40 programas de doutoramento; máis de 340 estudantes de novo ingreso e arredor de 140 teses defendidas cada curso. O ecosistema de posgrao da Universidade de Vigo permite que, ano tras anos, se formen nos tres campus os futuros investigadores e investigadoras do tecido de I+D galego e do resto do Estado. Na actualidade son máis de 1000 as persoas que están cursando estudos des doutoramento na UVigo, dos cales 360 se incorporaron este mesmo curso. Para todos eles a institución académica organizou este mércores un acto de benvida co obxectivo de darlles a benvida “a esta nova etapa da vosa vida”, como salientaba a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.
O obxectivo desta xornada, recalcaba, “é ofrecer algunhas claves sobre esta etapa e algunhas pistas para que saibades como estamos e, para min, é unha honra poder dicir que a Universidade de Vigo está moi ben posicionada nos ránkings en investigación, moi preto de entrar entre as 500 primeiras do mundo e iso e conséguese grazas a vós, á xente que se inicia na investigación con moitas ganas e impulso; sodes o futuro, a punta de lanza da nosa institución e temos moita esperanza e confianza en vós e queremos que vos sintades a gusto na que agora é a vosa casa”.
Na apertura da xornada, o director da Escola Internacional de Doutoramento, Eido, Antonio Pino García, fixo fincapé en que “os estudos de doutoramento deben ser considerados como a xoia da coroa” dunha institución de educación superior, xa que “constitúen o máis alto grao académico que se pode obter” e incidiu en que a formación como persoal investigador non só xera un beneficio para o alumnado, “senón tamén para todos os grupos de investigación aos que ides achegar novos folgos, perspectivas e puntos de vista”.
A oferta de doutoramento da Universidade de Vigo está conformada por 40 programas, dez do eido social e xurídico; once do ámbito científico; cinco de artes e humanidades; nove relacionados coa enxeñaría; dous coa saúde e outros tres interdisciplinares. Deles, sete están ligados ao campus de Ourense, cinco ao de Pontevedra e os outros 28 a Vigo. De cara ao próximo a UVigo agarda poder estrear un novo título, o programa en Nanociencia e Biomedicina, que substituirá ao de Ciencia e Tecnoloxía de Coloides e Interfaces.
Entre todos estes programas, a Universidade de Vigo conta actualmente con máis de 1.000 estudantes de doutoramento matriculados. Cada curso, explica Pino García, incorpóranse entre 320 e 340 novos estudantes a esta etapa formativa; en concreto, neste 2022/2023 son 360 os novos estudantes de doutoramento, 292 matriculados en primeira convocatoria e o resto no segundo prazo, que se abriu en febreiro.
No que se refire á presentación das teses de doutoramento, a cifra está estabilizada arredor das 140 anuais. Este é un panorama que se vén mantendo nos últimos anos: hai unha década, no curso 2012/2013, defendéronse 160; hai cinco anos 134; e o curso pasado 141. Esta situación tan só se viu alterada no curso 2015/2016 pola extinción de normativas anteriores, o que provocou un importante incremento no número de teses lidas. No curso actual hai 98 teses admitidas ata o momento, pero como puntualiza o director da Eido, “é unha cifra provisional, faltan varios meses e agardamos chegar ao dato do curso pasado e mesmo superalo”. Con todo a pandemia tamén tivo imparte neste programas, e aínda que dende o primeiro momento se puideron ler teses en liña, houbo moitos estudantes que decidiron agardar a poder defendelas presencialmente, o que provocou unha lixeira baixada nas cifras en 2019/2020 e unha posterior subida en 2021/2022.
Esta é a segunda vez que se organiza unha xornada de benvida para o alumnado de todos os programas de doutoramento da UVigo. Tras unha experiencia piloto que tivo lugar en 2019, a pandemia impediu continuar con celebración destes actos que agora se retoman co obxectivo de converterse nunha cita anual para os investigadores e investigadoras novas que se incorporan cada ano aos programas de doutoramento. Como explica o director da Eido, “esta é unha actuación habitual nas escolas de doutoramento para informar de certas cuestións xerais dos programas. Queremos o alumnado teña unha idea xeral do seu itinerario e doutras cuestións da vida universitaria, pero o peculiar desta estrutura e o perfil de maior madurez dos estudantes fai que sexa preferible facer unha xornada específica de doutoramento en lugar de xuntala con grao e mestrado”. Ademais, o calendario propio destas titulacións require agardar a esta época para que estea todo o alumnado incorporado, “xa que case o 20% dos nosos novos estudantes acceden no segundo período de matrícula, que se abre en febreiro”. Pino García tamén subliñou a importancia de apostar pola presencialidade, “un formato a modo de día de encontro entre estudantes de distintos ámbitos e campus”.
Á xornada asistiron estudantes tanto do campus de Vigo como de Ourense e Pontevedra, que contaron cun servizo de transporte de balde para desprazarse ao edificio Miralles. A xornada arrancou coa intervención da vicerreitora Belén Rubio, que lles explicou en que consiste o selo de excelencia HR Excellence in Research, co que a Comisión Europea recoñece “a determinadas institucións que imos progresando no aliñamento de políticas de recursos humanos con 40 principios do que se chama a Carta do investigador e o Código de Conducta para a contratación de Investigación”. Na actualidade, en todo o continente hai 700 organizacións con este distintivo, 150 delas en España, sendo a UVigo unha das primeiras en obtelo, en 2017. Nas últimas semanas acaba de recibir un informe positivo provisional para a súa renovación durante tres anos máis. Contar con este selo, destacaba Rubio, é importante por varios motivos, por exemplo, para a obtención de proxectos europeos, e ademais forma parte do Plan Estratéxico da UVigo, que contempla implementar a estratexia HRS4R, establecer procesos OTMR (Open, Transparent and Merit-based Recruitment) para a contratación de persoal e apostar por políticas de ciencia aberta. Sobre este último aspecto, a vicerreitora destacou que tanto a nova Lei de Universidades como a nova Lei da Ciencia “dedican un apartado exclusivo a este nova maneira de entender a ciencia a e innovación e obrigan a que todos os traballos que publiquemos sexan en aberto”, facendo referencia a algúns dos mecanismos e ferramentas dos que dispón a UVigo para este fin. Rubio tamén se referiu na súa intervención á Coara, unha nova coalición da que a UVigo forma parte, que propón un cambio na avaliación da investigación, e que entre outras propostas, “avoga por ter en conta, ademais das publicacións científicas, outros aspectos como os labores de divulgación científica, a transferencia, as patentes ou os contratos con empresas” e animou aos estudantes a ser participativos en todos estes aspectos.
Tras a vicerreitora foi a quenda do equipo de dirección da Eido, o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao e a Área de Calidade, que explicaron ás e aos asistentes o itinerario académico dos estudos de doutoramento, comezando por detallar as funcións da Escola Internacional de Doutoramento e as etapas académicas nos estudos de doutoramento, a xestión administrativa, os procedementos, prazos e ferramentas, a calidade nesta etapa formativa e as axudas ao estudo e apoio á mobilidade.
Unha segunda parte da xornada centrouse precisamente na tese de doutoramento, detallando as diferentes etapas do plan de investigación, a redacción, as mencións oficiais (internacional, cotutela e industrial), a constitución do tribunal, o acto de defensa, a plataforma para o depósito en liña e, finalmente, a expedición do título.
Estas sesións complementáronse coa instalación no vestíbulo do edificio de diferentes postos informativos de servizos como o Centro de Linguas, a residencia, Bolsas, Emprego, a asociación de investigadores APIUVigo, a Oficina de Relacións Internacionais (ORI), a Biblioteca, Escola Aberta de Formación Permanente, Extensión Universitaria, Benestar, Saúde e Deporte, Unidade de Igualdade, ou Voluntariado.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL