Dende este luns a Facultade de Dereito, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic súmanse á lista de centros da Universidade de Vigo que contan co Distintivo de Igualdade. Os tres obtiveron este recoñecemento na terceira edición desta convocatoria, que ten como obxectivo recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido.
Con estas novas incorporacións, a Universidade de Vigo conta xa cunha lista de dez centros con Distintivo de Igualdade: a Facultade de Filoloxía e Tradución, que o obtivo na primeira edición; o CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, seleccionadas na segunda edición e agora os tres desta nova convocatoria.
A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, explica que “a comisión avaliadora, formada por expertas externas, quedou impresionada polas fortalezas das candidaturas e tamén polo propio mecanismo do Distintivo de Igualdade” e anima a máis escolas, facultades e centros de investigación a que concorran nas próximas convocatorias “porque todos teñen fortalezas que demostran o seu compromiso coa igualdade entre homes e mulleres”.
O Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de seis anos e os tres centros seleccionados recibirán, nun acto que se celebrará nos vindeiros meses, un vinilo para situar nun lugar visible do edificio e unha achega de 3000 euros para investilos en novas actividades e políticas de xénero.
O Distintivo de Igualdade outórgase a todos os centros que acaden un mínimo de 80 puntos atendendo a criterios como a inclusión da perspectiva de xénero nos plans de estudo das titulacións e as liñas de investigación e de transferencia que incorporen a perspectiva de xénero; o número de persoas expertas e/ou implicadas na promoción da igualdade de xénero que forman parte da facultade, escola ou centro propio da UVigo; a organización de actividades que contribúan á sensibilización e o grao de composición paritaria dos órganos de goberno.
Tamén, o uso de linguaxe inclusiva e non sexista nos documentos e na comunicación interna; os programas e políticas de captación de novo alumnado con perspectiva de xénero; as medidas para facilitar a conciliación e promover a corresponsabilidade ou calquera outra actividade ou acción innovadoras desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente aquelas realizadas en coordinación co alumnado e/ou novo persoal investigador do centro.
Nesta terceira convocatoria o centro con mellor puntuación foi a Facultade de Dereito do campus de Ourense, que obtivo 89 puntos. A comisión valorou o feito de que tanto nas actividades docentes como en seminarios ou outras iniciativas se aborden contidos relacionados coa igualdade e coa lexislación vixente con implicacións neste eido, analizando incluso “as interpretacións controvertidas dalgunhas das leis”.
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, con 87 puntos, e atlanTTic, con 86, son as outras dúas candidaturas merecedoras do Distintivo de Igualdade. Ambos centros, moi ligados entre si, xa que comparten boa parte do seu persoal docente e investigador, presentan fortalezas comúns. En ambos casos, recalca Gómez, “existe unha longa tradición de persoas, como a profesora Soledad Torres, moi implicadas no fomento e impulso da igualdade e na posta en marcha de actividades de sensibilización, como por exemplo o programa Elas Fan CienTec para o fomento de vocacións STEM entre as mozas”. Con todo, a comisión avaliadora destaca que nos últimos tempos houbo un “novo impulso a este tipo de propostas, moitas delas vinculadas á Cátedra de Feminismos 40 Depo-UVigo”, como sinala Gómez. Destas candidaturas tamén se valorou especialmente o traballo de transferencia de coñecemento que se realiza con colexios e institutos ou a elaboración dunha guía de recursos de conciliación corresponsable.
A esta convocatoria presentouse tamén o centro de investigación Cintecx, que non acadou o distintivo, “aínda que obtivo moi boa puntuación (76), sobre todo tendo en conta que se trata dun centro de recente creación e dun ámbito altamente masculinizado no que incluír a perspectiva de xénero non é algo sinxelo”, como explica a responsable da Unidade de Igualdade, motivo polo cal “as avaliadoras quedaron realmente impresionadas por moitas das iniciativas postas en marcha polo centro”.
A comisión avaliadora, ademais do reitor, Manuel Reigosa, e da directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, estivo formada por catro expertas en igualdade e inclusión da perspectiva de xénero nos diferentes eidos do coñecemento. Por exemplo, Elisabet Mas de les Valls, docente da Politécnica de Catalunya, traballou na elaboración da guía para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero no ámbito da Enxeñaría Industrial, mentres que Concepción Torres, da Universidade de Alacante, é autora desta guía para o eido do Dereito e M. Lluïsa Faxedas, da Universidade de Girona, responsable da guía no eido da Historia da Arte. Completa o comité avaliador Mar Sobral, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e experta en ecoloxía e implica en tamén no eido da igualdade.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL