“I eu querendo que me escoites”, o verso da canción da cantante A Riso, serviu este mércores de introdución da programación que a Deputación de Pontevedra ten deseñado ao abeiro do 8M, “a máis potente e ambiciosa de Galicia e todo o Estado”, en palabras de Carmela Silva. “Queremos que se escoite a nosa voz, ocupar o noso espazo e loitar polos nosos dereitos”, foi a declaración de intencións convertida en lema co que a presidenta provincial avanzou a lista de actividades do programa.
O despregue este venres 3 de marzo das pancartas reivindicativas do 8M co lema deste 2023 no Pazo Provincial e na sede de Vigo marcará o arranque oficial da programación que leva o hashtag #depoPORelas365 “porque a nosa reivindicación non se detén tralas datas sinaladas no calendario da visibilización da igualdade, senón que traballamos os 365 días do ano”, subliñou Silva.
A programación do 8M estrutúrase nas Alianzas na Política, na Empresa-Economía, nos Medios de Comunicación, no Saber, Investigación e Universidade e na Creatividade, así como na aposta pola Coeducación e por visibilizar o legado da excelencia das mulleres. Trala lectura no último pleno do Manifesto redactado pola maxistrada do Tribunal Constitucional, María Luisa Balaguer e a vindeira colocación das pancartas reivindicativas nas sedes provinciais, o mesmo 8 de marzo terán lugar os actos centrais en Pontevedra e Vigo.
No primeiro caso, a cita é ás 11:00 horas, no Pazo Provincial, coa intervención artística denominada Alguén aquí? que protagonizará a mestra, escritora e artista Carmen Quinteiro, coas músicas Su Garrido e Sheila Patricia. A peza apelará, como avanzou Carmela Silva, “a estar alerta e reafirmar a urxencia de non baixar a garda en defensa dos dereitos das mulleres; vai ser un golpe duro para que a sociedade reflexione sobre a necesidade de tomar partido pola igualdade”. Para iso panelarase e decorarase a porta central do Pazo Provincial con cintas de baliza de perigo e a acción contará con ambientación sonora e visual. Quinteiro explicou que Alguén aquí? responde “ás alarmas que soan cada vez máis alto e non van calar” e fixo fincapé en que “o feminismo non é moda, é xustiza de vida e quen non queira asumilo é porque ten uns ollos cegos para entender de que vai a vida”.
En Vigo a acción será ás 17:00 horas e titúlase “2,2 quilómetros de alento”, a cargo das artistas Andrea Mosquera e María Roja, que culminará coa apertura das exposicións na sede a cargo de Puri Díaz e Ofelia Cardo. Será unha performance que terá lugar entre o Xulgado de Violencia Sobre a Muller e a sede de Vigo, un tramo de 2,2 quilómetros a través do que as dúas mulleres, cargadas con bolsas da compra, irán deixando ao seu paso laídos de auxilio que se mesturarán ata perderse na paisaxe sonora urbana. As creadoras da peza explicaron por vídeo que a acción será na rúa “para darlle a oportunidade á xente de estar en contacto coa arte en espazos que non son habituais”.
A tarde rematará na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo onde se inaugurará a exposición “A muller da miña vida” de Puri Díaz, con imaxes que supoñen “un canto coral da memoria (e da miña memoria)”. E na sala Maruja Mallo, abrirase a mostra de fotografía, escultura e instalación “Dar alento” de Ofelia Cardo con pezas centradas na intersección entre feminismo e ecoloxía, que “entrelazan a histórica opresión sobre a natureza e a que sofren as mulleres”.
No que atinxe ás Alianzas na Creatividade, no acto presentáronse as mochilas de corda ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. As creadoras interviñeron por vídeo para amosar as súas propostas para estas mochilas, das que se distribuirán 4.500 unidades e que se repartirán nas distintas accións de Violencia Zero na provincia. Alba Casanova elaborou un deseño que reflexiona sobre as limitacións dos estereotipos de xénero, La Platanera quixo simbolizar o feminismo a través dunha regadeira que “sementa igualdade” e Heyjuddy, a través da cara dunha muller, conforma tamén a idea “da semente de vida e respecto”. Tamén no seo do citado programa, o día 7 de marzo terá lugar a acción no Auditorio do Grove a cargo de Xela Marx e Maya Marx e o 9 de marzo a acción no CPI Arquitecto Palacios de Nigrán a cargo de Neves Seara e Elsa Pereira.
Tamén se sumarán alianzas no ámbito creativo a través do Manifesto de Soutomaior, coa entrega o 14 de marzo en Pontevedra dos premios “Cambiemos o conto”, que recoñecen as mellores redaccións centradas na Igualdade e na loita contra a violencia de xénero de alumnado de Secundaria da provincia. Así mesmo, lanzarase a convocatoria dos premios literarios “Hai unha voz” para incentivar, apoiar e recoñecer o papel das escritoras e profesionais no ámbito da literatura galega. E o 21 de marzo presentarase o libro “Ti non sabes o que é ser escritora” que recolle relatos inéditos das asinantes do Manifesto sobre feminismo acompañados de creacións de mulleres ilustradoras.
A Deputación lanzará tamén este mes a terceira edición dos premios #MulleresNoFoco e abrirá o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa Conectadas e no roteiro “Elas, produtoras executivas”. Amais, este sábado, 4 de marzo, arranca o programa “Mulleres Extramuros”, no lugar de Vide, nas Neves, e o 24 de marzo será a quenda do proxecto “Oh, rosas vivas”, en colaboración con CIMA, que, a través do grupo de música antiga Gallaecia Ensemble Barroco, o muralista Yoseba Murazábal, a poeta María Lado e a creadora visual Laura Iturralde, porá en valor a figura de compositoras dos séculos XVII e XVIII pioneiras na profesionalización da muller no eido musical.
No marco das Alianzas na Empresa-Economía, a sede de Vigo da Deputación acollerá a entrega dos Premios Mulleres Salgadas o día 20 de marzo, mentres que a colaboración con algúns medios de comunicación plasmarase no foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, que se celebrará en Pontevedra os días 17 e 18 de marzo.
Por outra banda, as Alianzas na Investigación e a Universidade impulsarán neste mes de marzo varias actividades da Escola de Igualdade María Vinyals: os sábados, a sede de Vigo acolle o programa “Canteira de Igualdade”, e os mércores, o ciclo de videoconferencias con potentes científicas “Ciencia en Feminino”, en colaboración con GCiencia. Amais, os días 29 e 30 de marzo o Castelo de Soutomaior acollerá o III Encontro Nacional de Políticas Públicas. Muller e Poder, dirixido por Rosa Cobo e no que participarán mulleres referentes do feminismo de todo o Estado.
Por outra banda, este venres o día 3 inaugurarase a exposición “Muller e Sustentabilidade do Mar” na Casa da Cultura de Riomaior (Vilaboa), cunha charla a cargo de Mari Lires. E o día 22 de marzo presentarase o programa “Precursoras da sustentabilidade”, un proxecto que recuperará a memoria de 40 mulleres que contribuíron cos seus coñecementos á sostibilidade do planeta. Ademais a Deputación asinará convenios coa Universidade de Vigo para seguir impulsando a Cátedra de Feminismos 4.0, a feira-exposición científica “A ciencia que vén ten nome de muller” e unha nova edición de Inspira STEAM .
Por último, para incidir na Coeducación como clave para o cambio estrutural, o 20 de marzo entregaranse en Pontevedra os premios do concurso “Grazas, Xoguetes” e a Deputación seguirá visibilizando o talento e o legado da excelencia das mulleres con “365 Días, 365 Mulleres” e o proxecto “Aquí faltan páxinas”.
Los operarios apuran la instalación de los elementos que forman el idílico mercado la Navidad de Vigo, el Cíes Market
Ningún secreto se guarda mejor en Vigo que la fecha del encendido de las luces de Navidad. ¿Cuándo será?
Caballero anuncia que ya comenzó la tramitación urbanística de un ámbito que incluirá zonas verdes y una plaza pública
¿Tienes un negocio en Vigo y te apasiona la Navidad? Puedes participar en este concurso para sorprender a tus clientes y llevarte un gran premio
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL