En España, Barcelona e Madrid, sede das grandes empresas multinacionais, aglutínanse case o 50% dos negocios relacionados cos videoxogos, un dos sectores máis estratéxicos da industria cultural, pero tamén un dos máis masculinizados. Trátase dun negocio, relativamente novo e en continuo crecemento, pero tamén moi fragmentado, pequenos estudos e traballadores autónomos fronte a grandes empresa, e no que facerse un oco a nivel profesional non sempre é doado, sobre todo se es muller e vives lonxe das grandes capitais. Así se reflicte no estudo "As que están e as que marcharon: mulleres e migracións na industria do videoxogo", financiado pola Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, e cuxos resultados poñen sobre a mesa, ademais dun pormenorizado debuxo da situación actual do sector na provincia, todo un catálogo de propostas dirixidas a potenciar o papel das mulleres neste sector, ideas que pasan, sobre todo, por empoderar e darlle visibilidade ás profesionais que foron capaces de facer desta cuestión, “para moitas a súa gran afección”, a súa profesión, xa fose por conta propia ou allea, dentro ou fóra de Galicia.
O estudo correu a cargo dun equipo multidisciplinar de sete investigadores e investigadoras dos grupos de investigación de Tradución e Paratradución (Óscar Ferreiro, Ramón Méndez, José Yuste e Lara Domínguez) e Bifega-Bitraga (Sara Torres, Silvia Pérez Freire e Ana Luna), e a presentación de resultados tivo lugar este martes no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da man da investigadora principal, Sara Torres, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía.
Para a posta en marcha do estudo partiuse de identificar a presenza feminina no sector do videoxogo na provincia de Pontevedra, caracterizando as dificultades e barreiras existentes no acceso á profesión, así como tamén as oportunidades e as fortalezas. Feito isto, elaborouse un catálogo de estratexias de mellora da situación actual coa finalidade de reter o talento existente na provincia. “O que fixemos foi identificar as principais dificultades a vencer e recomendar accións dirixidas ás futuras profesionais do sector que redundarán positivamente en toda a industria”, salientou Torres.
As principais dificultades a vencer clasifícanse, a xuízo deste equipo de investigación, en tres grandes categorías: as propias dun sector relativamente novo, tecnolóxico e moi masculinizado. “O sector dos videoxogos está moi fragmentado segundo a diversidade de empresas e pouco organizado respecto aos apoios institucionais”, explicou Torres, quen salientou que para a maior parte das mulleres que participaron no estudo traballar no sector do videoxogo semellaba a priori un inalcanzable, tanto porque parecía incrible traballar nalgo co que desfrutas como pola dificultade de iniciarse nesta industria. Elas lográrono, en gran medida emprendendo actividade como autónomas “máis como obriga e posibilidade que como elección ou vocación” e, xa posteriormente, en pequenos estudos locais, teletraballando para empresas foráneas ou emigrando, vén sendo a cidades como Barcelona ou a nivel internacional, por exemplo, Gran Bretaña.
Respecto ás barreiras de acceso ao mercado laboral, Torres salientou que a incorporación de máis talento feminino ao sector do videoxogo redundará positivamente na industria, contribuíndo a crear contornas de traballo máis igualitarias e produtos menos estereotipados, “en definitiva, incluír o talento femenino nos procesos de creación, transcreación, tradución e paratradución de videoxogos asegura paratraducir unha mirada feminina nun dos sectores máis estratéxicos da industria cultural na era dixital”, recalcou a autora principal do estudo. Para que isto chegue a ser realidade é preciso, tal e como subliñaron na rolda de prensa, que o emprego feminino abranga un abano máis amplo de postos dentro do sector como programación, tradución, deseño, produción e xestión, entre outros.
En relación co feito de que se trata dun sector moi masculinizado, tanto no xogo como a nivel laboral, a responsable do estudo considera que os freos autoimpostos poden resumirse no denominado “síndrome da impostora” que fai referencia á sensación de neófita recén chegada “que sofren moitas mulleres que traballan neste sector e que lles xera inseguridade, reduce a súa participación e bloquea a súa capacidade de iniciativa”.
Como se pode corrixir esta situación? Cara a onde deben encamiñarse as accións de mellora? Entre outra medidas, o equipo de docentes da UVigo fai fincapé na necesidade de empoderar as mulleres con formación no sector do videoxogos. Trátase de fomentar o emprego feminino nesta industria a través da creación dunha base de datos de mulleres profesionais e potenciais traballadoras do sector do videoxogo en Pontevedra, “unha ferramenta útil para as empresas, que una oferta e demanda”.
Por outra banda, recomendan tamén o impulso dun programa de mentorización coas mulleres que traballan neste sector dentro e fóra da provincia. A idea é, tal e como recalcaron, aproveitar as experiencias das mulleres que foron quen de introducirse no sector e teñen experiencia, como autónomas, traballadoras por conta allea ou amba, nun programa de mentorización “que anime e potencia ás mulleres novas a introducirse neste sector”.
Neste particular catálogo de medidas resaltouse tamén a necesidade de promocinar aquelas propostas dirixidas a difundir roles igualitarios de xénero, tales como charlas e actividades de promoción dos videoxogos e da cultura da igualdade nos centros educativos.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL