Con sabor a viño e a mel. Así chega a nova tempada de obradoiros de Extensión Universitaria para o segundo cuadrimestre, 11 propostas formativas alternativas nas que as principais novidades son un obradoiro de cata de viños e outro de apicultura, novas propostas que se suman a outras xa clásicas como a elaboración de pan de formento, agricultura orgánica, cultivo de cogomelos, posta en escena dunha obra teatral, música e baile tradicional… Con prezos que varían entre os 26 euros para a comunidade universitaria, 32€ para outros colectivos vinculados coa UVigo e os 40€ do público en Xeral, o prazo para inscribirse arranca o luns día 6 e manterase aberto ata o xoves 16
Para os amantes da viticultura ou, simplemente para quen queira aprender máis sobre o mundo do viño, lánzase o obradoiro Introdución á cata e tipoloxía de viños de Galicia, Portugal e España, unha proposta que chega da man de José Argibay e Juanjo Figueroa, presidente da Asociación de Sumilleres de Galicia e copropietario do restaurante vigués Lume de Carozo (Joaquín Yañez, 5), local no que se desenvolverán as clases. Será todos os mércores de 17.00 a 20.00 horas dende do 1 de marzo ao 10 de maio.
No caso do Obradoiro de apicultura ponse en marcha co obxectivo de que o alumnado adquira os coñecementos necesarios para manter as colmeas sas e en estado de produción, coñecendo que produtos se poden obter e como colleitalos: mel, pole, cera, xelea real, apitoxina, propóleos, etc. Impartido por José Garrido, as clases desenvolveranse no salón de actos da Ecimat todos os sábados de 09.00 a 14.00 horas desde o 25 de febreiro ata o 18 de marzo. Partirase dunha aproximación xeral ao mundo das abellas, para, pouco a pouco, aproximarse a distintas cuestións de interese (normativa vixente, material empregado, tipos de colmeas, coidados, técnicas de multiplicación, de anestesiado...).
Como é habitual a música segue a ter un forte peso na programación dos obradoiros. Tras a fichaxe no primeiro cuadrimestre de Óscar Avendaño, baixista de Siniestro Total, como convidado no obradoiro Miradas de música, a colaboración continúa agora con Tres acordes e a verdade: viaxe ao interior das cancións que impartirán de maneira conxunta a docente da UVigo Susana Rodríguez Barcia e o propio Avendaño. O obxectivo é achegar ao alumnado as claves compositivas da música rock e pop, en especial en canto á relación das letras coa historia política e social e as circunstancias persoais dos e das artistas. Será no café A Casa de Arriba (r/ Martín Códax, 23 Vigo).
Continúa tamén a Aula de Música Tradicional, obradoiro de música e baile tradional galego, así como o Obradoiro básico de Ukelele e o de Posta en escena dunha obra teatral, dirixido á preparación da obra coa que representarán á UVigo na vindeira edición da Miteu.
Volven tamén diferentes obradoiros relacionados co mundo da natureza, entre eles o de Cultivo doméstico de cogomelos, unha opción que inclúe o cultivo práctico de varias especies de cogomelos de interese gastronómica, coñecementos teóricos e todo o material preciso; Descubrindo as árbores: identificación e usos, dirixido a que as persoas asistentes aprendan a coñecer e identificar as diferentes especies de árbores, así como a recoñecer que especies son comestibles e que propiedades nutracéuticas teñen, que outras aplicacións poden chegar a ter... , así como o Obradoiro práctico de agricultura orgánica. Deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta orgánica, continuación do que xa se impartiu no primeiro cuadrimestre (máis teórico) e no que agora se centrarán en facer as plantacións no horto universitario que está situado detrás do Cinbio.
O cadro de posibilidades de talleres relacionados co mundo da natureza complétase con Plantas silvestres comestibles, identificación no campo e usos na cociña, que, un ano máis, correrá a cargo de Patricia Puga. As clases alternarán neste caso as explicacións teóricas coa recolleita das plantas e a súa preparación, que se levará a cabo na cociña da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Completa o abano de posibilidades o obradoiro Pan de “formento”. Recobrando a tradición, impartido por César Lema, co que se pretende recuperar a idea do pan como alimento básico de sempre. Falarase nestas clases dos diferentes tipos de cereais e as súas propiedades, das vantaxes de empregar o formento no canto do lévedo prensado, pero tamén haberá oco para a práctica, de maneira que cada participante poida elaborar os seus propios pans que logo cociñará no forno da súa casa.
La UVigo abre este sábado su programa de rutas culturales con una andaina por algunas de las playas más importantes del norte de Portugal
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL