Son unha nena. Sufrirei discriminacións e violencia sexual?; Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?; As cores múltiples da vida. Diversidade sexual e identidades de xénero; Hackeamos ao patriarcado. Unha análise do machismo dixital; Rebeldes con causa. Voces feministas interpelando á creación cultural e Non nacimos para coidar. Como ser muller e vivir nunha sociedade patriarcal e capitalista son os títulos dos seis novos volumes que a editorial Galaxia vai incorporar a súa colección Feminismos. As novas achegas o catálogo de Galaxia recollen traballos fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) con perspectiva de xénero, elaborados por alumnado da UVigo, e que foron galardoados cos premios Egeria, que anualmente convoca a institución académica viguesa, complementados e coordinados por académicas consolidadas da Universidade de Vigo. A colección, cuxo primeiro volume xa está publicado, foi presentada este mediodía nun acto celebrado no edificio Redeiras no que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez e a docente e investigadora e coordinadora do libro, María Lameiras e o director de editorial Galaxia, Francisco Castro, destacaron o valor desta colaboración ao tempo que alertaron da obriga de non desandar o camiño avanzado polo feminismo.
A directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, refírese a esta colaboración con Galaxia como “unha especie de confluencia cósmica”, que arrancou en setembro de 2021 coa proposta do docente e investigador da Universidade de Vigo Xavier Martínez Cobas de iniciar unha cooperación coa colección Feminismos. A oferta chegou xusto nun momento no que á Unidade de Igualdade lle preocupaba desenvolver o punto do Plan de Igualdade da UVigo referido a favorecer a creción dunha liña de publicacións propias sobre estudos e investigacións con perspectiva de xénero. Para a directora da Unidade de Igualdade a cooperación acadada con Galaxia cumpre dous obxectivos, dunha banda “divulgar e transferir os coñecementos científicos feministas, con perspectiva de xénero e/ou que abordan o estudo das mulleres ao resto da sociedade, a través dunha canle privilexiada” e, doutra, visibilizar as novas pensadoras e pensadores feministas que están a desenvolver a súas primeiras obras intelectuais na UVigo, a través de TFG e TFMs e que, segundo Águeda Gómez “van ser as futuras intelectuais de referencia do sur de Galicia, acompañadas nestes caso de académicas consolidadas que temos na nosa universidade”, nomeadamente as docentes e investigadoras María Lameiras e Yolanda Rodríguez, que coordinan o primeiro volume; Susana Reboreda, coordinadora do segundo; María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo do terceiro volume; Soledad Torres Guijarro do cuarto; Mar Caldas, coordinadora do quinto e Iria Vázquez Silva do sexto. Estes seis volumes, considera a directora da Unidade de Igualdade que seguen o ronsel iniciado en 1970 coa publicación da primeira tese de doutoramento sobre cuestións de xénero, Política sexual de Kate Miller. “Desde entón son incontables as achegas que o feminismo académico fixo na produción científica e a súa forte e decisiva impronta nos avances sociais das últimas décadas. Por elo, para poñer en valor a epistemoloxía feminista é fundamental que as institucións universitarias realicen un esforzo firme e permanente na difusión de coñecementos e súa transferencia”, asegura.
Pola súa banda, a presentación de hoxe, a vicerreitora de Comunicación, Mónica Valderrama, destacou o valor desta colaboración público-privada, “que permite facer chegar á sociedade o que se está a investigar na nosa casa”, e cunha perspectiva moi interesante polo momento que se estar a vivir “cunha especie de dislocación que cousas que son moi positivas a favor dos avances ao tempo outras que son absolutamente delirantes que van cara atrás nas conquistas acadadas”, dixo.
Na súa intervención, o director de Galaxia celebrou esta colaboración e lembrou o compromiso da editorial co feminismo, a través da colección do mesmo título, ata o punto que “non hai no estado español e non creo que en Europa unha editorial que publicase tantos ensaios de corte feminista e tan poucos anos”, asegurou Francisco Castro. As publicacións do alumnado e das académicas da UVigo sumaranse á ducia de volumes cos que ata agora conta Feminismos, fornecendo a colección con títulos nos que Castro asegurou esforzarse como editor para que as autoras non escribisen para a comunidade académica, “porque hai que contarlle á xente que non é da academia e que está interesada no mundo feminista”, e é que para o director de Galaxia, ”é importante que a sociedade saiba que o feminismo é unha urxencia”.
Pola súa banda, María Lameiras iniciou a súa intervención repasando datos de diferentes organizacións que poñen de relevo o incremento da violencia machista e entre adolescentes, así como dos abusos a menores nos últimos anos. “Datos para facernos tremer por como estamos, polo que é acaido falar destes temas, alto e claro. Porque a violencia ten repercusións en toda a sociedade e non só nas mulleres”, dixo Lameiras, que sinalou a educación como a clave para transformar unha sociedade con estereotipos con homes privilexiados que non asumen os coidados no ámbito privado. Sobre o momento presente, a coordinadora, xunto a Yolanda Rodríguez de Son unha nena. Sufrirei discriminacións e violencia sexual?, asegura que logo de 300 anos de loita feminista “vivimos unha experiencia de forte reacción por parte do patriarcado, que se reflicte en accións políticas, non só en España, senón na realidade internacional. Estamos na 4º onda feminista, cando aínda non rematou a 3ª”, asegurou Lameiras, que tamén reclamou a responsabilidade dos medios de comunicación na transmisión de mensaxes e asumiu a responsabilidade de sensibilizar e impulsar ás novas xeracións para que recollan o relevo na loita pola igualdade.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL