Investigadores e investigadoras de case unha vintena de institucións de sete países europeos: Noruega, Francia, Dinamarca, Irlanda, Italia, Portugal e España, traballarán ata o ano 2025 no desenvolvemento de ferramentas deseñadas para servir de guía cara á restauración dos ecosistemas e ao aumento da resiliencia nos climas costeiros, nunha área que abrangue desde Svalbard, no océano Ártico, ata a illa de Madeira. Cun orzamento de 8,5 millóns de euros, o proxecto Climarest, Coastal Climate Resilience and Marine Restoration Tools for the Arctic Atlantic basin, ten unha duración de tres anos e está coordinado polo instituto de investigación noruegués Sintef Ocean AS. Tres institucións españolas participan neste proxecto Horizon Europe, dentro da convocatoria Missions: a Universidade de Vigo, a través do grupo Ecocost do CIM, con Elsa Vázquez, Celia Olabarría, Estefanía Paredes, Jesús López, Mariano Lastra e Jesús Souza Troncoso, como IP; e as universidades de Málaga e Alacante.
“A UVigo estudará na enseada de Meira, nunha batea experimental, propiedade da confraría de Cangas, e cunha zona de control situada nas inmediacións do porto deportivo de Moaña, solucións nos fondos brandos afectados polas tarefas de acuicultura. Abordaremos solucións de aproveitamento do enriquecemento orgánico derivado do cultivo do mexillón, para a introdución de especies de interese comercial que poidan aproveitar este recurso” explica Troncoso, sobre o papel das e dos investigadores da Universidade de Vigo no proxecto, ao que tamén contribuirán creando estruturas artificiais, cun deseño biomimético, realizado pola spin-off da UVigo BluEstructure, que proporcionarán o hábitat, que será colonizado por especies autóctonas, moitas delas de interese comercial.
Pola súa banda, en Noruega afondarase en solucións baseadas na natureza para frear a erosión costeira, derivada principalmente do permafrost. En Irlanda, os traballos centraranse na restauración de praderías de fanerógamas mariñas, mentres que en Francia ocuparanse da restauración de arrecifes de ostras e en Portugal testaranse, na illa de Madeira, solucións para a recuperación das florestas submarinas de kelp.
“O proxecto é novidoso, ademais de ambicioso, abranguendo desde Svalbard ata Madeira. En cada un dos países, actuarase a modo demostrativo en situacións distintas”, sinala o catedrático vigués , que destaca a colaboración con Pablo Sánchez Jerez, o IP pola Universidad de Alacante, “que ten unha ampla experiencia no funcionamento de ecosistemas e de hábitats afectados por tarefas de acuicultura e co que levamos varios anos colaborando e temos algúns traballos conxuntos”.
Precisamente, serán os científicos e científicas das universidades de Vigo, aos que acaba de incorporarse Paula Daban, que realizará a súa tese de doutoramento cos datos derivados do proxecto, e de Alacante, os encargados de executar as tarefas de demostración da restauración en ecosistemas sedimentarios afectados pola acción da acuicultura. “A nosa actuación, céntrase en crear un novo hábitat para aproveitar a ‘neve orgánica’, en vista da potencia do crecemento de especies que se alimenten do recurso rexeitado polos mexillóns”, detalla Troncoso, que explica que un dos obxectivos é crear tamén un modelo preditivo, “que poida darnos unha idea de como podería ser a situación do ecosistema de bateas se as condicións oceanográficas mudan no futuro nun escenario de cambio climático”.
Así mesmo, coas estruturas artificiais que serán instaladas preto das bateas seleccionadas, os e as investigadoras testarán a efectividade para a instalación dunha especie de grande interese comercial como é o lumbrigante. “Todo o que fixemos ata agora, dános unha base sólida para poder enfrontar un proxecto, desde a abordaxe, para achegar solucións para un mellor aproveitamento do sistema de bateas” explica Troncoso, que lembra que as bateas, ademais de reconcentrar materia orgánica, funcionan “como un enxeñeiro natural” reducindo o hidrodinamismo e favorecendo a sedimentación, “e é ese recurso o que queremos aproveitar”, detalla o investigador do grupo Ecocost. “Ao mesmo tempo, queremos saber se unha especie como o lumbrigante pode aproveitar este medio para o seu crecemento, tal e como fan outras especies de crustáceos de interese comercial como a nécora ou o centolo”, explica o IP da UVigo, que disporá de preto de 243.000 euros para financiar a parte do proxecto que lles corresponde.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL