Os reitores das Universidades da Coruña e de Vigo, Julio Abalde e Manuel J. Reigosa respectivamente, xunto a Alfredo Ramos, director de R, asinaron este venres na sede coruñesa do operador galego o convenio para a renovación da Cátedra R en Ciberseguridade, a primeira cátedra interuniversitaria galega que se creou en 2018 para responder ás crecentes necesidades de coñecemento desta materia na sociedade e na empresa, parellas ao desenvolvemento progresivo das novas tecnoloxías.
A renovada Cátedra R en Ciberseguridade introduce esta vez unha novidade substancial no seu programa de actividades, pois dende agora entre elas figurará a promoción e fomento da contratación de prácticas curriculares e extracurriculares do alumnado. Ao tempo, a cátedra mantén intactos os alicerces que a sosteñen dende hai máis de catro anos para promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais. A meta última é adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.
Trátase dunha cátedra pioneira que abriu as portas á colaboración entre universidades do territorio autónomo, dispostas esta vez a traballar de xeito conxunto co operador galego R na contorna da seguridade dixital.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel j. Reigosa, transmitiu a súa satisfacción por “formar parte dunha alianza público-privada na que se xuntan as universidades da Coruña e Vigo, onde temos importantes centros de investigación relacionados coas TIC en xeral, e contamos con especialistas de recoñecido prestixio a nivel internacional”. De feito, insistiu o reitor vigués, “a cátedra xa ten amosado ser unha ferramenta excelente para combinar as capacidades en I+D+i dos tres axentes que formamos parte desta alianza”.
Á súa vez, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, agradeceulle á empresa R que respalde a continuidade das accións promovidas con esta Cátedra R e celebrou que ese cartafol se amplíe arestora incluíndo, nas dúas universidades, prácticas para estudantes, actividades “fundamentais de cara a que o alumnado poida desenvolver o seu perfil profesional nutríndose da realidade laboral”. Ademais, resaltou a relevancia do apoio da Cátedra R ao fomento da investigación e a innovación en seguridade dixital nun contexto de incremento dos delitos a través de Internet.
Paralelamente, Alfredo Ramos asegurou que “para R segue sendo unha noticia magnífica darlle percorrido a este traballo compartido coas universidades da Coruña e de Vigo, unha iniciativa que ten marcado un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas. Queda aberto o camiño para que o público e o privado traballen conxuntamente a prol da divulgación de coñecemento e experiencia sobre ciberseguridade, afondando nos seus riscos e ameazas, desafíos e solucións. A súa relevancia -engadiu Ramos- evidénciase de xeito exponencial nos últimos tempos, actualmente na conxuntura de guerra en Europa e a crise económica derivada dela. Temos que seguir traballando para garantir a seguridade dixital de particulares e empresas; e a Cátedra R é unha vía idónea para realizar con excelencia este obxectivo”.
As universidades galegas e máis R deseñaron unha cátedra á que agora lle dan continuidade incorporando o capítulo das prácticas curriculares e extracurriculares en R. Trátase de dúas bolsas anuais para a Facultade de Enxeñaría Informática da UDC e outras dúas para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de UVIGO dirixidas a estudantes de grao e de máster, que poden incluír a realización do Traballo de Fin de Grao ou de Traballo Fin de Máster (TFG ou TFM). A idea é capacitar profesionalmente ao alumnado realizando esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dun titor ou titora do centro onde realizan os seus estudos. Para afrontar estes novos proxectos, a dotación económica da Cátedra R aumenta nun 50 % con respecto á edición anterior. Así, a Cátedra R revalida, por unha banda, a súa vocación de abertura a novas liñas de actuación e, por outra, a vixencia das actividades que a fundamentan (formación, divulgación e investigación).
Ademais, mantense o patrocinio das Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade (XNIC), que este ano celebrarán a súa VIII edición no mes de xuño para promover, coma sempre, o contacto, intercambio e discusión de ideas, coñecementos e experiencias entre a rede académica e de investigación, por unha banda, e profesionais e empresas por outra.
A Cátedra R seguirá igualmente organizando o concurso Capture The Flag (CTF), o reto de ciberseguridade onde compiten profesionais e/ou estudantes que poñen a proba os seus límites, habilidades e destrezas para resolver os desafíos presentados, que se celebrouse esta mesma semana no CITIC coruñés con participación telemática de estudantes do máster de Ciberseguridade da UVigo.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL