“Un encontro especial no que se recoñecerá o traballo e o talento dos profesionais dedicados á localización dos videoxogos”. Así será segundo os seus impulsores a cerimonia de entrega de galardóns da II edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos, un acto que, por segundo ano consecutivo, volverá converter a Vigo en capital da industria do entretemento dixital, en xeral, e, máis concretamente, do ámbito profesional da localización de videoxogos, a adaptación de cada un dos xogos a unha lingua e cultura determinada. Será este venres ás 17:00 horas no edificio Redeiras, coa asistencia, entre outras autoridades, do reitor, Manuel Reigosa; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero.
Entregaranse galardóns en sete categorías: mellor localización de videoxogo sen dobraxe, mellor localización de videoxogo con dobraxe, videoxogo máis accesible e mellor localización de videxogo en galego, catalán e éuscaro.
“Cada ano entran a concurso todos os videoxogos lanzados durante o ano natural anterior, neste caso o 2022. Primeiro faise unha fase de votación pública na que a xente pode votar os seus traballos favoritos. De aí saen dez nominados por categoría que, na segunda fase, un xurado composto por alumnado do ETIV reduce a tres finalistas”, explica Emmanuel Bourgoin, codirector, xunto con Óscar Ferreiro, Ramón Méndez e José Yuste do Título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, ETIV, e equipo impulsor destes premios.
Por último, un xurado profesional composto por docentes universitarios e xornalistas de prensa especializada, escolle aos traballos gañadores en cada unha das categorías. “É un proceso claro e xusto, con moito traballo e cariño par parte das persoas involucradas”, explica Ramón Méndez, ao que engade que na fase pública recibíronse centos de votos, “o que demostra o interese que hai por este ámbito”.
Xa son públicos os 21 traballos finalistas, 21 propostas de entre as que sairán as sete propostas gañadoras que se darán a coñecer nesta gala final. “O xurado das tres categorías principais xa nos comentaron que este ano o nivel de todas as producións é moi elevado e que calquera dos finalistas podería levar o galardón”, recalca Méndez.
Na categoría de mellor localización de xogo con dobraxe os finalistas son: "Horizon Forbidden West", "Tiny Tina's Wonderlands" e "Marvel's Midnight Suns"; en xogo sen dobraxe o galardón final disputarase entre "Pokémon escarlata" e "Pokémon púrpura", "Elden Ring" e "Return to Monkey Island". No caso do mellor xogo indie, é dicir, xogos de estudos de desenvolvemento medianos ou pequenos, o xurado decidirá entre "Cuphead: The Delicious Last Course", "Eastward" e "Cult of the Lamb". En xogo máis accesible os finalistas son "God of War", "The last of us (parte 1)" e "As Dusk Falls".
Os premios ETIV-UVigo recoñecen tamén aos mellores videoxogos en cada unha das linguas propias das comunidades históricas. No caso do galego o xurado elixirá entre "Grand Prix Turbotalina", desenvolto por Caramelo Videoxogos, ambientado no Gran Premio das Carrilanas de Esteiro; "Barista: Take Away", do estudio galego Digital Monster Collective e no que se pon a proba a habilidade do xogador ou xogadora e a súa rapidez para preparar cafés personalizados e perfectos e "Avani", desenvolto por DigiPen Institute of Technology, un xogo de acción e aventura que compite nas tres categorías idiomáticas dos premios -catalán, éuscaro e galego-.
En mellor xogo en catalán a disputa será entre "Avani", "Veggie Menace" e "Han’Yo", desenvoltos todos por DigiPen Institute of Technology. No caso do éuscaro o xurado decidirá entre "Sus lágrimas eran mi luz", "Veggie Menace" e "Avani".
“Promete ser unha tarde chea de emoción, recoñecemento e celebración para os profesionais e entusiastas da localización de videoxogos”, subliña o profesor José Yuste, quen fai fincapé en que agardan que esta segunda gala sexa todo un éxito, como o foi tamén a primeira. “Cabe destacar a participación de Iago Gordillo, Aída Escudero e Arturo Pérez, alumnado do ETIV, con vídeos musicais da súa propia creación artística que serán os encargados de amenizar a cerimonia en diferentes intres”, explica o docente.
O formato da gala será similar a do ano pasado. Tal e como explica Óscar Ferreioro, nun primeiro momento terán a palabra as autoridades e, posteriormente, será o alumnado das diversas promoción do ETIV os que abran os sobres coas propostas gañadoras. “Ao longo da gala tamén teremos algunha que outra actuación musical e, por suposto, aos gañadores e gañadoras dos premios recollendo os galardóns”. Pola súa banda, José Yuste engade que xa iniciaron conversacións coa Vicerreitoría de Investigación para que na edición de 2024 se inclúa un Premio ao mellor traballo de investigación en localización de videoxogos.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL