcaldesa había unhas negociacións e un anteproxecto cun soterramento parcial, dende a estación actual até a praza de abastos, uns 300 metros. Ten que ser un soterramento de 800 ou 900 metros. Se non é así O Porriño non pode aceptar o proxecto. O BNG teno claro. Se a resposta de Adif non é a que cremos que ten que ser haberá que actuar.
P. Se vostede é alcalde o vindeiro 28M, que proxecto ou plan ten para Villa Florida?
R. O Goberno municipal ten que ter claro o uso desa edificación. Ten que ter un valor sociocultural aberto á xente do Porriño. O Concello está en condicións de comprar a parcela coa edificación e darlle uso sociocultural cunha reforma necesaria e os informes de Patrimonio pertinentes. Non podemos perder esa edificación.
P. Como é O Porriño que se imaxina Pedro Pereira de dentro de catro anos?
R. Basicamente un Porriño máis ordenado. Que teña o seu deseño recuperando espazo para a xente. Máis zonas verdes. Hai que adecuar o Plan Xeral, que está xa obsoleto. Hai que pensar no futuro. No centro urbano o coche debe circular soamente cando sexa estritamente necesario e hai que dar espazo para a xente. Gañaría calidade de vida e potenciaría o comercio local. E temos que ter as parroquias integradas, non poden ser un apéndice, hai que crear conexións e camiños seguros. É necesario ademais apostar por un concello en igualdade. O Concello do Porriño ten moita potencialidade, non ten límites e pode ser moi distinto para mellor.
P. Que se xoga O Porriño o vindeiro 28M?
R. O PP ás veces lembra a volta ao pasado. Xogamosnos apostar por liñas políticas onde o centro de actuación está soamente no interese público ou por aqueles que confunden de forma interesada que un dereito dos veciños e veciñas é un favor que se presta por ter o poder. Quen pensa que estar na Alcaldía é ter un status superior. Iso nos xogamos. Democracia, transparencia, respecto pola diversidade. Recoñecer os dereitos, que non favores. O PP é o responsable da nefasta política de saúde pública de Galiza. O PP do Porriño é partícipe e cómplice da Xunta de Galiza con políticas negativas. Utilizan as administracións públicas con interese partidista. Unha política caciquil doutros tempos. Hai que acabar con iso. Espero que a xente se dea conta que non é soamente votar ao PP no Porriño, iso ten consecuencias e apoio noutros gobernos.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL