Nace FalAI, un proxecto desenvolvido por atlanTTic e a empresa Balidea, que ten o obxectivo de recoller voces en galego que permitan xerar ferramentas de interacción co mundo dixital en galego. Co cancelo #A30frases, o centro de investigación e a empresa procuran a participación do maior número de persoas posible que, de xeito anónimo, graven a súa voz lendo 30 frases, indicadas a través da plataforma falai.balidea.com, coas que se compoñerá un corpus lingüístico que permita adestrar un asistente conversacional por voz. O proxecto foi presentado publicamente este mediodía no edificio Redeiras da UVigo, nun acto presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e no que tamén participaron a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a investigadora principal do proxecto, Laura Docío e o director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez.
Valderrama asegurou que “para a institución este proxecto é un auténtico orgullo”, ademais dun exemplo da colaboración público-privada e do compromiso das enxeñarías coa lingua. Pola súa banda, o director xeral de Balidea referiuse a falAI como un “fito importante tecnoloxicamente e por ser en galego, porque non hai ningunha tecnoloxía en galego”, razón pola que “sumará moito á tecnoloxía a fala”. Mentres, Abel Caballero felicitou aos promotores da iniciativa e emprazou ás e aos vigueses e viguesas e aos habitantes da área metropolitana e do sur de Galicia en xeral a participar no proxecto que permitirá “que o diálogo que estamos mantendo de forma permanente coas máquinas, responda na nosa propia lingua e co noso propio acento”, dixo Abel Caballero.
O obxectivo final é que unha persoa galegofalante poida interactuar co mundo dixital na súa lingua usando os axentes conversacionais por voz.
“Temos o obxectivo de acadar 6.000 participantes, cumprindo ademais os criterios de que 30 horas de gravación correspondan a persoas de máis de 50 anos; 10 horas correspondan a cada provincia e cun equilibrio de xénero de 40-60% ”, explica Laura Docío Fernández, investigadora principal de falAI, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. Estas achegas son anónimas e a as voces participantes nunca serán expostas ou escoitadas de forma aberta. Todos aqueles que graven 30 frases poderán participar no sorteo dunha PlayStation 5 e outros premios.
Docío, xunto á catedrática do mesmo departamento, Carmen García Mateo, e ao tamén investigador e persoal do departamento de I+D+i de Balidea, Andrés Piñeiro Martín, conforman o equipo que está a desenvolver falAI. “O único requisito que deben cumprir as persoas que queiran participar no proxecto é que sexan maiores de idade. Canta maior diversidade de voces teñamos mellor”, sinala Docio, que sinala que as voces se recollerán de forma anónima, “non se recollen datos persoais sensibles que poidan identificar ás persoas participantes. Ademais, estas voces estarán dispoñibles con fins de investigación no ámbito das tecnoloxías da fala”, detalla a investigadora de atlanTTic.
Ademais de recadar voces que falen en galego, que permitirán xerar datasets neste idioma en dominios como a saúde ou os trámites administrativos, falAI tamén ten o obxectivo de facer un estudo que sirva de guía no deseño e posta en marcha de axentes conversacionais por voz en linguas con baixos recursos, con dasets moi limitados en canto ao número de horas de gravacións dispoñibles e á cantidade doutros recursos lingüísticos. “Un punto importante tamén é o deseño destes conxuntos de datos (que frases gravar, o seu número, como medir e validar a calidade das gravacións de forma automática… ) para poder adestrar os algoritmos de aprendizaxe que usan os axentes conversacionais por voz e utilizalos en escenarios con poucos recursos, como poden ser linguas minoritarias como o croata, danés, checo, búlgaro. etc.”, explica Laura Docío.
O proxecto falaAI enmárcase dentro da colaboración que as investigadoras de atlanTTic, Laura Docío e Carmen García Mateo teñen en marcha coa empresa Balidea desde hai dous anos e que se formalizou coa concesión dunha axuda da Xunta de Galicia para o desenvolvemento da tese de doutoramento de Andrés Piñeiro no campo dos axentes conversacionais por voz en galego, en particular en aplicacións onde a poboación obxectivo sexa xente maior.
O equipo de investigación, conformado por personal de Balidea e as investigadoras da UVigo, tamén acadou 22.500 euros de financiamento nunha convocatoria aberta do proxecto europeo European Language Equality-ELE para a contribución na Strategic research, innovation and implementation agenda for achieving full digital language equality in Europe by 2030 (SRIA). Na convocatoria seleccionáronse nove proxectos e un deles foi o presentado por Balidea, e no que ía como parte do equipo de traballo a UVigo, titulado Building E2E spoken-language understanding systems for virtual assistants in low-resources scenarios. “O proxecto ten como un dos seus obxectivos a realización dun estudio sobre o deseño e posta en marcha de axentes conversacionais por voz en linguas de baixos recursos lingüísticos. A experiencia gañada con falAI é fundamental para a realización deste estudo”, explica Docío.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL