O principal atranco que se atopan os estudantes estranxeiros para cursar as súas carreiras en España é o idioma, xa que é imprescindible contar nun nivel B2 de castelán. Para facilitar este trámite naceu o programa Campus Spain, unha iniciativa que axuda a mozos e mozas de todo o mundo a acadar este requisito e a abrirlles as portas do sistema universitario español. Moitos deles chegan cada ano á Universidade de Vigo, que colabora con Campus Spain a través do seu Centro de Linguas na formación deste alumnado. Unha vez obteñen o nivel requirido poden elixir calquera universidade española, pero a súa experiencia dun ano en Vigo fai que este acaba sendo o seu destino definitivo para obter unha titulación. É o caso de Sing Huei Ong, de Malaisia, e Priyanjali Gupta, da India, ambas estudantes de Administración e Dirección de Empresas, a primeira xa rematando a carreira e a segunda comezándoa.
Sing Huei Ong, á que en Vigo coñecen como Brenda, chegou a Vigo en 2019 como parte do que ela mesma define como “a primeira fornada de alumnos de Campus Spain” que se incorporan ao curso de español do Centro de Linguas. Recoñece que sempre quixo ser “multilingüe e ser capaz de utilizar idiomas amplamente falados”. Finalmente decantouse polo español, porque “é unha lingua global e relativamente fácil de aprender”. Para formarse elixiu Vigo, unha cidade “de fala española na que, aínda que é posible que escoites algo de galego, a maioría sempre conversará en español, polo que estás obrigado a usalo”. Neste proceso valora moi positivamente a formación recibida no Centro de Linguas “con cursos moi ben deseñados” e “profesoras profesionais e pacientes que fan posible que non sexa un soño aprender español desde 0”, como era o seu caso. Respecto da lingua, sorprendeuna entre outros aspectos, as regras de conxugación e a gramática, que son “moi diferentes ás dos outros idiomas que coñezo”.
Sobre o proceso de adaptación a Vigo e a Galicia, recorda que durante o primeiro ano, e sobre todo no seu primeiro inverno, deuse conta de que había moitas cousas que lle eran alleas ao proceder dun país tropical sen cambios de estación, como as mañás neboeiras, as árbores sen follas e, ás veces, estradas conxeladas e pedrazo. De todas elas gústalle especialmente “a variación na duración do día e da noite” e outras sorprendérona especialmente, como o feito de tomar un almorzo lixeiro e unha comida abundante, os saúdos con bicos na meixela ou o feito de permitir mascotas nos centros comerciais.
Tras ese primeiro curso en Vigo, Brenda decidiu ficar en Vigo para cursar unha carreira, en concreto Administración e Dirección de Empresas. “Quedeime na UVigo porque é unha universidade nova e dinámica, aínda que a vida universitaria non se nota moito”, pola distancia entre o campus e o centro. Sen embargo, recalca, “hai innumerables estudantes internacionais, o que fai da Uvigo unha institución diversa”. Neste tempo afirma sentirse “segura” vivindo en Vigo, “desfrutando do clima morno e do custe da vida accesible de Galicia” nunha cidade que “ten o tamaño perfecto para perderse, acolledora e con moita vida”.
Xa en 4º curso, e transcorridos máis de catro anos dende que chegou a Vigo por primeira vez, Brenda fai balance da súas expectativas e recoñece que se atopou coa vida universitaria que esperaba, tratando de manter un equilibrio entre vivir pola súa conta e os estudos. Co tempo, foi coñecendo as diferentes posibilidades que lle ofrecía a súa Universidade de acollida e mesmo fixo un intercambio á Universidad de Granada o ano pasado. Respecto de cursar a carreira unicamente en español, como o resto dos seus compañeiros, considera que “é factible pero recoñece que, sobre todo no primeiro ano, a frustración pode estar presente, pero a barreira do idioma redúcese co tempo. Ademais, recalca, “ninguén dixo que obter un título sería fácil, hai que poñerse as pilas e dedicarlle tempo”. A falta duns meses para rematar o grao, a súa idea é ficar en España e comezar aquí a súa traxectoria laboral no mundo empresarial.
O caso de Priyanjali Gupta é semellante, pero entre elas hai tres anos de diferencia. Procede da India e comezou en setembro o seu primeiro curso de ADE tras pasar o ano pasado en Vigo estudando español. Explica que sempre quixo aprender español “porque me gustaba a cultura e a xente de España, e para coñecer as persoas o mellor é falar o seu idioma”. Apostou por Campus de Spain para comezar a súa aventura e elixiu a Universidade de Vigo “porque sabía que a facultade de linguas é moi boa e acolle cada ano a moitos estudantes internacionais”.
O primeiro ano “foi moi ben” aínda que recoñece que “realmente non é tan fácil como a xente pensa, pero se non saímos de nosa zona de confort, no poderemos crecer”. Lembra que chegou sen saber nada de español pero foise adaptando pouco a pouco coa axuda dos profesores e do equipo de Campus Spain. “Os primeiros días estrañaba moito aos meus pais e o meu país, pero na Universidade sentíame moi cómoda, cunhas docentes que “foron como as nosas amigas e nos ensinaron non só o idioma, senón tamén a cultura e outras aspectos da vida en España. Fixemos moitas actividades que permitiron que a aprendizaxe fose divertida e rápida; ese ano aprendín moito e crecín como persoa”.
Unha vez rematado ese primeiro curso de adaptación, Priyanjali Gupta estaba ante o reto de elixir carreira e universidade e finalmente decantouse polo que xa coñecía e matriculouse en ADE. “Tíñao claro porque a facultade é unha das mellores en España”. De momento, estes primeiros meses do curso están, recoñece, “indo moi ben, mellor do que esperaba; os profesores axúdannos moito e dannos tempo extra se temos dúbidas e coida dos seus estudantes moi ben”.
Ao igual que Brenda, os choques culturais foron inevitables neste tempo en Vigo. “Non sabía o que eran as tapas, nin que as tendas pechan os domingo e algunhas durante parte da tarde. A comida tamén é diferente, pero rica”. As festas tamén foron motivo de sorpresa, “sorprendeume como se celebran, a xente é más divertida do que pensaba, encántame a xente española, é moi simpática e amable e gústame moito o estilo de vida”.
A ela aínda lle quedan por diante catro cursos de ADE, pero igual que a súa compañeira, gustaríalle quedarse a traballar en España e coñecer outros países europeos.
Ao longo deste curso o Centro de Linguas forma preto de 75 estudantes de todo o mundo a través de Campus Spain, procedentes de países como Ucraína, Australia, Indonesia, Iemen, Tunisia, EAU, Filipinas, India, Malaisia, Ruanda, Sri Lanka, Irán, Xordania e Exipto. O obxectivo para a Universidade de Vigo é que boa parte deles elixan quedarse nun dos tres campus para comezar a súa formación superior.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL